Mércores 28, Setembro 2022
HomeDestacadas Outro far west

[A LIMIA DAS MACROGRANXAS] Outro far west

por Luís Álvarez Pousa

Cebáronse na Limia. Coa desecación da lagoa de Antela, primeiro, e coa concentración parcelaria, despois, ambas pola brava, acondicionaron o terreo para industrializar a súa chaira e extender ao tempo un certificado de defunción para a vida en comunidade no medio rural. Un negocio de familia. De Franco a Fraga, e no entreacto dos anos un empresario, Gómez Franqueira, que montou Coren e liderou un grupo de poder na provincia que máis xente expulsaba camiño da emigración. Sen a máis mínima traba, e cos auxilios financeiros asegurados (as Caixas, a de aforros e a rural, tívoas ao seu dispor), abriu granxas avícolas e empoderou a marca máis alá da Canda e o Padornelo. Co paso do tempo, os seus herdeiros reforzarían ese modelo de progresiva e imparable ocupación territorial, e convertiron o porcino noutro dos seus negocios prioritarios.

Coas 28 grandes granxas do complexo de Altapedra, no pulmón da chaira limiá, o grupo empresarial ourensán desafiou tódolos prexuizos. Desde finais dos 90, o plan multiplicou por ducias as macro-instalacións, máis de cincocentas xa, valéndose ademais de contratos entre o que chaman empresa integradora (aporta os animais, o pienso e os veterinarios) e granxeiros locais (encárganse do coidado das granxas e da retirada dos residuos). Á maneira dun far west á galega, as cabezas pensantes do complexo de empresas Coren fixeron desa expansión de gandería intensiva un obxectivo estratéxico e, polo que se pode constatar sobre o terreo, á marxe do que un sistema de produción industrial desas características comporta para o medio ambiente, a saúde da xente e a integridade do medio rural.

A chaira cheira a podre. A consecuencia dunha irresponsable pésima xestión dos puríns, toda ela é un xigantesco estercoleiro. Unha peste, a xulgar polos indicadores científicos que alertan da sobredose de nitratos contaminantes localizados nos encoros das Conchas e Guntín, nos acuíferos que alimentan ríos e nos pozos particulares dos que se serven os veciños dos oito concellos afectados para cubriren as súas necesidades diarias. E non se explica que este menú de atentados contra o ben público se manteña practicamente intocable durante nada menos que un cuarto de século sen termos en conta a existencia dun pacto de silencio nas alturas. Unha omertá político/mediática, que persiste.

Por esa razón, as poucas voces críticas -grupos ecoloxistas, coordinadoras de labregos, gromos de contestación parroquiais- nunca tiveron o eco social que merecían. Non podendo desarmar tampouco bulos tan abrasivos como o de atribuirlle á rede desas macrogranxas o poder taumatúrxico de crear emprego e frear en consecuencia o éxodo migratorio. Todo o contrario. Non só non fixan poboación -na chaira limiá viven agora menos da metade dos que a habitaban nos anos 80 e 90-. Son o contramodelo daqueloutro tipo de explotación gandeira, a extensiva, social e territorialmente sostible, respectuoso co medio ambiente e compatible cun medio rural habitado e organizado en comunidade.

Quen permitiu esta desfeita? As autoridades competentes. Os gobernos e as administracións intermedias, deputación e algunhas das alcaldías afectadas, que desde hai 25 anos veñen dándolle a un mal entendido progreso -o negocio das macrogranxas- tódalas bendicións, obviando todo o demais. Quérese dicir, todo o que debera ser a súa principal obriga: controlar a expansión polo territorio dunha industria desas características, adoptar medidas para garantir que as toneladas de residuos que producen teñan por parte do conglomerado de empresas Coren o tratamento axeitado, e actuar con contundencia se nada diso sucede e acaba producíndose o envenenamento de terras e augas subterráneas, con grave risco para a saúde e a vida dos veciños.

Nada de nada. Dubitosos informes de impacto ambiental -como o que, por fin, vén de anular o TSXG para unha nova granxa en Rairiz de Veiga, poñendo en evidencia a Feijóo e á súa conselleira-, desprezo da normativa relacionada coas declaracións de zonas de especial protección recoñecidas na Limia, e cobardía á hora de afrontar as consecuencias de ter permitido unha implantación descontrolada de macrogranxas, sen ter en conta tampouco alternativas de seguridade pública para un máis ca previsible desbordamento dos residuos, coa conseguinte contaminación ambiental por nitratos e fosfatos.

Son reos de culpa. Por idénticos motivos, Bruxelas vén de levar a España ao tribunal de xustiza europeo, acusando ás autoridades de non haber adoptado medidas para controlar e prever o enorme custo medioambiental que se deriva do incremento da gandería e a agricultura industrial. Na denuncia comunitaria hai argumentos que deberían preocupar moi seriamente ao goberno galego actual: a Comisión Europea estima que España incumpriu a chamada Directiva de Nitratos, de 1991, que establece que os Estados -e no caso galego, o goberno de Feijóo, con competencias nesa área política- deben controlar as súas augas e identificar ás persoas afectadas, ou que poidan verse afectadas pola contaminación causada por nitratos de orixe agrícola. Unha directiva, por certo, que tamén obriga aos gobernos a designar áreas de terra nas que desembocan estas augas como Zonas Vulnerables aos nitratos, e establecer programas de acción axeitados para preveñir e reducir a contaminación.

Non sei se é demasiado tarde. Pero si que é preciso desactivar a omertá político/mediática que oculta esa escandalosa degradación do territorio, do medio ambiente e da saúde de augas e persoas, procedendo ao que tanto a normativa interna como a comunitaria establecen como obrigas. E que a Fiscalía de Medio Ambiente actúe sen miramentos, agora que o máis alto tribunal galego tomou por vez primeira cartas no asunto. Custe o que custe. Poñéndolle coto ao descontrol empresarial e cerco político e mesmo penal aos que, tendo por obriga o control e a persecución dos que atentan contra o ben público, seguen mirando para outro lado -¿prevaricación?-.

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]