Fanny camiña, amosando a súa beleza, polas rúas de París. De socate, outro viandante chama por ela, e abórdaa, identificándose coma un antigo compañeiro de estudos nun liceo de New York. A sorpresa dela vai dar paso a un certo grao de ilusión, e a unhas espectativas, expresamente pactadas por ámbolos dous, de futuras citas mutuas. Con esta primeira escena do filme “Un golpe de sorte”, e co propio título do filme, topámonos de bruzos coa materia esencial que o director Woody Allen trata nesta película: o AZAR, as coincidencias na existencia e na vida; e ó redor disto nocións como a sorte ou a que o guionista chama “ironía” da vida. A filosofía da película que nos ocupa non ten, pois, nada de frívola. Pola contra, Woody Allen, seguindo a, nel sempiterna, influencia do mestre Ingmar Bergman, mergúllase na existencia, nos problemas existenciais, nas características da existencia, etc. O encontro casual na rúa de París entre vellos compañeiros de estudos, esta coincidencia, vai alterar totalmente as súas vidas. Por algo, en definitiva, o director deste filme semella postular que a existencia das persoas é unha sucesión de coincidencias e casualidades englobables na noción de “azar”. Pero o peso do azar e o papel da liberdade no triángulo relacional “Fanny-Jane-Alain”, e no devir da vida da xente (neste caso, do conxunto de personaxes da película), malia que estea presente en todo o filme, e así literalmente tanto na primeira escena coma mesmamente na derradeira, non esgota a temática de “Un golpe de sorte” (título premonitorio e tamén vencellado a esta materia nuclear). Xa que logo, é posible decatármonos da presenza doutras materias (ou núcleos temáticos), de carácter secundario e máis concreto. Un exemplo disto radicaría no suspense e relativo misterio que existe verbo da profesión á que se adica Jean, o esposo de Fanny, que é a protagonista indiscutible do filme. Mais nesa liña, Jean nunca aclara de xeito terminante e contundente cal é a devandita profesión, e soamente recorre a formulacións abstractas e indefinidas, nada aclaratorias. Alén disto, a materia é o obxecto das lerias dos falangueiros dos seus círculos sociais. E non soamente isto; tamén hai murmuracións (logo ratificadas ao longo do iter argumental do filme) verbo da posible implicación de Jean na desaparición dun socio nos negocios. Todo isto, o secreto sobre a profesión e maila amentada desaparición do seu socio fannos reparar na posible pertenza de Jean ao mundo da hampa ou mesmo da mafia. Xa que logo, faise máis rechamante o contraste entre o escuro e mediocre Jean (o marido de Fanny) e o luminoso e creativo Alain (o amante de Fanny)… Alain, humilde, harmonioso, desinteresado… ¡Adorable! En certo sentido, por detrás deste contraste entre ámbolos dous aparece a idea da loita de clases (abonda con ve-las senllas casas e ritmos de vida dos dous). Non é esta cuestión a única na que podemos albisca-la presenza e tratamento de cuestións sociais; daquela, observámo-los círculos de persoas ociosas, latriqueiras e falangueiras verbo da vida dos demais (polas que posiblemente o propio Woody Allen persoalmente chegase tamén a se sentir afectado). Outra materia observable no filme refírese ás peculiaridades da relación matrimonial que une a Fanny con Jean. Malia as aparencias idealizadoras da devandita relación, Fanny quéixase en varias ocasións, ó longo da película, de sentirse muller floreiro cuxa imaxe é utilizada por Jean; ese semella se-lo papel que o raposeiro Jean lle outorga á súa muller na jet-set parisiense. Interesante faciana de crítica e denuncia de carácter feminista. Moi distinta, na súa calidade, é a relación existente entre Fanny e a súa nai, bastante auténtica no que atinxe á comunicación e ó cariño, malia a súa inicial teima polas supostas virtudes do seu xenro. De feito, nesta perspectiva, o curso do filme pódese interpretar como a evolución da opinión que, verbo de Jean, e de xeito radicalmente cambiante, vai experimentar a súa sogra. E así llo transmitirá esta á súa filla Fanny, a quen rematará por lle abri-los ollos. A nai de Fanny desempeña, pois, un decisivo papel no argumento deste filme que segue a situa-la obra de Woody Allen nunha posición alternativa ó Sistema Hollywoodiense, e ás súas estrelas e directores-astro.