XI MDOC de Melgaço. Cinema documental de alcance social

Dun tempo a esta parte, o MDOC – Festival Internacional de Documentário de Melgaço converteuse nun referente entre os festivais de cinema que se celebran durante o período estival. Afrontaba nesta ocasión a súa undécima edición (28 de xullo-3 de agosto), sempre fiel á súa filosofía arredor dos conceptos ‘identidade’, ‘memoria’ e ‘fronteira’. Sen dúbida, non hai mellor declaración de intencións para todos aqueles que cremos no cinema como ferramenta para a transformación social. 

 

Corría o ano 2014 cando xurdiu un novo festival de cinema na vila máis setentrional de Portugal, en Melgaço, moi preto de Arbo (provincia de Pontevedra). Facíao baixo a denominación Filmes do Homem, nome co que se coñeceu durante cinco edicións, elixindo como tema unificador desta primeira ocasión a “emigração para França”. Nacía tendendo unha mirada ao pasado e a unha realidade fundamental para a sociedade portuguesa —o sentir dos galegos para nada é alleo a esa dura proba chamada emigración—. Porén, este xermolo era só un pequeno chanzo cara a outros temas máis urxentes e de actualidade. Aos poucos, o festival vía como se consolidaba a súa programación, sempre atento aos filmes máis involucrados no plano social e etnográfico. Así, como parte do proceso, acabou por converterse en 2019 no MDOC, tal como se coñece a cita na actualidade. 

Mais, convén preguntarse que motivacións levaron a crear un festival de cinema documental na vila arraiana de Melgaço. Quizabes a reacción máis obvia sexa pensar na cuestión migratoria, fenómeno que marcou profundamente a esta localidade, de aí a presenza e a relevancia deste tema dende a primeira edición. No entanto, existe máis unha peza fundamental que converte a Melgaço na escolla ideal e que goza de nome propio: o historiador e crítico de cinema francés Jean-Loup Passek. 

Superada a década de existencia, esa idea inicial de crear un arquivo fílmico e fotográfico arredor do territorio e das súas xentes é un feito plenamente consolidado. 

Namorado confeso de Portugal —describíase a miúdo como un home de alma eslava, nacionalidade francesa e corazón portugués—, é inmenso o legado e a paixón polo cinema que esta figura histórica deixou na vila, sobre todo como creador e impulsor do Museu do Cinema de Melgaço. Este proxecto ocupou a súa atención nos seus últimos anos de vida, creando así un espazo para o cinema impensábel para a zona de non ser por el. A chegada dun festival capaz de render homenaxe ao seu nome debidamente era tan só unha cuestión de tempo, algo que o MDOC soubo facer con inmenso respecto e profesionalidade. 

Se cabe, esta undécima edición foi unha miga máis especial do habitual ao presentar como filme de clausura O Homem do Cinema (José Vieira, 2025), un documental que explora a vida de Passek e a súa vinculación con Portugal. Era a estrea nacional deste traballo, que contou co apoio do propio Municipio de Melgaço e no que, ademais, se conmemoraba o vinte aniversario da creación do museo. A localización elixida para presentar o filme non podía ser máis perfecta, ao pé da torre do castelo, nunha proxección ao aire libre, ofrecendo un punto e final ideal a esta edición do festival.

Exposición fotográfica da actividade 𝗣𝗹𝗮𝗻𝗼 𝗙𝗿𝗼𝗻𝘁𝗮𝗹. Foto Edmundo Correia.

A pegada no local: Melgaço para o mundo

Alén da exhibición de filmes propiamente dita, o MDOC destaca por desenvolver un amplo programa de actividades paralelas, maiormente dirixidas a promover o traballo directo coa poboación autóctona. Velaquí reside un dos principais obxectivos da Associação Ao Norte, entidade organizadora do evento baixo a coordinación xeral de Carlos Eduardo Viana. Deste xeito, a súa significativa pegada na veciñanza confírelle ao festival un selo diferencial que o distingue doutros eventos homólogos, a miúdo alleos á súa realidade máis próxima. Nace así unha compoñente etnográfica coa mirada posta no local que dialoga en total coherencia co discurso presente na maioría dos filmes a concurso. 

As proxeccións ao aire libre tamén foron as grandes protagonistas deste ano, moi conectadas en cada emprazamento cos cidadáns de a pé.  

Como caso máis selleiro, podemos destacar o clásico Plano frontal, actividade realizada dende o primeiro ano do festival, consistente nunha residencia de creación cinematográfica e fotográfica para xoves artistas. Unha vez máis, Pedro Sena Nunes foi o encargado de orientar a estes mozos, sempre acertado no seu acompañamento pedagóxico. Superada a década de existencia, esa idea inicial de crear un arquivo fílmico e fotográfico arredor do territorio e das súas xentes é un feito plenamente consolidado. De atinxirmos ao cinema, o catálogo de ‘documentários’ realizados conforma a día de hoxe un total de corenta producións, explorando con elas distintas visións de Melgaço para o mundo. 

Proxección ao aire libre do filme de clausura 𝙊 𝙃𝙤𝙢𝙚𝙢 𝙙𝙤 𝘾𝙞𝙣𝙚𝙢𝙖 (José Vieira, 2025). Foto Edmundo Correia

O proxecto Quem Somos Os Que Aqui Estamos? é outro dos clásicos do festival, iniciado en 2018 da man do xeógrafo Álvaro Domingues e do antropólogo Daniel Maciel. Neste caso, a contribución á poboación local do Concello de Melgaço é aínda máis directa, centrada no rexistro e na documentación de fotografías pertencentes aos álbums familiares deste municipio. A partir deste material, resultan distintos recursos que inclúen exposicións, catálogos, así como tamén pezas audiovisuais. Con todo, o carácter ilimitado do proxecto fai que sexa itinerante, pasando por distintas freguesías en cada edición. Até o momento, as parroquias visitadas foron Parada do Monte e Cubalhão (2018), Prado e Remoães (2019), Castro Laboreiro e Lamas de Mouro (2021-22) e, por terceiro ano consecutivo —o derradeiro neste enclave—, a freguesía de Alvaredo (2023-25). O vindeiro ano tocará visitar un novo lugar, onde xurdirán, con certeza, novos encontros que nos acheguen a intensa vida social desta localidade. 

As proxeccións ao aire libre tamén foron as grandes protagonistas deste ano, moi conectadas en cada emprazamento cos cidadáns de a pé. Á parte do mencionado pase de clausura na torre do castelo, foron involucradas un total de catro freguesías nesta edición, cadansúa co seu contido específico. Foi a contribución máis directa do festival ao programa das festas tradicionais que se celebran a primeiros de agosto en Melgaço. 

Como destaque, o curso de verán, máis coñecido como ‘Fora de campo’, configura a outra grande aposta da cita dende o inicio.  

Así, a freguesía de São Paio acolleu a exhibición dos catro filmes do Plano Frontal realizados na edición anterior —isto foi logo da estrea oficial durante a inauguración do festival—, mentres que a freguesía de Alvaredo fixo o propio co proxecto “Quem Somos”, proxectando sete pezas documentais baixo o concepto ‘fotografías faladas’, que tiveron unha gran acollida entre os veciños. Previamente, a freguesía de Paderne mostrou o filme Melgaço, Biodiversidade e Valores Naturais (Miguel Arieira, 2022), unha produción de Ao Norte que revaloriza toda a riqueza natural da zona. E, finalmente, chegou a quenda da freguesía de Gave, concretamente no alto da Branda da Aveleira, onde se viviron algúns dos momentos máis emotivos do festival durante a proxección do filme Filhos do vosso amor (Rui Pedro Lamy, 2025), pertencente tamén á competición oficial. O amor pola terra e a loita pola identidade soaron, case entre bágoas, como os principais rogos dos participantes e oriúndos do lugar involucrados neste traballo. 

Exposición da actividade 𝗤𝘂𝗲𝗺 𝗦𝗼𝗺𝗼𝘀 𝗢𝘀 𝗤𝘂𝗲 𝗔𝗾𝘂𝗶 𝗘𝘀𝘁𝗮𝗺𝗼𝘀. Foto Edmundo Correia

Entre o resto de actividades paralelas do festival, destacaría a parte máis académica. Como destaque, o curso de verán, máis coñecido como Fora de campo, configura a outra grande aposta da cita dende o inicio. Este ano contou coa coordinación dos habituais José da Silva Ribeiro (Universidade Federal de Pernambuco) e o español Alfonso Palazón Meseguer (Universidad Rey Juan Carlos), desenvolvendo un programa ao redor da idea “Cinema e Território”. Isto permitiu debater sobre as transformacións territoriais no mundo, mais tamén deu cabida aos proxectos xa comentados do festival como parte deste espazo de reflexión. 

Completando este programa inabarcábel, a cineasta e produtora española Sandra Ruesga ofreceu unha masterclass sobre a súa obra co título Explorando o Eu: Cinema Auto-referencial e Identidade. Tamén houbo espazo para unha oficina de cinema de catro días xunto á prestixiosa documentalista Margarida Cardoso, que destacou a importancia dos procesos creativos. Para rematar, o último día pola mañá convertíase no momento de Jorge Campos e a súa sección X-Ray Doc, creada en 2022 como marco de análise dos documentais máis destacados a nivel histórico. A escolla deste ano rememorou dous clásicos indiscutíbeis: Lettre de Sibérie (Chris Marker, 1957) e …à Valparaiso (Joris Ivens, 1963), dúas pezas chave dos seus respectivos autores que exploran, respectivamente, dous modelos únicos de facer cinema como son o ‘ensaio epistolar’ e a ‘sinfonía urbana’. 

Este ano puideron verse un total de trinta e tres filmes —dezasete longametraxes e dezaseis curtas e mediametraxes— procedentes de máis de vinte países de todo o mundo. 

Filmes a competición: o mundo en Melgaço

Moi na liña do amplo programa paralelo, a sección competitiva do festival non foi menos extensa. Este ano puideron verse un total de trinta e tres filmes —dezasete longametraxes e dezaseis curtas e mediametraxes— procedentes de máis de vinte países de todo o mundo. Coma cada ano, o obxectivo foi claro: construír unha escolma fílmica que exemplifique á perfección as máis diversas cuestións sociais contemporáneas, tomando como eixo a identidade, a memoria e a fronteira. Así se formulou dende os inicios, levando este modelo curatorial ao máis alto nivel nas últimas edicións. 

Isto lévanos a subliñar que estamos ante un festival que nace case como unha consecuencia do seu tempo. Non en balde, gran parte dos eventos político-sociais que marcan o actual panorama internacional tiveron o seu inicio a mediados da década pasada. Pensemos no conflito de Ucraína, nas tensións en Gaza ou na crise dos refuxiados, temas recorrentes en moitos dos filmes proxectados no MDOC ao longo da súa traxectoria. A presente edición non foi unha excepción a este respecto, mais nunca deixa de topar outros temas igual de relevantes aos que dar visibilidade. 

Unha das temáticas a destacar entre os filmes deste ano foi ese pouso indelébel e intanxíbel que deixan os traumas do pasado nas sociedades actuais. Son feridas que semellan quedar marcadas de por vida en certas comunidades, tal como puidemos apreciar en títulos coma Bedrock (Kinga Michalska, 2025), sobre o impacto psicolóxico do Holoacusto entre os actuais residentes polacos das zonas afectadas por aquela loucura; Afterwar (Birgitte Stærmose, 2024), que explora os efectos permanentes da guerra na vida duns mozos kosovares, filmados ao longo de quince anos nun estilo entre o documental e a ficción; ou Home Game (Lidija Zelovic, 2024), como unha exploración que parte dun found footage familiar para reflexionar sobre a importancia que tivo a Guerra de Iugoslavia na actual Europa, marcada polo ascenso da ultradereita e os discursos de odio cara aos migrantes. 

Coma cada ano, o obxectivo foi claro: construír unha escolma fílmica que exemplifique á perfección as máis diversas cuestións sociais contemporáneas, tomando como eixo a identidade, a memoria e a fronteira. 

Multipremiada no festival, merece unha mención á parte a fita siria My Memory is Full of Ghosts (Anas Zawahri, 2024), capaz de alzarse co Premio Don Quijote e co Premio FIPRESCI — supuxo a primeira colaboración da Federación Internacional de Críticos de Cinema coa cita melgacense. Este relato sobre os efectos que produce a guerra nunha comunidade é demoledor, centrando a súa atención na cidade de Homs, en Siria. A sombra da devastación, material e psicolóxica, apálpase en cada un dos retratos persoais e anecdóticos recollidos no filme, na súa maioría refuxiados retornados que viviron o funesto asedio da cidade acontecido entre 2011 e 2014, nos inicios da guerra civil. Hai moito de redentor no filme, albergando unha pinga de esperanza neste intento de reconexión cun lugar maltratado. 

𝙈𝙮 𝙈𝙚𝙢𝙤𝙧𝙮 𝙄𝙨 𝙁𝙪𝙡𝙡 𝙤𝙛 𝙂𝙝𝙤𝙨𝙩𝙨 (Anas Zawahri, 2024), filme gañador do Premio Don Quijote e do Premio FIPRESCI.

O conflito sirio tamén captou a atención da curta francesa Al Basateen (Antoine Chapon, 2025), gañadora do Premio Jean-Loup Passek á mellor curta ou mediametraxe. Neste caso, coñecemos o barrio Basateen al-Razi da cidade de Damasco, arrasado en 2017 polo réxime, a través das experiencias de dous dos seus antigos habitantes. Configúrase pois coma unha historia de recordo que ademais pretende cuestionar a imaxe oficial do poder. 

Moitos outros filmes teñen a guerra como pano de fondo, destacando entre as súas principais consecuencias a crise migratoria. A produción española Mi hermano Alí (Paula Palacios, 2024) sitúase como un exemplo significativo neste sentido, centrada na relación de amizade entre a cineasta e un mozo refuxiado somalí que chega a Europa en busca dun futuro mellor. Ao longo de doce anos, asistimos aos encontros illados no tempo entre ambos, convertidos tamén nun camiño cara a madurez e a construción dunha identidade propia negada no seu país. Dunha forma máis sutil, Kora (Cláudia Varejão, 2024) presenta o retrato de varias mulleres refuxiadas, ofrecéndonos unha mirada que fala de raíces, máis tamén de novas oportunidades. Lonxe de caer en sentimentalismos, o filme incluso resulta desafiante á hora de dar voz e rostro a esta realidade, chea de desafíos, padecida por milleiros de mulleres, o que certifica o enorme compromiso da súa creadora. Por todo isto, é digno de aplauso que se fixera co premio nacional deste ano. 

Margarida Cardoso xunto aos participantes do obradoiro de cinema. Foto Edmundo Correia

Esgaduñando no resto da selección, vemos outras moitas temáticas, dende o poder das redes sociais —Revolution 3.0 (Reza Bird, 2025) e Hacking Hate (Simon Klose, 2024)— até o estudo antropolóxico de comunidades isoladas —Koka (Aliaksandr Tsymbaliuk, 2024) e Beneath Which Rivers Flow (Ali Yahya, 2025)—. A este último marco, pertence precisamente a outra proposta española do programa: Objeto de estudio (2024), de Raúl Alaejos. O filme fai gala do seu nome en todo momento, mostrándose como o auténtico obxecto de estudo pretendido, non tanto a comunidade esquimó nativa da vila máis ao norte de Groenlandia que recolle coa súa cámara. A través do humor, o autor constrúe un ensaio que reflexiona sobre a mirada etnocentrista inherente ao discurso antropolóxico no contacto con culturas supostamente exóticas. Como punto de partida, expón a idea supremacista de Robert Peary, o primeiro explorador en conquistar o Polo Norte, quen cría na posibilidade de crear unha raza superior xunto a mulleres esquimós, unindo así a fortaleza dos indíxenas coa presunta superioridade intelectual dos brancos. Este é tan só o detonante inicial. A partir de aquí, a película desenvolve a súa propia narratividade, moi autorreferencial, logrando un nivel de deconstrución expositiva que se converte na clave do seu discurso: a imposibilidade de representar o alleo con fidelidade. 

Como última estación, cómpre destacar o espazo concedido ás problemáticas femininas, un tema habitual en varios dos filmes comentados, así como en tantos outros. Entre eles, merecen especial atención Mistress Dispeller (Elizabeth Lo, 2024), que recrea o caso real dunha ‘escorrentadora de amantes’, figura normalizada na sociedade china; Flowers of Ukraine (Adelina Borets, 2024), sobre unha muller forte cun estilo de vida un tanto anárquico que nin a guerra logrou afastala do seu fogar; ou Evidence (Lee Anne Schmitt, 2024), un ensaio sobre a familia que agocha un estudo profundo sobre a ideoloxía. 

Certamente, o MDOC é iso: unha fiestra coa que promover discursos de cambio e de reflexión social a través do cinema. Cada filme actúa como un incentivo para construír sociedades mellores. 

No entanto, un dos títulos definitivos da selección foi Cutting Through Rocks (Sara Khaki – Mohammad Reza Eyni, 2025), que narra a historia de Sara Shahverdi, unha muller capaz de desestabilizar o modelo patriarcal imperante na sociedade iraniana. Basta con ver a primeira escena —a protagonista manipula un cancelo ata arranxalo e deixalo funcional novamente— para decartármonos que Sara non é unha muller calquera. Divorciada, moteira e candidata a concelleira dunha aldea remota de Irán, seguimos a esta heroína con admiración na pantalla, burlándose de todas as convencións de xénero que asfixian as mulleres da súa comunidade. Todo isto logra reforzarse co estilo observacional que define a narrativa do filme, achegando veracidade ao relato desta muller que, en última instancia, pode definirse como os alicerces dun cambio social a maior escala. 

𝘾𝙪𝙩𝙩𝙞𝙣𝙜 𝙏𝙝𝙧𝙤𝙪𝙜𝙝 𝙍𝙤𝙘𝙠𝙨 (Sara Khaki – Mohammad Reza Eyni, 2025), gañadora do Premio Jean-Loup Passek.

Certamente, o MDOC é iso: unha fiestra coa que promover discursos de cambio e de reflexión social a través do cinema. Cada filme actúa como un incentivo para construír sociedades mellores. Nós, os espectadores, sentímonos reconfortados polo optimismo que nos acubilla durante os días de festival. Por todo isto, podemos concluír que o xurado estivo atinado ao conceder o Premio Jean-Loup Passek á mellor longametraxe a Cutting Through Rocks, unha produción que representa a esencia mesma do MDOC na súa combinación perfecta entre o reflexivo e o emocional.