Luns 2, Outubro 2023
HomeDestacadasCANDO O PROBLEMA DE EUROPA É ALEMAÑA

CANDO O PROBLEMA DE EUROPA É ALEMAÑA

por Manoel Barbeitos

Recentemente tivemos unha nova evidencia do que supón para a UE o liderado de Alemaña cando o Tribunal Constitucional alemán volveu poñer en cuestión a compra de bonos por parte da BCE (PSPP), por equiparala a un financiamento directo dos estados. Unha decisión que non deixa de ser un chanzo máis na férrea e inamovible postura alemana a prol dunha Unión Europea ordoliberal.

Porque é no que se traduce esa opción: unha UE na que a ortodoxia monetaria, o axuste fiscal e a rebaixa salarial sexan as claves das súas políticas económicas. Esas nas que non teñen cabida cabida os estímulos fiscais, e nas que o pago das débedas públicas teñen prioridade sobre calquera outro gasto.

Sendo sinceros, hai que recoñecer que esta postura non debera sorprender a ninguén. Xa no seu día, co gallo da  sinatura do Tratado da Unión Europea (Tratado de Maastricht) no ano 1992, que máis tarde sería complementado co Tratado Constitutivo da Comunidade Europea (Tratado de Amsterdam) no ano 1997, Alemaña deixou moi claro cales eran as súas condicións, innegociables, para asinar ámbolos dous tratados e aceptar así a unidade europea: a adopción por parte dos estados asinantes dos principios monetarios alemáns.

Cales principios? Aqueles que están claramente explicitados no Capítulo 2 (Política monetaria), artigos 105 a 111, que se artellan en base a dous acordos básicos que marcarían o rumbo da UEM nos anos seguintes: a adopción do euro como moeda común europea (en liña co marco alemán) e a creación dun banco central (BCE) que se debería guiar polos mesmos principios do Bundesbank que, entre outros criterios, establecen que tal banco non poderá actuar como prestamista en primeira instancia dos gobernos europeos.

Resulta difícil entender como os estados europeos do Sur (Portugal, España, Italia, Grecia) foron quen de aceptar tales condicións (nun vindeiro artigo tentarei explicar as razóns dese feitizo do euro) xa que ían supor, como estamos vendo, que aceptaban entrar nunha gaiola, como moi ben nos explicaron economistas tan relevantes como J. Stiglitz ou Paul Krugman, nada sospeitosos de radicais. Cómpre subliñar que foron moitos/as máis os/as expertos/as que no seu día xa avisaron dos perigos para eses estados de aceptar os principios monetarios fixados en tales tratados.

E con razón. Porque tamén comportaron aceptar tanto a primacia da política monetaria sobre as demais políticas económicas (fiscal, comercial, laboral) como o carácter ortodoxo da mesma (a loita contra a inflación como prioridade).

Parece oportuno sinalar que aceptar tal política monetaria non só comportou esta escravitude por parte dos estados europeos do Sur, tamén o aceptar por parte da maioría de membros da UEM que tal unión non ía funcionar, que se ían a repetir de xeito periódico e sistemático os problemas e as crises no interior da UEM. Estámolo constatando de novo.

Empecemos por isto último. A adopción do euro como moeda única para toda a eurozona comportou transferir dos estados aos órganos reitores da UEM, neste caso ao BCE, un elemento moi importante da política económica como é o tipo de cambio. Dadas as importantes diferenzas comerciais que existen entre os membros da unión, os estados periféricos (Portugal, España, Italia, Grecia) precisarían actuar sobre o tipo de cambio para mellorar a súa competitividade e, xa que logo, as súas balanzas comerciais. Unha actuación que impide de facto Alemaña, aludindo para xustificalo ao risco de inflación.

Ao non poder actuar sobre o tipo de cambio, os estados periféricos vense obrigados a facer o axuste a nivel interno mediante a baixa dos salarios. Unha medida que, como puidemos comprobar nestes anos pasados, debilitou a demanda interna, provocando unha grande recesión cun elevado desemprego na periferia, disparándose as diferencias sociais e territoriais no interior da UEM, o que vai en contra dos programados obxetivos comunitarios. Esas diferencias déronse ao mesmo tempo que se producían incrementos das débedas, tanto públicas como privadas, provocadas pola caída dos ingresos.

Todo iso con moi cativos resultados periféricos. Porque para saír da situación anterior os estados europeos periféricos, como por caso España, deberían abandonar o euro e crear a súa propia moeda. Pero, que pode pasar se estes estados toman tal decisión? Moi probablemente que os seus sistemas bancarios entren en crise porque os depositantes poideran retirar os seus diñeiros para trasladalos a outros lugares.

Claro que hai alternativas a esta situación pero, co voso permiso, vounas deixar para próximos artigos. Adianto que tales solucións supoñen enfrontarse politicamente ás posicións alemanas.

___________