Vivir filosoficamente en tempos adversos

Coma o autor revela na primeira páxina, este libro é a recompilación dos artigos por el publicados no xornal El Progreso de Lugo, desde o ano 2012, nos que afronta moi diversos temas. Poderíase logo sospeitar que estamos diante dunha miscelánea, carente de calquera pretensión de unidade. Mais, a medida que o lector vai avanzando na lectura, fáiselle ostensible que a diversidade temática non deixa de converxer nun foco organizador que, por outra banda, o título que abre o texto de apertura (“¿Que podemos esperar da filosofía actual?”) xa adianta. Este foco, ao meu parecer, podería enunciarse así: mentres que a filosofía contemporánea, fiel á misión que a tradición do pensar lle ten encomendado, non deixa de proporcionar aos seres humanos actuais discursos que ben poden servir de orientación para aspirar ao cumprimento do ideal da vida boa, o desenvolvemento das sociedades, sometidas ao imperio da mercantilización, o consumo e a mediación tecnolóxica, dificulta cada vez máis a dispoñibilidade do individuo, non só para conceder atención a eses discursos, senón para o acceso ao propio pensar. Porque, contra a tendencia ao primado do pragmático, que se ten visto reflectido no retroceso dos estudos humanísticos dentro do currículo escolar (nos que tradicionalmente se enmarca a filosofía), Martínez Quintanar ergue a voz para probar que hoxe a filosofía é un saber tanto ou máis necesario ca nunca, non especialmente desde a perspectiva “pastoral” ou ideolóxica (produtora e fundamentadora de opinións), senón da pedagóxica e emancipadora. Unha volta, logo, ao filosofar, non en tanto que discurso teórico, senón como proposta de vida. 

O libro preséntase dividido en 4 partes: Signos, Identidades, Éticas e Sabedorías. A elección do plural non é secundaria porque, desde o primeiro momento, o autor asume o labor do filosofar dentro do contexto pluralista das sociedades democráticas, nas que ningunha posición está lexitimada para se atribuír a priori a “verdade”, nin é un obxectivo desexable a construción dunha certeza dogmática que faga superfluo o diálogo deliberativo. Mais o recoñecemento dos límites do pensar racional, e a inevitabilidade do consenso dialogado, tampouco non debe ser confundido, como tantas veces se fai, cun vacuo relativismo. Entre medias deses dous extremos (a aceptación da pluralidade, o rexeitamento do relativismo) móvense estas iluminadoras pezas que Martínez Quintanar nos ofrece. 

Cada peza comeza reproducindo o artigo xa publicado, puntualmente datado, acompañado dunha reflexión máis extensa na que se acode á obra (ou obras) dun determinado autor ou autora (as veces varios) que seguramente actuou como inspirador(a). Autores que na maioría dos casos non forman parte do canon académico nin das figuras de moda. Nun inevitablemente rápido repaso, sinalarei como en “Signos” se analizan as transformacións que a irrupción das tecnoloxías dixitais operan no espazo comunicativo, poñendo o acento nos conceptos de “inxustiza hermenéutica” e “inxustiza epistémica” (Miranda Fricker), na “socialización destrutiva, que aniquila o vínculo ordinario entre as palabras e as cousas” (Maurizio Lazzarato) ou na perda da capacidade de construír “sentido” deriva no “imperio do desexo”, isto é, nunha suspensión do pensamento, arrastrado pola empurre emocional (José Miguel Marinas). En “Identidades”, afrontarase o proceso de derrube dos fundamentos normativos que alicerzan as institucións democráticas, lastrados polos “mecanismos de negación do real” (Clément Rosset), a precarización e a descorporeización dos suxeitos na economía dixital do capitalismo posfordista (Franco Berardi). En “Éticas”, o foco ocúpao a crise das institucións sanitarias e as prácticas médicas, un ámbito particularmente relevante da dificultade de construír consensos nas sociedades complexas contemporáneas, coa Bioética como referencia. Por fin, en “Sabedorías” desprégase a que, ao meu parecer, é a tese conclusiva: unha “vida filosófica” é coma nunca necesaria para o “novo tipo humano” xerado polas sociedades avanzadas sometidas á obsesión produtivista, atrapado nunha compulsiva lóxica do desexo imposible de satisfacer e abocado a un malestar potencialmente patolóxico; e aquí o francés Pierre Hadot, tanto coa súa noción de “exercicios espirituais” como na recuperación da filosofía estoica, será o referente esencial. Lonxe das utopías trans e posthumanistas e dos soños (pesadelos?) dun futuro regulado polo imperio do algoritmo, este libro de Miguel Ángel Martínez Quintanar é un convite a recuperar o poder do pensar, que segue a ser o poder maior do que dispón o ser humano. 

Saber o real. Pezas de Filosofía. Epílogo de Luís G. Soto.  
Miguel Ángel Martínez Quintanar
Espiral Maior, 2025. 
Número de páxinas: 161.