Luns 2, Outubro 2023
HomeDestacadasDESCONFINAR OS DEREITOS, ESCALAR AS APRENDIZAXES

DESCONFINAR OS DEREITOS, ESCALAR AS APRENDIZAXES

por Alba Nogueira

Unha emerxencia sanitaria coma a da Covid-19 supón un test de estrés non só ao sistema sanitario senón á capacidade organizativa, de reacción e decisión para adoptar as alternativas nun contexto de incertidume e presión.  As numerosas eivas detectadas, estruturais e coxunturais, requiren unha avaliación demorada para corrixilas.

  1. No eido sanitario, é preciso avaliar se as políticas de recortes e precarización do persoal sanitario incidiron no espallamento da enfermidade e nunha maior mortalidade.  O feito de que as Comunidades Autónomas máis afectadas sexan algunhas das que sistematicamente encabezaron nos últimos anos os ránkings de privatización da sanidade pode ser indicativo. A comparación con outros sistemas sanitarios con máis camas hospitalarias, de UCI e medios (ex. Alemaña), que aplicaron restricións menores de movementos, pode ser unha vía para identificar que factores son significativos para unha mellor resposta.
  1. No eido da atención social, temos unha obriga como sociedade de revisar como coidamos dos vellos e da infancia. Os durísimos efectos da pandemia nas residencias de maiores, en moita maior medida nas de xestión privada, destapan un escuro negocio a conta da vellez e un sistema de coidados que debe avergoñarnos.

O inclemente confinamento dos menores mentres as mascotas paseaban polas rúas, unido ao ton menor que ten a recuperación dunha actividade educativa plena -sen exclusións nin para eles, nin para o mercado laboral das súas nais-, mostra como este non é un país que teña interiorizado o problema demográfico, nin as políticas de conciliación.

  1. No eido da soberanía e a globalización, vimos que os patróns acusados de dependencia industrial, de falta de investimento en innovación, levan a ter un tecido produtivo moi pobre e provocan desabastecemento de bens esenciais en momentos críticos. As decisións de condicionar as axudas públicas á relocalización de empresas (Franza), formulando a necesidade de nacionalizacións (Alemaña), limitando OPAS estranxeiras (España) para un control público forte da economía neste momento, apuntan problemas de fondo.
  2. No eido ecolóxico, o confinamento e as novas necesidades de distanciamento físico, mostraron datos para cambiar o paso. A redución de emisións; a necesidade dunha nova mobilidade a pé ou en bicicleta; as vantaxes que poden ter as zonas menos poboadas nos contaxios, na nova escolarización ou no espazo nas vivendas; a reformulación dos espazos urbanos para os peóns; o recuperado goce da natureza, son aprendizaxes que deberían deixar pouso e obrigar ao cambio.
  3. No eido democrático, a xestión da pandemia reaviva o sustrato autoritario latente, moito máis preocupante cando tamén a esquerda bota man dos seus mecanismos. O tratamento dunha emerxencia sanitaria coma un conflito de orde pública, cunha inusitada presenza dos mandos policiais e militares e moitas máis multas que PCRs, é un exemplo. A amplísima restrición de dereitos sen un exercicio de contención e ponderación dos límites entre a protección da saúde e unha actuación pública que non vaia máis alá do necesario, require unha reflexión a fondo.

A democracia é un xogo de equilibrios finos entre a posibilidade de exercer os dereitos políticos (voto, liberdade de expresión e manifestación…) e o control do poder.  Nun momento en que algúns dereitos cidadás estiveron seriamente mermados ou directamente suspendidos -anuláronse as eleccións galegas, negouse o dereito á manifestación…-, cobra especial relevancia repensar como poder exercer plenamente o control do poder expansivo que adquiren as autoridades con normas de excepcionalidade.

O papel dos parlamentos e das forzas da oposición, por unha banda, e o da prensa, pola outra, son máis necesarios ca nunca ao non poder a cidadanía exercer plenamente os dereitos.  O apagón de funcións dos Parlamentos, a dificultade de facer un control xudicial de certas decisións (por caso, os propios RD de alarma) e unha “razón de estado” que non ten unha tradición garantista dos dereitos…, son ángulos escuros desta pandemia que esixen unha crítica clara e un cambio para o futuro.

No caso galego, ademais, a anómala (e alegal) desconvocatoria electoral, combinada con outra igualmente anómala reanudación do proceso electoral, bordean os límites do admisible en termos democráticos e de seguridade xurídica.  Tamén queda no haber da calidade democrática o control férreo dos medios de comunicación pública, que ignoraron a mínima actividade da Deputación Permanente no parlamento. Ou que se poñan filtros á liberdade de información seleccionando as preguntas dos medios que vai responder o presidente da Xunta.  Confinar o coronavirus non pode implicar confinar a democracia.

  1. No eido competencial, a crise sanitaria reaviva a pulsión recentralizadora da última década. A declaración do estado de alarma foi aproveitada para o goberno central tomar o mando único, obviando as posibilidades de coordinación que lle ofrecía a normativa sanitaria, e que permitían un respecto do marco competencial autonómico. Revisar a lexislación de excepción de 1981 é unha necesidade para adaptala ao estado descentralizado que nace despois daquela.  Non pode volver a xestionarse de forma tan ineficaz unha crise desta dimensión por poñerse ao frente un Ministerio sen experiencia en compras de subministros, sen información sanitaria básica ou un contacto co sistema sanitario de base que permita coñecer as súas eivas e fortalezas.

Xa se apunta que en vez de buscar os erros na centralización precipitada da xestión sanitaria, quere camiñarse cara unha recentralización legal con modificacións que fortalezan o papel do Ministerio en detrimento dos poderes territoriais.  Tamén aquí mirar a Alemaña onde a resposta federal (de verdade) permitiu unha flexibilidade de enfoques, unha capilarización da resposta e o uso inmediato de todas as capacidades do sistema (por caso, centos de laboratorios locais e rexionais para facer probas), é un exemplo do que facer se se pensa tanto en termos de eficacia sanitaria como de respecto constitucional, máis que practicar nesgos de confirmación.

A irresponsable deixación de funcións por parte do Presidente da Xunta de Galicia, que mesmo intenta responsabilizar ao goberno central dos datos das residencias de maiores, non axuda moito a unha defensa do marco de autogoberno.