Martes 24, Maio 2022
HomeDestacadasGALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA I

GALICIA 2022. AXENDA NON AUTORIZADA I [TERRITORIO]

por Xosé Constenla Vega
Xeógrafo e profesor

Novos conceptos e novos instrumentos

Calquera proxecto político transformador e de futuro en Galiza ten a obriga de deseñar, tomando en serio esta tarefa, un modelo territorial. Esta cuestión poidera ser un lugar común, de non ser porque nos últimos corenta anos ningunha opción do actual arco parlamentario desenvolveu unha proposta espacial coherente e responsábel.

“Debéramos pensar en transformar o xeito no que pensamos o territorio, poñendo o espazo en primeiro lugar como un xeito de emancipación (…) Iso conduciría ao emprego de novas ferramentas de planificación e xestión”.

O actual “status quo” territorial que se enmarca no contido das Directrices de Ordenación do Territorio foi asumido sen demasiadas discrepancias por todo o abano partidista, elevando deste xeito a categoría a organización do espazo que impulsara –a mediados do século XX- o despregue das leis do mercado baixo o férreo puño do espolio e a colonización. Noutras palabras, consolidouse amigabelmente a idea irreversíbel de que temos un País fragmentado pola dualidade urbano-rural, desequilibrado entre o litoral e interior, despoboado, avellentado e en proceso de abandono.

A práctica de asumir o territorio coma un soporte das diversas políticas sectoriais (enerxética, forestal, agraria, turística, entre moitas outras) e a teimada manobra de definir a súa clasificación xurídica a través dunha ferramenta de desenvolvemento económico, como é a Lei do Solo, agrandou os efectos negativos dunha deficiente e inexistente práctica no relativo á Ordenación do Territorio. Ademais, os intentos de planificar e “desenvolver” o territorio a través da construción de grandes infraestruturas viarias de conexión coa meseta, baixo a bandeira da suposta modernización do País, evidenciou a incapacidade de naturalizar as relacións sociais que se dan na actual ocupación humana do territorio.

Así as cousas, presentar algún tipo de medida inmediata e concreta para poñer fin a esta situación de colapso territorial semella unha entelequia. Debéramos pensar, de inicio, en transformar o xeito no que pensamos o territorio, poñendo o espazo en primeiro lugar como un xeito de emancipación. Este cambio epistemolóxico, que supón deixar atrás séculos de Teoría Social Crítica de corte economicista e historicista, conduciría á creación dun novo corpo conceptual máis acaído á realidade galega e, en consecuencia, ao emprego de novas ferramentas de planificación e xestión.

Se nos convencemos de que o importante xa non é “desenvolver solo” (residencial, comercial ou industrial e tamén agrario e forestal) e construír grandes sistemas viarios para chegar máis axiña a non se sabe onde, ou sexa se somos quen de subtraer o territorio das gadoupas do valor de cambio e da especulación e, sobre todo, se comezamos a pensar o territorio coma un sistema no que as partes non poden ser fragmentadas e enfrontadas, senón que deben operar de xeito solidario e sinérxico, entón poderemos dar a importancia que realmente ten ao noso patrimonio cultural e natural tan necesitado de novos instrumentos, ás nosas contornas próximas abarrotadas de vivendas baleiras e construcións abandonadas, aos nosos camiños e itinerarios aniquilados polo descoñecemento, ou ao noso monte artificializado pola actuación de corporacións empresarias sen escrúpulos, en conivencia co goberno de quenda.

Supoño que alguén agardaría deste artigo que falase da conexión co norte de Portugal ou da “nacionalización” da autopista do Atlántico. Tamén que presentase algunha receita para unha nova planificación urbana e un desenvolvemento sustentábel do rural. Ademais, que recollese algunhas ideas para preservar os espazos naturais e relaxar a ocupación estacional do litoral. Porén, todo iso son amaños dos que se leva falado moito tempo e que non dan solución á necesidade urxente de coidados que o territorio galego precisa. Uns coidados que resultan de imposíbel aplicación se non modificamos de xeito radical o modo que temos de pensar o territorio e os instrumentos cos que operamos nel.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]