Martes 27, Setembro 2022
HomeDestacadasFEIJÓO: RETRATO EN SEPIA

FEIJÓO: RETRATO EN SEPIA

por Luís Álvarez Pousa

O día en que unha cámara indiscreta daba conta da bagaxe intelectual de Núñez Feijóo, ao captar na súa mesa do despacho presidencial como libro de cabeceira o titulado 365 días para ser más culto, quedou en evidencia a súa estulticia política. Cando armou a operación derribo contra Casado para trocar o propagandístico Galicia, Galicia, Galicia por Madrid, Madrid, Madrid, caeulle o velo da súa falsa retórica coa que enmascarou anos de irreprimible cinismo. E despois de case cinco mil días mandando con insultante desprezo dos seus contrarios e facendo bo o modelo caciquil de partido e de goberno que se comprometera a desterrar, as estatísticas amosan un encefalograma plano da Galicia do crecemento, que foi nulo, e unha profunda reversión do estado de benestar, botando por terra a imaxe de gran xestor que labrou a base de millonarias aportacións públicas ás contas de resultados dos medios de comunicación. Aparte diso, non hai no seu currículo de home público nada que poida desmentir a súa abstinencia ideolóxica, o que explica esa perturbadora maestría en aplicarlle á política as mañas coas que os trileiros de feira engañan aos inocentes.

Seis meses despois de tomar Génova entre palmas e ramos de oliveira, o que a prensa e os medios audiovisuais do duopolio español -coa TVG facéndolles o eco- chamaron efecto Feijóo parece estar en modo stand by, a xulgar polos datos demoscópicos de agosto. O regreso dos fillos pródigos que alugaran estancia tanto en Ciudadanos como en VOX non dá máis de si, malia teren sido a causa do sorpaso que o PP mantén actualmente sobre o PSOE, e descendeu a valoración do seu novo líder. Faltan aínda moitos meses para as eleccións, nas que Feijóo se xoga o seu futuro político e persoal. De non caeren as forzas progresistas na tentación de rendabilizar o centro a costa de desmovilizar a unha parte decisiva do seu electorado, é un tempo máis ca suficiente para que o efecto Feijóo se desinfle á maneira dun suflé camiño de se converter nunha masa de fariña e condimentos crús.

Víronselle os rotos no debate do estado da nación cando, nun discurso ateigado de insultante verborrea, a súa portavoz Cuca Gamarra, sobrevoando o cenagal de pandemias, crises enerxéticas e desafíos xeoestratéxicos derivados da invasión rusa e da guerra en Ucraína, retomou o monotema de ETA contra o goberno de coalición. Quen ía dar por superada unha longa etapa de fogosa e radical hostilidade, por ser segundo as súas propias palabras impropia dun partido de Estado, ordena botar man do argumentario etarra que tanto rédito lle deu ao PP no máis inmediato pasado. Por certo, tampouco cadra ben ser un partido de Estado e ao tempo seguir bloqueando un órgano institucional tan importante como o Consello do Poder Xudicial. Menos aínda mentir negando que tivese coñecemento do documento no que o ex secretario xeral García Egea e o ministro Félix Bolaños asinaron en 2021 un acordo para renovar a súa composición, que leva en funcións vai xa para catro anos. Remangarse desa maneira contra o que dicta a Constitución non ten mellor explicación que a de seguir tendo o Poder Xudicial, e con el as maiorías do Tribunal Supremo e dos Tribunais Superiores e Audiencias, da súa parte. Desbloquear a renovación é para os populares correr o risco de ter que lidiar coas maiorías progresistas deses tribunais no caso de gañar as eleccións, como cren, no 2023.

Desque abandonou o goberno de Galicia e se fixo coas rendas do PP, Feijóo non desenvolveu ningunha outra práctica política que a do enfrontamento. Quen o coñece menos pensa que esa opción é unha escolla que ten unha dobre finalidade: xerar turbulencias capaces de ocultar as políticas de socorro social aplicadas en tempos de emerxencia polo goberno de coalición, e seducir ultras. Sen negarlle parte de verdade a iso, quen o coñece máis -porque o sufriu antes- sabe que esa forma de facer é connatural con el. Non sabe actuar en política doutra maneira. Delo dan fe as hemerotecas galegas, que se convirten en proba demostrativa: porque gozou de sólidas maiorías absolutas durante os trece anos que estivo á fronte da Xunta, e non tiña necesidade diso.

Con ese estilo de estar sempre a punto de desenfundar, e sen outra estratexia discursiva que a de medirse en plan O.K. Corral, aqueles que con toda a súa boa fe pensaron nel como un patriótico e democrático salvavidas descubren que ese tal Feijóo non se diferencia no substancial dos que, como é o caso de Ayuso, teñen no trumpismo un modelo a seguir. Non só polo que ten a ver coas políticas neoliberais que el aplicou a mansalva nas horas máis baixas da primeira crise económica, que proveitou para santificar a súa inclinación privatizadora, de tan funestas consecuencias para a sanidade pública. Tamén polo que ese modelo comporta en términos democráticos e de ética política. Porque se sostén en retóricas que viven das posverdades. Das mentiras encubertas, en definitiva. No tempo transcurrido, seis meses tan só, Feijóo xa deu abondosos sinais de terlle moi pouco apego á verdade, e de ser capaz de dicir unha cousa e a contraria por simple politiqueo. Vai, polo que parece, no seu ADN político. Xa o recoñecen ata en Madrid.

Ademais, non ten discurso. O que causa alarma entre as elites do poder que apoiaron pola mesma causa a defenestración de Casado e queren coma el expulsar da Moncloa aos progresistas. E non é cousa de que teña quen llo escriba. Porque un líder que está chamado a ocupar a presidencia do goberno de España está obrigado a facer visible en todo momento o dominio que ten das engrenaxes que tensionan as axendas nacionais e internacionais. Non só as da política de andar por casa, ou de silveira, que son as que controla. Tamén as que a día de hoxe desafían con enorme carga ideolóxica a estabilidade do mundo. Nisto, Feijóo aínda non se estrenou. E moito nos tememos que, de intentalo, siga dándolles aos creadores de memes material sobrado para as súas imaxinativas chanzas. O que anda pola rede sobre as súas xa cuantiosas meteduras de pata e os seus devaneos populistas -o último, o do Falcon presidencial, copiando a tan porca como exitosa campaña do Audi contra Touriño- xa é para coleccionar.

Vese que conformar discurso propio en praza pública non é cousa dun día. Nin dun manual como ese dos 365 días para ser más culto.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]