Mércores 28, Setembro 2022
HomeDestacadasGALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA II

GALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA II [MEDIO RURAL]

por Isabel Vilalba Seivane
Secretaria xeral do SLG

Eufemismos sostibles

Estes últimos días do ano, as galegas e os galegos coñeciamos os orzamentos máis altos da historia da Xunta de Galicia, en concreto 11.627 millóns de euros para o 2022. Coa excusa da transformación dixital  e do Smart Territory que pregoa o goberno galego, en moitas ocasións estanse a desmantelar os servizos públicos e acelerando un proceso de baleirado progresivo do rural que non é, malia ao anunciado, nin intelixente nin sostible.

“Precisamos pór no centro das políticas a vida das persoas e as súas necesidades máis básicas, así como  promover un cambio do modelo produtivo que dea resposta aos grandes retos actuais”.

O custo medio da electricidade está en 362,02 euros, arredor dun 520 % máis ca o ano pasado, a inflación no 5,6%, impulsada sobre todo polos alimentos e polos combustibles,  e a incerteza pola situación sanitaria e  por todas  as repercusión das medidas que se están a tomar protagonizan este Nadal en moitos fogares. A economía real das familias e das pequenas empresas semellan ir por un lado, mentres que as políticas da Xunta se encamiñan a facilitar a especulación na maioría dos sectores, mesmo no público, así como o acaparamento por parte de grandes corporacións do territorio ou dos fondos. Precisamos pór no centro das políticas a vida das persoas e as súas necesidades máis básicas, así como  promover un cambio do modelo produtivo que dea resposta aos grandes retos actuais.

Estes orzamentos semellan  totalmente alleos a grandes preocupacións sociais como a perda de poder adquisitivo, a precariedade laboral ou o deterioro de servizos básicos como a sanidade ou a educación, alleos tamén ás dificultades dos diferentes sectores económicos ou aos graves problemas de sostibilidade do modelo económico actual, como o esgotamento  progresivo de certas fontes de enerxía e materiais, a xestión de residuos, o cambio climático ou a gran vulnerabilidade da sociedade para a satisfacción de necesidades básicas.  O modelo globalizado de abastacemento de alimentos, para as persoas ou para o gando, ou de outro tipo de mercadorías, baséase sobre todo na dispoñibilidade de petróleo abundante e barato, mais existen numerosos elementos para entender que isto non vai ser así neste momento e menos no futuro.

A produción de petróleo cru convencional leva arredor de 15 anos sen incrementarse e nos últimos anos comezou a caer, os intentos cos chamados petróleos non convencionais como o do fracking demostraron  finalmente que estes non teñen a mesma utilidade, como por exemplo para obter diesel. Hoxe por hoxe é innegable que os combustibles fósiles son a base do actual modelo económico, e que o seu encarecemento ou carestía futura ten efectos inmediatos nas nosas vidas.

Tanto a nivel económico como de xeración de emprego, tanto directo como indirecto,  os sectores agrícola e gandeiro son fundamentais en moitas comarcas galegas, pero se algo está a ser común en todos estes sectores é a preocupación polos baixos prezos e polo incremento dos custos de produción dos insumos máis significativos (alimentación do gando, fertilizantes, plásticos, gasoil, transporte, custos de servizos de maquinaria…). No futuro é imprescindible establecer medidas para reforzar a autonomía enerxética e tamén respecto da compra de insumos, e en definitiva establecer o camiño para garantir a soberanía alimentaria e enerxétiva do conxunto da sociedade, así como un modelo que garanta a  satisfacción das necesidades básicas da poboación.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]