Luns 6, Febreiro 2023
HomeDestacadasDa IA e do galego-portugués

Da IA e do galego-portugués

por Xavier Alcalá

Estas notas para Tempos Novos teñen como base unha visita á exposición More than human que ofrece Afundación sobre a intelixencia artificial na súa sede da Coruña. Acompañei a ela dúas damas, con formación de Letras, interesadas en canto sexa novidade tecnolóxica que as poida afectar. Unímonos a un grupo de catro señoras xubiladas, con profesións diversas, que ían da fotografía á medicina. 

A intelixencia artificial non é un ente per se. Non pode existir sen soporte material, como non existe a intelixencia humana sen o cerebro, sen os nervios e os sentidos. Existe porque un ordenador ten cargado un programa moi complexo que analiza datos e responde ante eles de determinada maneira. 

Entregámonos os sete nas mans da guía, que de inicio nos falou de interactividade con ela: preguntas e respostas, explicacións pola súa parte… Eu calaba á vista do show e o que contaba a moza con micro; mais non me puiden conter cando nos mostraba unha réplica da máquina Enigma dicindo que á fin da Segunda Guerra Mundial os “nazis” destruíran todas as que estaban en uso menos dúas, que ficaran para a Historia. Díxenlle que non fora así, que os aliados capturaran moitas (e caleille, para non mallar máis, que os españois da División Azul xa as trouxeran na retirada de Rusia).  

Sendo boa a intención de Afundación, esa exposición pérdese nos prolegómenos e nas mostras do aspecto espectacular da intelixencia artificial. ¿Que pode aprender nela un profano da telemática? Algo desconcertante. Amosar un monstro xudaico –o Golem– ao que temían os seus inventores por se chegar a dominalos encaixa co título da exposición e induce á confusión de quen a ve. Os rapaces poden saír dela con ideas míticas, necesitadas de rebatemento cando se enfronten coa realidade. 

Unha exposición efectiva sobre a intelixencia artificial debería comezar coa máquina calculadora de Babbage (deixando atrás seres fantásticos, ábacos e peregrinos trebellos calculadores) ata chegar aos computadores electrónicos analóxicos. Desde aí, iría introducir o concepto da lóxica dixital: o por que reducirmos os números a cadeas de ceros e uns, e as operacións matemáticas a sumas e restas velocísimas. Feito iso, cando o visitante comprendese o salto que supón dixitalizar os datos da realidade física, que é naturalmente analóxica, xa se lle podería entrar con outra parte da exposición: o progreso de realimentación entre máquinas baseadas na Electrónica Dixital e programas informáticos para se executaren nelas. 

Algúns andamos na teima de que as células e os nervios do sistema telemático globalizado sirvan para que se cumpra o soño de todos os humanos: entendérmonos sen termos que renunciar ao idioma en que pensamos e sentimos, o que nos condiciona a maneira de pensar e a de expresar os sentimentos. 

Hai intelixencia artificial desde que apareceron os calculadores mecánicos. Mais, ¿por que se intensificou nas dúas últimas décadas a súa presenza en todos as áreas de coñecemento e produción? Porque a potencia de cálculo dos computadores aumenta acotío de maneira abraiante; e porque, en paralelo, aumentou a velocidade de transmisión da redes que interconectan os ordenadores, máquinas lóxicas de superior rango ao dos computadores (ordinateur é un concepto francés que separa con precisión o que mestura o termo inglés computer). 

Como debería deixar ben clara More than human, a intelixencia artificial non é un ente per se. Non pode existir sen soporte material, como non existe a intelixencia humana sen o cerebro, sen os nervios e os sentidos. Maniféstase grazas a que un ordenador ten cargado un programa moi complexo que analiza datos e responde ante eles de maneira determinada, mesmo aprendendo dos resultados da súa actuación para mellorar a resposta fronte a futuros datos semellantes. Como di o profesor Carlos Gómez da Facultade de Informática da UDC: “Niso si que a IA é máis ca humana, porque analiza sen permitirse suposicións como ás veces facemos as persoas”. 

Fin da visita guiada. Agradable parola con seis señoras en noite de outono caloroso nos cantóns da Coruña. As descoñecidas exhibían grande contento por algo etéreo, unha marabilla que para a máis optimista (e maior, nonaxenaria) moito axudará a Humanidade. Despois, en conversa privada, as miñas amigas levantaron cuestións éticas e a convicción de que a intelixencia artificial sempre ha ser un instrumento da humana, sexa o potente que for o “ente telemático”, mesmo creador de novos entes desa condición.  

A Intelixencia Artificial e o galego 

E, xa que mencionei o meu estimado colega no eido da Telemática, entremos da súa man na cuestión da Intelixencia Artificial e o Galego. Como cómpre dicir nestes tempos, en que só existe o que aparece na Web, abonda con navegar un pouco por ela para logo comprender a auctoritas do Carlos e os acertos do seu grupo de investigación.  

A el a e min gústannos por igual os idiomas, os microchips e as fibras ópticas; e andamos na teima de que as células e os nervios do sistema telemático globalizado sirvan para que se cumpra o soño de todos os humanos: entendérmonos sen termos que renunciar ao idioma en que pensamos e sentimos, o que nos condiciona as maneiras de pensar e expresar os sentimentos. 

¿Que pode facer a Intelixencia Artificial polo galego? Canto demandaren os galegos dela, como os falantes de calquera outro idioma. E aí entramos en peculiaridades: unha cousa  é un idioma oficial “con Estado e exército”, que non sofre de diglosia e desprezo; outra, o galego, tan castigado como contou o profesor Carlos Callón no número 305 de Tempos Novos. Acerca diso, mellor sería falaren sociolingüistas e programadores de intelixencia artificial sobre proxectos de autoestima e información do que representa o galego no mundo, como parte do sistema lingüístico con maior número de falantes no Hemisferio Sur. 

Mais entremos co Carlos Gómez no que nos interesa para que os galegos poidan entender calquera documento falado ou escrito en calquera idioma; e para que o producido en galego en tales formatos se poida gozar con todo o seu valor mundo adiante. 

A utopía é a perfecta tradución de todo, en contexto, tendo en conta o que é lingua formal e o que é a de circunstancias; mais, antes de chegarmos a ela, o profesor Gómez distingue tres tipos de documentos que obrigan a refinar a programación tradutora in crecescendo. 

A documentación máis sinxela para traducir é a obxectiva, a que mostra feitos sen opinións. Tipicamente, papers científicos, libros de Ciencia ou Tecnoloxía, manuais técnicos, normativas… Unha programación máis coidadosa xa se necesitaría para áreas de coñecemento nas que poidan entrar elementos subxectivos no discurso, como, por exemplo, na lexislación ou nos libros de Humanidades. Finalmente, a maior complexidade está en conseguir programas de tradución para textos literarios capaces de comprender as transgresións do discurso formal con que o autor tenta engaiolar o lector. 

Visto iso, e sabendo a moita axuda que xa dá un analizador sintáctico velocísimo coma o inventado por Gómez a colaboradores, ¿como está the state of the art da tradución en base á Intelixencia Artificial?  

No primeiro nivel de dificultade que eses científicos consideran poderíase prescindir do revisor humano, aínda que “catro ollos ven máis que dous” (contando con que a máquina teña “ollos”). No segundo xa é imprescindible o revisor humano, mesmo que o seu traballo sexa pequeno. O problema está na tradución literaria: a intelixencia artificial pode resolver unha alta porcentaxe da prosa (que non sexa a do Ulysses de Joyce, claro) mais fracasaría coa poesía minimamente transgresora. 

¿E canto ao galego en compañía das variantes portugueses de Europa, África e América? Poñamos o simple exemplo de “entrada” en Galicia, “bilhete” en Portugal (e países lusoafricanos) e “ingresso”no Brasil: significan o mesmo cando falamos dun museo ou do cinema; máis ao tempo, tamén, teñen outros significados nas falas correspondentes… Ou vaiamos a “grelo” e “bico”, tan inocentes en galego vulgar, que en calão portugués veñen indicando cousas do sexo. 

Carlos Gómez non parece preocupado: as diferenzas sintácticas no ámbito galaico-luso-brasileiro son mínimas, as morfolóxicas están perfectamente codificadas e as léxicas logo son detectables por unha intelixencia artificial “ben adestrada” para observalas no contexto. Sempre habería que considerar os tres niveis de dificultade dos que xa se falou. Ora, porcentualmente os acertos bidireccionais das versións serían moitos, mesmo na poesía exquisita. 

E desta volta, acabamos. Fica para outra conversa con el o tema de chegarmos, grazas á intelixencia artificial, a unha lingua pan-galaico-portuguesa, ao xeito da proposta pola Via Neolatina para todas as romances.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]