Luns 4, Decembro 2023
HomeDestacadasA TRANSFORMACIÓN POLÍTICA DO XIGANTE ASIÁTICO

A TRANSFORMACIÓN POLÍTICA DO XIGANTE ASIÁTICO

A Metamorfose do Comunismo na China
Xulio Ríos
Kalandraka Editora
Pontevedra, 2021
429 páxinas

por Ricardo García Mira

Apenas xurdir o tema de China nunha conversa, un decátase de canto se descoñece en xeral acerca deste país. E é estraño, se pensamos que é o máis poboado da Terra (con case un quinto da poboación global), representa a segunda maior economía e ten o segundo orzamento militar do mundo. Con todo iso, o seu impacto na educación e nas culturas das sociedades “occidentais” a través da ciencia, a lectura ou o audiovisual é moi inferior ao dos EE.UU.

Para comprendermos tal “silenciamento” é preciso observar a evolución da China ao longo do último século: se cadra evolucionou máis á presa do que a publicidade lle permitiu evidenciar. E chegados a este punto, permítaseme citar unha pequena anécdota durante a visita recente do Presidente Xi Jinping en 2018 ás Cortes Xerais, que o recibiron nun acto institucional.

Tiven a oportunidade de manter co señor Jinping unha breve pero relaxada conversa na Biblioteca do Senado. Había apenas un mes que eu regresara da China, onde visitei a Huazhong University of Science and Technology (Wuhan) e a Tongji University (Shanghai) para impartir conferencias. Logo introducín na conversa a miña admiración polo estado da educación superior e a innovación no xigante oriental:

Estamos a facer un grande esforzo nesa dirección –comentou Xi Jinping–, con ambiciosos orzamentos de choque que permitan a modernización das nosas universidades, a actualización das nosas infraestruturas científicas e o crecemento do noso capital humano…

A educación estivo na orixe das políticas transformadoras da China moderna. Mao Zedong proxectouse como profesor e defensor da educación da poboación rural, pensador socialista, guerrilleiro e líder político que, desde o Partido Comunista Chinés (PCCh), desenvolvía unha actividade política e militar case continua, ata asumir o liderado indiscutible no país ao final da Segunda Guerra Mundial. A educación foi unha dimensión fundamental do progreso, pero non a única. Non é posible coñecer a China contemporánea e comprender os seus procesos de transformación social, ideolóxica, política, económica e de seguridade sen analizar o peso que cada unha destas dimensións ten nas distintas ordes da vida e as interaccións entre elas.

É no 2021 cando se celebra o centenario da fundación do Partido Comunista Chinés, artífice das grandes mudanzas que se produciron, que están en curso e que explican a modernización do país. E este é o ano no que aparece a publicación de Xulio Ríos A Metamorfose do Comunismo na China (Kalandraka Editora), texto imprescindible para poder facermos análise rigorosa do modificado na China nos últimos cen anos á luz da evolución do seu Partido Comunista. O autor non escatima en detalles e analiza o “milagre” chinés con todas as súas achegas, non só a do comunismo do “Gran Temoneiro” senón, tamén, a do socialismo promovido por Deng Xiaoping. Este lanzou reformas económicas centradas na transformación da agricultura, a liberalización do sector privado e a modernización da industria. Finalmente, acabou coa modestia na política exterior e abriu a China ao comercio internacional.

Ríos abre os ollos a todos estes aspectos, centrándose nos de maior impacto en cada período, no contexto das resolucións dos distintos congresos do PCCh que permitiron a posta en marcha das reformas económicas emprendidas tanto no contexto rural como no urbano. Introdúcenos con rigor e habilidade nas diferentes fases do Denguismo e nos equilibrios que China necesita facer para que as súas relacións comerciais non estean dominadas polos intereses de Occidente mentres aumentan os investimentos chineses no exterior e o país atrae novos investimentos. Todo cun obxectivo que sempre marcou o desenvolvemento da RPC: corrixir desigualdades sociais e desequilibrios territoriais.

O problema ambiental non é alleo á análise de Ríos. Así, o autor reflexiona sobre a forte preocupación chinesa nese eido desde principios do século XXI. É un tempo caracterizado por un frenético crecemento económico, industrialización e rápida urbanización. Iso leva consigo un abraiante investimento en infraestruturas cunha xestión inadecuada da auga e o tratamento de residuos domésticos e industriais. Mais non é ata 2011, na Conferencia de Nacións Unidas en Durban sobre Cambio Climático, cando xorde o primeiro compromiso chinés de introducir medidas de redución de emisións en 2020; e hai só dous meses que a China e os Estados Unidos se comprometeron a cooperar na loita contra o cambio climático no marco do Acordo de París no cume virtual do pasado 22 de abril.

O libro debulla no relevante quefacer de Xi Jinping, quen en apenas oito anos e medio de liderado do PCCh, consegue poñer na axenda de China os últimos pasos para acadar o seu obxectivo histórico de modernización. Todo isto nun proceso que inclúe medidas que permiten o seu pleno desenvolvemento e prosperidade. Neste contexto xeral, Ríos amósanos o principal obxectivo do Xiísmo: construír unha sociedade acomodada e menos desigual, promovendo unha gobernanza baseada na lei e a defensa do PCCh como garantía para facer un país forte e poderoso, e cunha posición central no sistema global. A validez dos valores socialistas constitúe unha premisa; outra, o fomento da autoestima cultural que permita o encontro entre modernización e a tradición; e unha terceira, a preservación das singularidades sociopolíticas propias en comparanza coa cultura e a democracia “occidentais”.

Ninguén mellor ca Xulio Ríos, agudo coñecedor da política e da cultura chinesas, para afondar nunha análise obxectiva e clara, que facilita a comprensión dos cambios nun enorme país en continua evolución e con innumerables impactos na esfera global.