por Francisco Vizoso
Médico epidemiolóxico
Desmercantilizar servizos
Servizos de saúde
É evidente a día de hoxe o deterioro da nosa Atención Primaria (AP). Na orixe dese deterioro están as políticas neoliberais e de recortes que se veñen practicando desde hai máis de 10 anos. A súa consecuencia máis rechamante son avultadas listas de espera en AP de até varias semanas. Entre as causas máis importantes deste deterioro destaca de maneira sobranceira a decisión tomada polo primeiro goberno Feijóo, en 2009, de paralizar o chamado “Plan de Mellora de Atención Primaria (2007-2009), que fora amplamente consensuado e tiña un amplísimo respaldo dos profesionais. É preciso un novo “Plan de Mellora” que asegure a incorporación programada de novos profesionais á AP.
“Na práctica, a privatización da xestión do Servizo de Atención no Fogar é case total. A súa remunicipalización é unha necesidade, desgrazadamente ignorada pola maioría das forzas políticas e sociais progresistas”.
É preciso recuperar as Xerencia de AP de Área, suprimidas en 2010, que tivo como principal consecuencia o reforzamento do hospitalocentrismo, que xa antes caracterizaba ao noso sistema sanitario, que xera frustración e novas disfuncións, relacionadas coa supeditación dos obxectivos propios da AP ás prioridades e necesidades hospitalarias.
Recuperar a atención presencial en AP debe ser unha prioridade.
O SERGAS debe modificar a súa política de concertos coa sanidade privada e reverter a actual tendencia a ir incrementando paulatinamente a transferencia de recursos desde a sanidade pública á sanidade privada a través de forma de concertos. A última “creativa” manifestación son as “subastas” de “Lotes de Servizos”, sobre todo de listas de espera cirúrxicas, que se realizou hai uns meses na Área Sanitaria de Vigo.
Servizos sociais
É unanimemente aceptado entre os expertos que os Servizos de Atención no Fogar (SAF) deben constituír a cerna dos servizos sociais de atención á dependencia, tendo como obxectivo central manter aos maiores e dependentes na súa contorna familiar e social o máximo de tempo posíbel, de acordo co principio de “Envellecer na Casa” (Ageing at Home). En Galiza, o SAF atende a moitas menos persoas das que o precisan, pois só reciben atención do SAF un 4% dos galegos e galegas que teñen 65 e máis anos, mentres que no conxunto do Estado esa porcentaxe é do 5%, e no países do norte de Europa acadan cifras moi superiores, chegando en Suecia ao 8,5%. Ademais, as horas semanais de cobertura do SAF son moi escasas e afastadas das moi superiores necesidades reais dunha parte moi importante dos actuais usuarios galegos.
Na práctica, a privatización da xestión do SAF é case total, malia a súa teórica dependencia dos concellos. Estes ceden, en réxime de concesión, a súa xestión a empresas privadas. As condicións salariais e laborais das traballadoras galegas dese servizo precisan ser melloradas con urxencia, pois son dunha enorme precariedade. A remunicipalización dos SAF é unha necesidade, desgrazadamente ignorada pola maioría das forzas políticas e sociais progresistas.
A elevada número de mortes por COVID nos centros residenciais de maiores e discapacitados, sobre todo nos de xestión privada, fixo evidente para a maioría da opinión pública que o actual modelo de residencias precisa cambios profundos que permitan superar as súas fortes eivas: á cabeza delas, a súa enorme privatización, que fica evidenciada no feito de que o 84% das prazas dos centros residenciais galegos son xestionadas por empresas privadas, cun forte predominio de empresas, como DomusVi, dependentes de Fondos Voitres de Investimento, que fan da obtención de beneficios económicos o elemento central da súa actuación, ao que supeditan claramente a calidade dos coidados que prestan. As baixas ratios de persoal, en relación co número de usuarios que na actualidade existen nas residencias, son outro problema moi relevante, que as empresas privadas que maioritariamente as xestionan tenden a ocultar e non cumprir, mentres a Inspección mira para outro lado.