Luns 5, Decembro 2022
HomeDestacadasA COMÚN FRAXILIDADE

A COMÚN FRAXILIDADE

por Rexina Vega

No seu recente libro, La compasión difícil, Chantal Maillard chama a atención sobre a inxenuidade de pensar un mundo á marxe da violencia. Para Maillard, a violencia é constitutiva do feito mesmo de existir, adestradas como estamos para sobrevivir por riba dos outros se fai falta.  O que move á maioría que somos é a fame, a do corpo primeiro, logo a da vontade, o desexo de riqueza, de poder, a envexa… “A voz de todo ser vivo clama pola súa fame”, afirma Maillard, e nós non podemos menos que recoñecer esa verdade terrible. E será a idea mesma da paz un espellismo, alleo por completo á orde dun mundo marcado pola lei da fame?

Apelar ás emocións é garantía de visibilidade en Twitter, en Facebook, en Instagram (…) Caemos continuamente na provocación e colaboramos a elevar a violencia duns intercambios que se basean na lóxica depredadora da manda, na súa fame amplificada.

Con todo, continuamos insistindo, teimando no valor da educación, no respecto e na comprensión da fraxilidade común. Malia esforzármonos por pensar correctamente, por expropiarnos de nós mesmas, por diluírnos desprendéndonos do interese persoal, o presente que temos de diante dos ollos non dá para moitas alegrías. E é que as sucesivas crises que arrastramos están debuxando un panorama no que parecen bater dúas pulsións contraditorias. Por unha banda, este fin de era fai medrar a conciencia de habitar nun territorio global, nunha única cidade planetaria profundamente interconectada. Somos multitude de infinitos rostros, cada vez un mosaico máis variado que nos fai convivir coa diversidade como nunca antes se fixera. Pero, por outra banda, atopámonos cunha inclinación cada vez máis poderosa cara o acubillo da manda, un grupo de iguais simplificado por consignas binarias, un sistema que prima a repetición, a clonación e a estupidez, nós contra o outro. A manda sempre é depredadora, esa é a súa razón de ser, unha fame amplificada. O fascismo, que está xa entre nós como marco mental estao trastocando todo, está derrubando conquistas que crimos intocables e tamén, queirámolo ou non, está cambiando o noso propio discurso.

A violencia dos nosos intercambios verbais medra cada día que pasa, os patios dos colexios e as redes sociais son, probablemente, os espazos onde o poidamos constatar con máis nidieza. Os insultos, a descualificación que transmite odio e que mesmo fere directamente estase a traducir nun inédito incremento de transtornos de saúde mental, especialmente graves na poboación máis nova. Mulleres e, en xeral, toda identidade non heteronormativa son, de novo, o elo feble da cadea, a parte que creba.

A violencia da rede

As redes sociais teñen hoxe en día, sen dúbida ningunha, un papel crucial. Como indica George Lakoff, estamos ante un xigantesco proceso de manipulación social no que a linguaxe política activa marcos mentais que evocan valores concretos.

Apelar ás emocións é garantía de visibilidade en Twitter, en Facebook, en Instagram…  Son precisamente as palabras que se refiren ás emocións e á moral as que captan prioritariamente a nosa atención, as que nos incendian. Caemos continuamente na provocación e colaboramos a elevar a violencia duns intercambios que se basean na lóxica depredadora da manda, na súa fame amplificada. A polarización está servida, comigo ou contra min. Non hai verdadeira vontade de conversación, pactamos co espellismo dun diálogo no que non se cumpren nin os principios de cooperación nin as máximas de cortesía. Dirixímonos a aqueles que comparten a nosa mesma narrativa moral, a nosa manda, mentres ridiculizamos, moitas veces con palabras que son actos, a quen se atreve a cuestionar o marco, independentemente da amplitude ou levidade do matiz.

O noso tipo de lectura, diagonal, buscando recopilar nun tempo brevísimo palabras clave que logo reconstruímos nunha narrativa acorde co noso punto de vista, elimina dous elementos clave, o cotexto e o contexto.  Deixamos de prestar atención ao que antecede ou que sucede ao termo ou á frase, e que condiciona a súa interpretación, e prescindimos tamén do contexto posto que a fiabilidade da información relativízase no imperio da posverdade. Postas así as cousas, o lóxico é que camiñemos cara unha cada vez máis grande e ubicua manipulación que nos converte en agresores empoderados, ou nos volve vulnerables en función da violencia que exerce o grupo fronte ao que nos situamos.

A identidade sexual, o corpo e a diferencia son dos lugares que convocan máis emoción, que nos interpelan de xeito máis instintivo. Pero construír unha nova subxectividade, crear un discurso desde a alteridade é algo complexo. Require tempo de calidade e tamén dunha actitude porosa que permita a alquimia dos vasos comunicantes.

Unha das características deste desacougante presente é comprobar como se tensa a lingua e a actitude entre aquelas que deberían estar no mesmo bando. A repetición de consignas sen cotexto nin contexto produce un novo tipo de violencia que ameaza con paralizar os avances. A violencia entre as propias mulleres é palpable no océano da rede, algo que remata traducíndose en posturas políticas con consecuencias. Así o recente espectáculo das dúas manifestacións para un 8M que hai nada tiña a capacidade de ser verdadeiramente transversal. Entre as filas feministas ábrese agora un abismo que ten que ver co peso excesivo da acusación e o xuízo, co emprego dunha violencia verbal que desenvolve a indignación automática e relega a segundo plano a construción do pensamento complexo.

Acaso este enorme proceso de redefinición no que estamos inmersos non suxire dúbidas ou posicións mudables que se van aquilatando conforme reflexionamos? Está todo o feminismo ortodoxo en contra da libre determinación da identidade sexual? Acaso non hai voces que poñen máis ben o acento na creación dun marco lexislativo que atrase os procesos de transición e que proporcione acompañamento de profesionais en psicoloxía aos menores?  Todo o feminismo queer ten a mesma postura fronte aos ventres de alugueiro? A fronteira entre abolicionistas e regulacionistas é tan nidia como para non contemplar dúbidas e excepcións? Unha vez que se baixa á area do diálogo, a complexidade axota a violencia simplificadora. Pero hai que baixar.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]