PROCESO DE DESCONEXIÓN
Texto Carlos Montenegro
Poucos imaxinaron as consecuencias de impoñerlle no seu día a Catalunya un Estatut bastardo -é a única comunidade do Estado que non ten o estatuto que votou-. As bravatas do presidente da comisión parlamentaria que o “cepillou”, o socialista Alfonso Guerra, e o contraditorio argumentario co que o Tribunal Constitucional quixo xustificar o seu laminado posterior na sentenza coa que resolveu o pleito interposto polo PP, abriron un proceso de crispación e rebeldía que se foi pluralizando e intensificando nos anos transcurridos desde entón. Nese estado de excepcionalidade, que empezou por darlles aos partidarios do dereito a decidir, independentistas e federalistas, un poder parlamentario -case un 80 por cento dos escanos- e político -a Generalitat gobernada polos independentistas de Junts pel Si e a CUP- indiscutible, é no que dez anos despois daquela provocación se incentiva e articula o proceso de desconexión do Estado.
Co referéndum do 1-O como o seu desafío máis inmediato. Cerrados en banda ante a posibilidade de convocalo á escocesa, ou á canadiana (Quebec), o modelo máis acaído para que a cidadanía catalá poidera votalo con garantías legais e efectos vinculantes, os partidos maioritarios que se autoproclaman herdeiros do réxime do 78, PP e PSOE, tampouco se comprometeron a converxer na reforma da Constitución que agora abandeira Pedro Sánchez, sen descifrar con que novo contido entende que podería convencer e seducir aos que asumen o dereito a decidir -independentemente de se é a favor ou en contra da secesión- como un dereito democrático que ninguén debera impedir. Pola contra, os conservadores, que teñen de parte aos de Ciudadanos, recibiron con desdén e chistes banais a defensa que a última hora fixeron Sánchez e o PSC da plurinacionalidade do Estado, o que outros denominan nación de nacións, trasunto do que constitucionalmente apoiaron os redactores da Carta Magna ao diferenciar, no que ten a ver co Estado das Autonomías, entre nacionalidades e rexións.
Todo parece indicar que a dobre resurreción do secretario xeral dos socialistas -a persoal e política, que o desmarca das baronías que viñeron supeditando a estratexia do partido aos intereses das elites da transición, por unha banda, e a de encaixador dun federalismo adaptado á pluralidade de nacións e rexións que integran o Estado, e que choca coa defensa dunha España uniformizada que esas mesmas baronías e elites levan por monteira, pola outra- prodúcese demasiado tarde. A folla de ruta catalá está pechada e o calendario non dá para un debate en profundidade desa terceira vía. Nin habería tempo suficiente tampouco para facela creíble, porque o historial xacobino de cando menos os últimos dez anos do partido custará moito borralo, englobando nel a humillación que lle inflixiron ao PSC obrigándoo a desdecirse do seu apoio ao dereito a decidir. Posición que en cambio si que revalidaron os de Podemos desde un primeiro momento, traducíndoo na defensa dun referéndum pactado, con garantías democráticas e vinculante, no que a cidadanía de Catalunya teña a oportunidade de decidir que é o que quere facer co seu futuro.
Diante do 1-O, dúas estratexias a cara de can
O Procés vai estar a partir de agora sometido ás tensións dun definitivo tour de force entre a estratexia dos que avanzan afianzándose nunha lexislación ad hoc -a lexitimidade do Parlament catalá-, e a estratexia de ir desecando esa capacidade de acción ata facer inviable a consulta -a lexitimidade do Parlamento español-. Antoni Comín, conseller de Saúde no Govern, dá pautas para entender a dimensión do conflito: “Entendemos que hai unha lexitimidade preferente, que é a lexitimidade que deriva da vontade do pobo catalá. As institucións derivadas desa vontade terán para nós toda a lexitimidade para determinar as leis que correspondan, e a partir de ahí os funcionarios elexirán o que queiran”.
En realidade, esa estratexia represiva do goberno do PP xa está operativa desde hai tempo. Imputacións e inhabilitacións a cargos públicos, ameazas a funcionarios e municipios, interrogatorios da Guardia Civil sen autorización do xulgado competente, espionaxe legal e ilegal ás entidades soberanistas, utilización sectaria da Fiscalía Xeral do estado, investigacións tributarias a personalidades soberanistas, intervención do CNI en tarefas de manipulación informativa, movilización dos medios de comunicación afíns… Velaí os prolegómenos, que co daquela ministro de Interior, Fernández Díaz, chegaron ao delito, aparte de demostrar co episodio da “clandestina operación Catalunya” a inconsistencia en España da separación de poderes.
O desta segunda e última fase terá como estratexia a de utilizar os poderes do Estado para bloquear xurídica e materialmente o referéndum. Para iso, o goberno español servirase do Tribunal Constitucional, ao que facultou en 2015 nunha reforma exprés para adoptar medidas cautelares e, en última instancia, suspender no exercicio das súas funcións aos altos cargos que desobedezan as súas resolucións. Xa ten tomado algunhas -paralizou en abril varias partidas orzamentarias destinadas á consulta-. Rajoy e os seus asesores confían en que, aplicando con precisión e contundencia ese secante constitucional a cada un dos movementos de lexitimación que fagan os convocantes da consulta, non se verán na tesitura de tentar ao destino suspendendo a Puigdemont ou, moito peor, botando man do artigo 155 da Carta Magna, polo que os poderes do Estado pasarían a controlar todos e cada un dos organismos da Generalitat -unha opción extrema de consecuencias impredecibles e que causaría unha moi mala imaxe no exterior-.
Os convocantes do referéndum teñen deseñada tamén outra estratexia: avanzar dándolle luz verde á lei de desconexión, a norma que lle dará soporte xurídico á consulta, sen darlle ao goberno central e ao TC tempo para impedir que se publiquen no Diari Oficial da Generalitat tanto a lei e o decreto de convocatoria asinado por Puigdemont. Todo elo en menos dun día, recurrindo ao artigo 81.3 do regulamento do Parlament, que permite introducir unha nova cuestión no pleno -posiblemente no do 6 de setembro- se o piden dous grupos da Cámara, obviando asi que a iniciativa da lei pase antes pola Mesa e sen o debate previo en Comisión. Unha segunda opción que barallan é a de que Puigdemont -o Gobern e non o Parlament- tome a iniciativa presentando a norma como proxecto de lei, aprobándoa por un procedemento exprés nunha única sesión, ou ben como decreto/lei que, aínda tendo que ser convalidado polo Parlament un mes despois, entraría en vigor de inmediato.
Máis alá das escaramuzas xurídicas, e do choque de lexitimidades, o que ninguén se atreve a predecir é o que nos depara este tempo de espera. Iso si, suceda o que suceda neste mes de suspense, nada seguirá sendo o mesmo.
(O Informe completo, asi como os artigos que sobre o 1-O escriben os analistas Justo Beramendi e Antón Baamonde, no número 244 de TEMPOS NOVOS. Xa en quioscos e librarías.)