por Luís Álvarez Pousa
Estamos en estado de alarma. Ás portas do que en democracia é, ou debera ser, unha festa en liberdade: a das eleccións do 12 de xullo. Para iso, nada tería que estorbar, malia as limitacións que siga impoñendo a pandemia, tanto a fase deliberativa, imprescindible para termos os cidadáns capacidade e liberdade de decisión, como a emisión do voto.
E xa que todo o proceso se dá nun tempo excepcional, cos contactos físicos dos máis vulnerables moi taxados e controlados, e cos partidos políticos moi condicionados por unha campaña forzosamente atípica, o que se impón é un proceso igualmente excepcional, no que os medios de comunicación públicos -e sería bo que tamén os privados- pasen de meros apéndices a activos dinamizadores do debate electoral. Os do Estado -RTVE-, e de maneira incondicional, a TVG e a Radio Galega.
A resultas do dito, non é de recibo que o goberno reclamase medidas excepcionais para a emisión do voto, que a Junta Electoral Central aceptou dándolles aos carteiros un moi cuestionable poder de mediación doméstica, e non as esixira tamén para asegurar a través dos medios de comunicación que os votantes accedan, sen limitacións de ningún tipo, á información e ao contraste de ideas e programas partidarios, para así poder decidir en liberdade o sentido do seu voto.
A lei electoral resérvalle a ese organismo o poder de regular o pluralismo político nos medios. Unha función que os países do noso entorno europeo lle conceden ás administracións dos propios entes audiovisuais. Era, pois, oportuno demandarlle tamén que, en razón desa excepcionalidade, deixara de interpretar de maneira restritiva ese seu poder e ordenase, de oficio, que os medios públicos galegos deixen de estar pexados durante este período polo sistema de “bloques”. En definitiva, que a información dos telexornais e noticieiros radiofónicos e os obrigados debates deixen de estar sometidos a criterios de propaganda política, e se rexan por criterios exclusivamente profesionais. O artigo 66 da LOREG non impide que o que foi desde 1989 unha decisión interna da JEC mude agora, facendo corresponsables na protección do pluralismo aos administradores da CRTVG. Pola contra, concédelles explicitamente esa delegada atribución.
Estamos a tempo. E quen teñen a sartén mediática polo mango deberían sorprendernos a todos con esa reclamación democrática: o presidente Núñez Feijóo, que é quen pode demandarllo á JEC igual que sucedeu coa polémica decisión dos carteiros, e o director xeral do ente, Sánchez Izquierdo, que é quen pode executar o que lle marca a propia lei. Ese organismo xurídico/político non ten atribucións para ordenar dunha vez por todas o rescate da TVG e a RG que moitos cidadáns, os seus verdadeiros propietarios, vimos esixindo, e con nós os traballadores que visualizan ese seu secuestro gobernamental a través dos “venres negros”. Pero sí que o pode conseguir cando menos para o período electoral ao que se nos convoca.
Salvo o non renunciar ao vantaxismo presidencial, que dura xa dez largos anos e adquiriu durante os meses do estado de alarma a súa dimensión máis obscena, nada impide que eses medios rompan cando menos neste período electoral o corsé partidista de sempre e recuperen a súa natureza pública. Para que fagan de palanca democrática, profesionalizando e garantindo o pluralismo político, e con el a igualdade de oportunidades. Iso só o poderán levar a cabo se a JEC asume ese obxetivo e, prescindindo da tan perversa minutorización (a distribución obrigada do tempo audiovisual en base aos votos conseguidos catro anos antes por cada unha das candidaturas), fai que a TVG e a RG se rexa para a elaboración dos seus servizos informativos e para a realización dos debates -os necesarios para garantir o contraste das ofertas electorais, sen exclusións, e tamén das valoracións de expertos, e en prime time– por criterios exclusivamente xornalísticos. Cos administradores do ente público como avalistas.
Co control da xunta electoral activado para facer operativos no día a día os principios de pluralismo participativo (non só entre representantes das distintas opcións electorais, senón tamén entre os profesionais do xornalismo que tomen parte nos debates programados) e de igualdade de oportunidades, por unha banda, e de imparcialidade profesional á hora de concretar as axendas e de levar a cabo o labor informativo, pola outra, resolvendo con dilixencia as reclamacións a que houbera lugar. Para unha maior garantía, e en ausencia do non nato Consello de Informativos que a lei do 2011 establece como órgano de control interno tanto na TVG como na RG, a xunta electoral auxiliaríase das aportacións e coñecementos que un comité de expertos en comunicación e xornalismo, que se constituiría no Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, lle fose trasladando no día a día da campaña.
De non ser así, a deliberación que antecede ao voto non tería apenas virtualidade nestas circunstancias excepcionais. Tería entón máis sentido falar, agora con máis razón ca nunca, de tongo. Non de festa democrática.