Mércores 30, Novembro 2022
HomeDestacadasA arquitectura, entre a arte e a ciencia

A arquitectura, entre a arte e a ciencia

por César Portela

A Arquitectura refírese basicamente á construción do espazo. De igual xeito que a Pintura especula coa cor, a Escultura coa forma, a Literatura coa palabra, a Fotografía coa imaxe, a Música co son e o Cinema coa imaxe e o tempo, a Arquitectura faino co espazo. Anticipábao lúcidamente Lao-Tsé cando afirmaba: «A Arquitectura non é soamente catro paredes e un teito, senón, e sobre todo, o aire que estes acougan”.

A concepción dese espazo, o soño inicial que desencadea o feito arquitectónico ao imaxinar unha estancia, unha casa, un barrio, unha vila, unha cidade,…. ou un xardín, é parte imprescindible dentro dun proceso construtivo moito máis amplo. Pero sen ese primeiro soño, sen esa faceta creativa inicial, non é posible a Arquitectura.

A concepción dese espazo, o soño inicial que desencadea o feito arquitectónico ao imaxinar unha estancia, unha casa, un barrio, unha vila, unha cidade,…. ou un xardín, é parte imprescindible dentro dun proceso construtivo moito máis amplo. Pero sen ese primeiro soño, sen esa faceta creativa inicial, non é posible a Arquitectura. Soñar é, pois, necesario, imprescindible, pero non chega. Os arquitectos non podemos limitarnos simplemente a soñar. Temos tamén que construír, que materializar os nosos soños empregando para iso materiais que debemos coñecer, escoller e traballar para sacarlles o máximo partido de acordo coas súas específicas calidades. E todo iso trasládanos, inevitablemente, ao terreo da Técnica.

A Arquitectura é, xa que logo, arte e técnica a un tempo, pero arte e técnica ao servizo da sociedade.

E cal é a esencia da Arquitectura? Dicíao moi ben o famoso músico romanés Sergiu Celibidache a propósito da música: «Os que cren que a música é bela soamente, non saben aínda o que é a música. Claro que a boa música é bela, pero sobre todo é verdade».E isto podemos facelo extensivo á Arquitectura.

A boa Arquitectura é aquela capaz de lograr asemade: solidez, confort, riqueza formal e riqueza espacial, buscando tamén a maior economía de medios. Facer máis e mellor con menos medios, porque os recursos económicos que manexamos, debemos administralos con racionalidade. Mais isto non pode nin debe facernos renunciar á calidade. Hai que aforrar suprimindo o innecesario, o superfluo; nunca o necesario, o esencial.

A boa Arquitectura non ten por que renunciar ao espectáculo, pero debe conseguir iso a base de calidade espacial, formal e construtiva, dando resposta a cuestións fundamentais con solucións arquitectónicas brillantes, empregando elementos construtivos axeitados.

A boa Arquitectura é aquela que ofrece seguridade aos corpos e liberdade aos espíritos.

A boa Arquitectura ten que gustarlle aos usuarios ademais de gustarlle ao arquitecto que a realiza, e viceversa, satisfacer os soños estéticos e éticos do arquitecto e lograr que os usuarios se sintan protexidos, cómodos e a gusto. Ademais, a boa Arquitectura debe estar dotada da necesaria flexibilidade para posibilitar os cambios que a persoa, a familia, ou os que a habitan, experimentan co devir do tempo e poder acoller, con naturalidade, a usuarios distintos e a outras institucións ou funcións diferentes das orixinais para as que foi concibida.

A boa Arquitectura non ten por que renunciar ao espectáculo, pero debe conseguir iso a base de calidade espacial, formal e construtiva, dando resposta a cuestións fundamentais con solucións arquitectónicas brillantes, empregando elementos construtivos axeitados.

A boa Arquitectura tamén debe dar resposta, á vez, á escala humana e á escala territorial, á escala dos que a habitan e á do lugar onde se ubica.

A boa Arquitectura é aquela capaz de conseguir que a emoción non se impoña e substitúa á razón, e que a Arte non se supedite á Ciencia. Aquela capaz de acadar, que a razón non ignore ou se esqueza da emoción, que a lóxica científica non free a expresión artística. Aquela que é emocionante e razoable a un tempo, que é quen de conciliar Arte e Ciencia, que é quen de acrecentar a emoción guiada pola razón.

A boa Arquitectura non destrúe a Natureza, senón que a respecta e a sublima.

Dicía antes que os arquitectos non podemos limitarnos a soñar. A Arquitectura que imaxinamos hai que construíla, e iso require necesariamente o emprego dunha técnica que se sustenta en principios científicos: a lei da gravidade, a velocidade do vento, o grao de humidade do ambiente, a intensidade do frío ou da calor do lugar, a consistencia do terreo no que se asenta, e mesmo a resistencia e características dos materiais empregados. Son unha chea de circunstancias ás que debemos facerlles fronte e darlle axeitada solución, para conseguir que as obras arquitectónicas non se veñan abaixo e que os que as habiten sintan, insisto niso, seguridade e confort para os seus corpos ao tempo que liberdade para os seus espíritos. Se a Arquitectura non ten en conta, se non se apoia e respecta estritamente as teorías e leis científicas, acabará fendendo ou derrubándose, ou será inhabitable debido ao frío, á calor, á humidade ou ás goteiras que nela se xerarán.

Alguén dixo algunha vez, en algures, que: «As teorías de Einstein, no fondo, teñen moito que ver cos ceos de Van Gogh». A min sempre me pareceu acertada esta comparación, porque os tormentosos ceos ou os solleiros e floridos campos de xirasoles que nos regalou ese gran pintor expresan ambientes xerados por fenómenos atmosféricos que soamente poden explicarse con razoamentos científicos. Por iso sempre crin na conveniencia e a necesidade de tendermos pontes entre a Arte e a Ciencia, entre os números e as letras, para facilitar a comprensión do mundo e da vida.

Calquera obxecto arquitectónico é o resultado de confrontar desexos espaciais e artísticos, coas posibilidades científicas e técnicas de que dispón quen o constrúen.

Na miña traxectoria profesional, as ciencias axudáronme sempre a materializar, a construír e a realizar os meus soños formais e espaciais e a convertelos logo en realidade. Axudáronme tamén a realizarme como arquitecto e como persoa.

 

Na miña traxectoria profesional, as ciencias axudáronme sempre a materializar, a construír e a realizar os meus soños formais e espaciais e a convertelos logo en realidade. Axudáronme tamén a realizarme como arquitecto e como persoa. Iso ata o punto de poder afirmar que todo o meu labor profesional foi e segue sendo un esforzo, unha loita constante por conciliar aspectos formais con principios científicos. É dicir, por ser absolutamente respectuoso con eses principios e por tratar de que non se contrapoñan e obstaculicen, senón que sustenten e enriquezan os espazos, os volumes e as formas que xeran os meus soños arquitectónicos. E viceversa, porque eses soños artísticos non infrinxan, senón que se axusten aos postulados científicos, nos cales necesariamente deben apoiarse.

Desde o soño inicial, desde a primeira idea, pasando polos primeiros esbozos, polo anteproxecto, o proxecto e todo o camiño construtivo ata o seu remate, o traballo arquitectónico é un proceso evolutivo e de verificación que debe identificarse plenamente co proceso científico correspondente.

En proba do anterior, e ao abeiro daquela máxima de que vale máis unha imaxe ca mil palabras, permítanme proxectarlles unha escolla de fotos dalgunhas das miñas obras, acompañada da lectura duns breves textos que formaban parte das Memorias deses proxectos, que coido poden corroborar e axudar a entender mellor o dito ata aquí.

Museo do Mar de Galicia (Agosto, 2002)
Home libre, ti sempre elixirás o mar. Charles Baudelaire
Cando me encargaron o Museo do Mar de Galicia, asaltáronme de inmediato lembranzas da miña infancia e da miña mocidade relacionadas co mar, mesturadas con lembranzas das miñas primeiras lecturas, e mesmo das lecturas anteriores que de neno me facían meus pais de textos de aventuras, de navegación, de viaxes submarinas, de capitáns intrépidos, de illas do tesouro, de piratas de pata de pau, de sereas encantadas, de diálogos coas nereidas. De autores coma Homero, Verne, Stevenson, Baudelaire, Valéry, Melville, Conrad… que daban vida a heroes lexendarios: Ulises, Nemo, Ahab….

Cando matinaba no Museo do Mar de Galicia sentía a necesidade de expresar ese milagre de luz, de vida, de diversidade, de liberdade, que é o mar, á vez que sentía a obriga de dar cumprida resposta a un programa, un orzamento e os requirimentos espaciais, formais e construtivos que todo proxecto ten de seu. Daquela acometíame a angustia de non ser quen de conseguilo. Temía non poder facer compatible a través do espazo a Arquitectura e a Vida, e ambas coa Natureza. Temía non acertar a amosar como debera o Mar dende o Museo, é dicir con intención, escolmando e enmarcando visións coma o fai a fotografía ou, mellor aínda, o cinema.

Dábame medo non ser quen de captar a luz convenientemente, para iluminar e alegrar con ela a Arquitectura. Dábame medo non acertar coas cores que mellor expresaran a frescura, a transparencia, a levidade, a profundidade do mar, e non atopar os materiais capaces de enfrontarse e dar axeitada resposta á forza do mar. Dábame medo non acadar o alto nivel construtivo tradicional de Galicia, nin a eficacia da súa construción naval, nin a potencia e a esencialidade dos peiraos, dos faros… Non ser quen de eliminar todo o superfluo, coma ocorre cos barcos.

Aterrábame poder caer na anécdota, no folclórico, no pastiche, no kitsch… Loitaba decote para non deixarme arrastrar por falsos cantos de serea. Loitaba por atopar o rumbo idóneo para chegar a un bo porto, que non era outro que o de crear un espazo público construído en plena natureza. Un espazo que nos convidase a asomarnos ao mar e nos aprendese a gozalo e amalo. Tamén nos lembrase que é posible construír na ribeira sen destruíla, senón pola contra, sublimándoa.

Este museo quere ser, ademais dun museo, un obxecto arquitectónico que nos axuda a aclarar e a limpar a mirada, a ver o mar, a vivir e a soñar. Unha Arquitectura pensada para este lugar: forte, sobria, concisa, austera e desprovista de xestos gratuítos; «ligera de equipaje, casi desnuda», coma nos recordaba Machado que se atopaban a bordo da nave os fillos do mar, dispostos a afrontar a derradeira viaxe.

Cemiterio de Fisterra (Decembro, 1999)
Cando proxectei e construín o Cemiterio de Fisterra, o meu desexo era ofrecerlles a uns mortos o descanso que merecen, facéndoo coa maior dignidade e respecto posibles. Ao mesmo tempo, quería favorecer o encontro entre eses mortos e os seus vivos, e viceversa, nun lugar sublime onde a Arquitectura fose quen de fundirse positivamente coa Natureza, coma o fixeron neses mesmo lugar, e desde sempre, a Terra, o Mar e o Ceo.

Como ocorre cunha palmeira solitaria que é quen de dar resposta á grandiosidade do deserto, ou coa vela dun barco por pequena que sexa a inmensidade do océano, ou cun refacho de perfume converter a noite toda en embruxo… Con esta obra quería dar resposta a moitas cousas. Tamén a min mesmo.

Quería dar resposta a inquedanzas culturais, antropolóxicas, espirituais, e mais a toda a humanidade que de xeito insensato camiñanos, motu proprio ou á forza, cara a unha sociedade globalizada, de pensamento único que, baixo o pretexto de superar o illamento, o atraso e a falta de oportunidades, arrasa a diversidade, a complexidade e a identidade que cada grupo ou cada individuo posuímos, converténdonos a todos os humanos non en cidadáns do mundo, senón en aldeáns globais, consumistas desaforados dun único mercado transnacional e, de paso, en súbditos gregarios do capitalismo máis salvaxe. E todo iso en prexuízo da evolución colectiva, condicionando ou destruíndo a filosofía, a ciencia e a arte, é dicir, todo aquilo que nos conta o rico, o profundo e o marabilloso que pode chegar a ser o home, e a vida en xeral.

Quería por último demostrar que sempre cabe a esperanza, que ao sistema é posible darlle resposta con calquera obra en calquera lugar, aínda que se trate, coma neste caso, dun lugar tan distante e apartado coma o seu nome indica, Fisterra, e dunha obra tan insignificante coma este cemiterio.

A Estación de Autobuses de Córdoba (Novembro, 1998)

Cando pensaba na solución e pechaba os ollos, vía muros, grandes muros de pedra delimitando espazos, definíndoos radicalmente, pero tamén uníndoos sutilmente, desenrolándoos. Muros rectilíneos e concisos, de encontros octogonais, mais tamén círculos, parábolas e elipses inseridas neles.

Vía a luz acometendo moi forte e moi espesa contra eses muros. E do outro lado, a sombra, tamén espesa, tamén forte, aguantando eses muros. E dentro, unha cidadela, unha casbah, un caravansar, un zoco, un cúmulo de construcións e de recantos entre elas, formados por planos diversos: uns verticais, outros horizontais; situados a diferentes alturas, uns rectangulares, outros circulares. Todo iso para defender da luz, para dominala, para apreixala, para mitigala, para desangrala , para atenuala e repartir fulgores, e para utilizala convenientemente unha vez domesticada.

Vía grandes planos de sombra aletargados ou dispostos coma se o estivesen e, asemade, fendas de luz por todas partes, en movemento, pero xa sen o vigor sufocante, cegador de fóra.

Vía unha luz máis clemente, unha vez quebrados os seus impulsos fulgurantes, camiñando ou desprazándose en sintonía coa sombra. E ambas as dúas, luz e sombra, seguindo o movemento circular do tempo.

Vía a luz esnafrándose contra muros de pedra granítica que despedían milleiros de estrelas escintilantes. A luz batendo sobre a cor interior, sobre planos amarelos, azuis, verdes e brancos opalinos; todos estucados, dando sosiego al ser acosado por tanto sol y resol de sol, como dicía Alejo Carpentier das cores das fachadas da Habana.

E percibía masas de vexetación mesturadas con araxes de perfume, e remansos silenciosos, e tamén sonoros chafarices de auga, mesmo peixes e paxaros de mil cores.

Vía recunchos amables neses puntos onde a sombra pasa dos obxectos ao espazo creando ámbitos misteriosos e sensuais, transitados por figuras en contraluz, con ollos grandes e enmeigados, que fendían cos seus fulgores a penumbra e se refrescaban nela. Iso é o que vía cando pechaba os ollos e pensaba no proxecto.

Vía xeometrías mestras. Xeometrías esenciais. Mais tamén sutileza.

Vía tamén o corpo da edificación construída en materia moi dura. Forte por fóra, sensual por dentro. Sempre sobria, e concisa. Elegante, silenciosa…… calada.

Cando pensaba no proxecto da Estación de Autobuses de Córdoba sentía reminiscencias ancestrais e resonancias de futuro. Atemporalidade. Tamén sorpresa, luz, movemento e vida. Vida por todas partes. E sobre todo paixón.

L’Axe de L’Indépendance (Agosto, 2013)
O Paseo L’Axe de l’Indépendance concíbese coma un espazo real que permite realizar a través del unha viaxe ideal chea de marabillosas sorpresas. O seu percorrido debe constituír unha aventura persoal polo espazo e o tempo.

É un paseo para gozo de alxerianos e forasteiros, dificilmente esquecible, que comeza co Monumento á Independencia e remata en sorpresa: un Acuario, que se ofrece coma un pazo mariño baixo unha praza e sobre un zócalo amurallado e bañado polas augas do Mediterráneo, cuxas diferentes estancias se organizan arredor dos seus corredores, patios e terrazas. Alí, tamén coma se fose unha singular casbah mariña, emerxe e álzase unha torre-mirador, un faro, un fito soportado por unha monumental escultura, que é unha metáfora do esforzo do pobo alxeriano por construír un presente e un futuro esperanzadores. Un fito que conxuga Mitoloxía e Historia con Modernidade e Futuro. Un singular pazo ou casbah mariña abeirados pola contorna máxica da Baía de Alxer.

Paixón e razón de toda unha vida

Ao longo de toda a miña obra quixen deixar de lado cuestións banais, formas gratuítas, materiais inútiles, xestos innecesarios. Quixen facer oídos xordos aos falsos cantos de sereas e resistir múltiples tentacións. Quixen afastar todo aquilo que puidese ser accesorio e desprenderme de canto non resistira a proba da necesidade. Quixen quedar con soamente o esencial e aproximarme ao misterio buscando a transcendencia da linguaxe que vai cara ao silencio, mais un silencio logrado como vontade de disolver a propia voz individual no vasto territorio anónimo da Arquitectura e da Natureza.

Eis a Arquitectura na que me recoñezo plenamente: cada vez máis espida, máis sinxela, máis transcendente, máis persoal e, coa mesma, menos personalista. Unha Arquitectura máis ligada por secretos lazos á Historia e á Xeografía, á busca do encontro coa Cultura e coa Vida, nun máis alá do tempo e do lugar onde se realiza.

Esta é a Arquitectura que me gusta e na que me recoñezo plenamente. Cada vez máis espida, cada vez máis sinxela, cada vez máis transcendente, cada vez máis persoal e, coa mesma, menos personalista. Unha Arquitectura máis ligada por secretos lazos á Historia e á Xeografía, á busca do encontro coa Cultura e coa Vida, nun máis alá do tempo e do lugar onde se realiza. Unha Arquitectura que trata de fornecer sentido e razón, utilidade e beleza. Unha Arquitectura, en suma, respectuosa cos seus usuarios e coa Natureza, cabalgando ao unísono entre a certeza e a dúbida e mais entre a intuición e o método. Tamén entre a Arte e a Ciencia, eses dous camiños aparentemente diverxentes e mesmo antagónicos, pero que converxen para atopárense, abrazárense, fundírense, buscando o facer posible a boa Arquitectura.

Isto é o que pretendín e sigo pretendendo. Se o teño logrado ou non son os propios usuarios e vostedes os que teñen que dicilo.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]