Mércores 27, Outubro 2021
HomeDestacadasENCE, O CAMBIO CLIMÁTICO E NÓS

ENCE, O CAMBIO CLIMÁTICO E NÓS

por Xurxo Borrazás ilustración Daniel Pino

No asunto do traslado de ENCE calquera diría que ecoloxistas, científicos, o concello de Pontevedra, os xuíces, etc, tolearon de súpeto e por iso reclaman o cese da actividade da planta, o despedimento de varios centos de traballadores e traballadoras e a ruína das súas familias. Coma se acabásemos de descubrir unha bomba que houbese que desactivar antes do seu estoupido inminente.

Teño nas mans un libro publicado en 1975 que recolle as transcricións dunha serie de palestras mantidas o ano anterior, en pleno franquismo, nas que participaron biólogos, políticos, economistas, empresarios, médicos, maxistrados, etc (entre eles X.M. Beiras, Carlos Mella, Alfonso Zulueta, Martínez Randulfe, representantes de ADEGA, a empresa basca de celulosas, delegados provinciais de saúde) sobre os efectos que a planta de ENCE estaba a causar na ría de Pontevedra e sobre a ameaza, que non callou, de instalar unha instalación similar ás portas de Ourense.

O libro é Contaminación industrial e desenvolvemento e foi publicado pola editorial Sept. A conclusión que se tira dos debates é que a ubicación era nefasta para o espazo natural, para a biodiversidade forestal de Galiza e para a saúde pública. Érao daquela e éo máis hoxe, co medre das cidades de Pontevedra e Marín achegándoas ás chemineas da fábrica e cunha conciencia medioambiental que fai intolerábel ese foco de polución no interior dunha ría turística e marisqueira. Hai medio século! Non será sen tempo.

En 1974, hai que recoñecelo, a empresa e as autoridades sentaban a debater con quen cuestionaba a súa actividade e a súa regulación. Hoxe nin siquera sabemos moi ben quen son os propietarios, fondos de investimento que no seu momento incharon de comisións ao anterior xefe do estado? A empresa non fala porque ten quen o faga por ela. Nesta guerra eles son os xenerais no cuartel xeral enviando a tropa á fronte de batalla: os traballadores e traballadoras afectadas e a propia Xunta de Galicia, que fai oídos xordos aos argumentos, a legalidade e as sentenzas xudiciais. Convócanse manifestacións para pedir o cumprimento das sentenzas xudiciais e a Xunta oponse, a ese nivel chegamos. A vía tradicional para tolerar a polución consiste en poñer nun prato da balanza as urxencias comprensibeis dos directamente afectados, fronte as vantaxes máis difusas para o común da poboación, e así ir tirando, ata medio século.

Derrotas

Cada día que pasa estou máis a favor do cambio climático. As alteracións de orixe humana sobre a cortiza terrestre e as súas consecuencias sobre o clima son de tal magnitude, case irreversibeis, que se precisa unha viraxe de temón radical para contrarrestar o dano feito, para reverter o cambio que xa se producíu. A desfeita natural non é unha ameaza, é o que hai. Vivimos arestora un proceso de extinción de especies máis acelerado que o que acabou cos dinosauros. Por iso necesitamos un cambio climático con urxencia, para recuperar o equilibro previo á Revolución Industrial.

*

Fóra xogos de palabras, un dos atrancos da loita contra o cambio climático vén da idea extendida de que vai prexudicar a outras especies, aos países pobres e as xeracións futuras. Nós estariamos obrigados a actuar por responsabilidade pero non somos directamente afectados. De feito, un mundo con barra libre para as emisións benefícianos materialmente aos que vivimos nas zonas emisoras, favorece a actividade e o comercio, axuda a baixar os prezos, etc.

Esta suposición de estar a salvo é perniciosa e é falsa. A estratexia efectiva fronte a ela consiste en demostrar como o cambio climático nos prexudica a nós, aquí e agora. Aparte os datos que o corroboran -fenómenos metereolóxicos extremos, subida da temperatura e nivel dos oceanos, avance da desertización, aumento dos cancros de pel ou de pulmón, desaparición de especies (exóticas pero tamén comerciais), proliferación de lumes forestais, pandemias, etc-, debemos poñer sobre a mesa que a cultura da maximalización do beneficio económico e a súa canalización cara unha elite privilexiada, propia do capitalismo que se desentende das consecuencias da súa expansión, ten como resultado unha sociedade, non a futura, a nosa… de persoas alienadas, infelices ou angustiadas.

A pelexa                                                                 

A loita contra o cambio climático pode desmobilizar se se presenta en forma de cumios internacionais con acordos baleiros ou programas de reciclaxe que serven de lexitimación para manter o rumbo cuns retoques, ou en forma de ultimatums. Cando en dez anos sexa irreversíbel, a loita será máis necesaria porque non falamos dun abismo senón dun proceso con graos, non é o mesmo perder un dedo que perder a man, a vista ou o corazón. Xogar ao todo ou nada contra o cambio climático é parar un tren soprando, rendímonos ao dalo por imposíbel. A pelexa debe ser por impedir tal mina a ceo aberto, as mareas negras ou a continuidade de ENCE no interior da ría.

En Annie Hall, o personaxe neno vai coa nai ao psiquiatra porque se deprime e se nega a facer os deberes. Leu que “o universo se expande e un día vai estoupar, que sentido ten poñerse a facer os deberes?” A nai rífalle desesperada: “Estamos en Brooklyn! Brooklyn non se expande!”. O psiquiatra engade que “Brooklyn non se vai expandir en millóns de anos. De modo que… a gozar!”. De feito, a preocupación do neno ten base, o psiquiatra é unha peste e a nai unha activista: pese a todo, o ecoloxismo debe poñerse a facer os deberes.


 

Novidades