Mércores 27, Outubro 2021
HomeDestacadasESPAÑA: ESTADO FRACASADO?

ESPAÑA: ESTADO FRACASADO?

por Antón Baamonde

A raíz do modo en que se solucionou a crise de Cataluña, ou máis ben deixouse de solucionar, e da xestión da pandemia do Covid-19, o crédito internacional de España está en franca recesión. Tanto que un xornal suizo chegou a usar a expresión “estado fallido” para referirse a España, e no propio Congreso dos Deputados tivo lugar unha discusión sobre o particular. Máis recentemente, articulistas como Carlos Elordi ou Fernando Ónega fixéronse eco da expresión, aducindo o primeiro que se ben España aínda non o é, podería chegar a selo nun futuro inmediato. Ónega, pola súa parte, limitábase a facerse eco da lista de contidos na prensa internacional para concluír que a actual imaxe de España é a de “una nación de ineptos gobernados por políticos irresponsables”.

Agora ben, pode realmente España descender ao nivel de Somalia ou Siría ? Non cabe dúbida de que a polarización política -convertida en estratexia de desgaste do adversario sobre todo pola oposición de dereitas, pero non só- provoca a erosión da autoridade lexítima na toma de decisións. Unha erosión que se ve aumentada polo escándalo dos negocios do rei emérito, polo descrédito de partidos e sindicatos ata o punto de aparecer nas enquisas do CIS a clase política como un dos grandes problemas de España, pola percepción da evidencia dunha xustiza politizada e nesgada, pola división do apoio á monarquía en función das divisorias ideolóxicas. Ese conxunto de erosións vense amplificadas pola división en burbullas estancas da opinión pública derivada das redes sociais.

Todos eses factores cocidos e mesturados xuntos na pota dunha crise económica que compón unha segunda onda da crise de 2008 que fai que chova sobre mollado. O medre da pobreza e da incerteza, ao aumentar o malestar e o medo, fai aumentar tamén os malos humores, a intolerancia e o odio.

Aínda que, por certo, non deixa de resultar curioso e sorprendente que en España a rebelión veña sobre todo das clases medias e altas, das que o epítome foi a cacerolada dos “Cayetanos” no Barrio de Salamanca en Madrid: dos que, ao menos en apariencia, nada teñen que temer. A abrumadora porcentaxe de votos das tres dereitas neses barrios compoñen un consenso de fondo que di moito non só da radicalización, tamén do encastelamento das clases altas. Hai unha vontade explícita de manter a distancia social. A xeografía urbana de Madrid compón unha paisaxe de enormes divisións entre barrios. Usera e Goya son como planetas distintos. O Madrid construído polo neoliberalismo de Aguirre fixo da cidade unha das máis desiguais de Europa. Ao mesmo tempo, o Madrid narrado polos medios de comunicación construíu unha burbulla conservadora e centralista que pesa sobre España.

Non deixa de resultar curioso e sorprendente que en España a rebelión veña sobre todo das clases medias e altas, das que o epítome foi a cacerolada dos “Cayetanos” no Barrio de Salamanca en Madrid: dos que, ao menos en apariencia, nada teñen que temer.

Pero nada novo, lamentablemente: esa fusión de desgaste do futuro e de crecente erosión política compón o caldo de cultivo do fascismo, ou de algo que poda parecérselle mutatis mutandis nestes tempos. Confiemos en que, como as sociedades occidentais teñen mecanismos estabilizadores dos que se carecía hai cen anos –hoxe a chuvia de diñeiro da UE, antes a política monetaria do BCE- a cousa acabe non tan mal. Pero, dende logo, entramos en augas descoñecidas e a historia futura é sempre un horizonte aberto, tanto para ben como para mal.

Sexa coma for, a erosión da autoridade lexítima, que fai que o goberno teña hoxe menos peso en España do que apenas hai vinte anos, ata o punto de aparecer como un actor entre outros máis que como o determinante principal da acción colectiva, non autoriza a falar de España como estado fracasado. As declaracións de Elordi, Ónega e outros hainas que ler, máis ben, como síntomas. Certamente, o así chamado réxime do 78 dá mostras de declive e, o que é peor, non parece que sexa posible unha reforma da Constitución que actualice o pacto social.

O horizonte probable: o da `conllevancia´

Pero de aí a que non se poda falar, por exemplo, de control do territorio por parte do estado hai un universo. Así que o horizonte probable é o que Ortega chamaría o da “conllevancia”. España é demasiado rica e estable, ten clases medias demasiado sólidas, e todos os actores teñen demasiado que perder como para imaxinar unha ruptura do sistema. En realidade, non estaría mal que alguén compuxera unha versión máis luminosa da España actual, tal vez demasiado ennegrecida polo sensacionalismo dos medios e as estratexias polarizadoras das elites políticas.

Polo demais, conviría consignar que non estaría mal un pouco de cautela. O contencioso catalán foi provocado, no substantivo, polo PP e polo seu cuestionamento do Estatut de 2004. As noticias sobre os negocios de Juan Carlos I, que parecerían vir de republicanos exaltados, teñen a súa raíz na chantaxe ao estado de Villarejo e a súa policía política. Quere dicirse que boa parte dos tempos e os contidos da actual situación política española están sendo provocados non pola presión da esquerda, nun país con movementos sociais moi débiles, nin tan sequera polos cataláns, senón pola actitude radical no fondo, pero disimulada nas formas, dunha dereita con tendencia a romper a baralla. Ela é a que se sinte dona da situación.

É dicir: que o probable é que o que teñamos por diante sexa un espazo longo de inestabilidade, dada a incapacidade do sistema político para recompoñer as súas pezas. A polarización política parece impedilo, máis que a constitución material da sociedade española, moi diversa. Agora ben, de producirse unha aceleración do tempo histórico, o certo é que a iniciativa política está máis ben nas mans da dereita e nas súas terminais de  información, que son as que constrúen o marco dominante na mentalidade española, sobre todo no que se refire ao actual Estado das Autonomías.

Xa a sentencia do TC de 2010 comporta unha reformulación recentralizadora –unha especie de LOAPA- de España. E, dende logo, o conxunto da sociedade española é hoxe máis favorable a atar en curto ás autonomías do que hai unhas décadas, cando non a suprimilas abertamente. Visto dende Galicia, iso debería preocupar. A autonomía é desprezada por moitos, pero é o autogoberno que temos. De feito, a pandemia ameaza con incrementar o segmento de opinión crítico co estado das autonomías, vista a incongruencia das medidas ante o virus, sobre todo por motivos de deslexitimación política do adversario, como ilustra o exemplo madrileño, empeñado en atribuírlle a Sánchez responsabilidades que ben podería tomar Ayuso sobre si mesma.

Di moito dos medios radicados en Madrid que, salvo as notorias excepcións de medios progresistas, curiosamente o propio estado central e unha certa venalidade das elites madrileñas, destapada polas dúas crises, non se situara antes nunca como obxecto de crítica. Se vivimos unha reedición da España barroca, ampulosa e orgullosa, iso é máis certo en tipos humanos como Aznar ou Aguirre. Cortes dos Milagres hainas en Barcelona ou Sevilla, pero con todo a outra escala. Nada que ver coas magnitudes madrileñas. Madrid necesita outro Galdós.


 

Novidades