Carlos Meixide, recrea en Viva a Comuna, publicada por Xerais no 2023, os momentos da revolución como acontecemento, nunha prosa transparente e fermosa, que atravesa con claridade as atmosferas da época nun protagonismo coral no que por veces sobresaen voces diversas, con instantes de especial intensidade, Vítor Hugo, os inicios da navegación aerostática, mantendo o pulso ao longo de case seiscentas páxinas no que xa é, para min, un dos mellores romances galegos de sempre. E emprego a palabra romance para non caer na confusión lamentable, desde a perspectiva da intensidade lectora mais tamén do contido, de denominar novela a unha obra que sobresae na súa grande dimensión pola prestancia expresiva e rítmica.
Acaso un dos conflitos máis característicos da modernidade sexa aquel que enfronta a Historia, con maiúsculas, en tanto que devalar, sucesión cronolóxica de feitos e acontecementos, de que falaba Otero, ao seu propio relato, a historia, con minúsculas, a construción dun enunciado que sexa quen de dar conta do tempo ido, dunha época enmarcada nunhas poucas voces, sempre moitas menos que as que en verdade foron; a escisión que se produce entre o Real inefable a flutuar no río do tempo e a súa conversión á palabra, coa necesaria escolla de personaxes, situacións, escenarios, fíos temáticos e dietéticos, o que significa xa un exercicio de arte, de artificio, con mostras de estilo, de perspectivas, de pálpito filosófico. Ese momento en que o discurso se atreve a fiar e entretecer as diversas redes e tramas que asoman da existencia, case como camiños con vida propia, serpes a reptar por un carreiro inédito, o tempo irrepetible a ecoar imperante na letra do discurso.
Entre o 18 de marzo e o 28 de maio de 1871 a Comuna de París foi liderada por un goberno autónomo integrado por persoas de distintos estratos sociais e tendencias políticas. Revélase neste romance, moito máis que unha novela, unha vontade de acompasar, dun xeito pautado, rítmico, o obxecto da épica da modernidade (igualdade, fraternidade, liberdade), a aspiración democrática das masas populares nunha tentativa de goberno proletario e comunitario, contra un goberno provisorio que se rendera perante o avance inimigo das tropas de Bismarck. A toma do control da cidade polo pobo implementando melloras da calidade de vida, promovendo un modelo político máis xusto e igualitario e que rematarán na semana de represión das tropas do xeneral Mac Mahon coa morte de miles e a represión final do movemento.
Carlos Meixide realiza, na miña humilde opinión, un exercicio de contención e de mesura, no que atinxe ao plano expresivo, non carente, porén, de equilibrio e de beleza, que redunda no esplendor do conxunto para acadar un artefacto de especial solidez, revelador do momento especialmente grato da nosa prosa de arte contemporánea.
Viva a Comuna!
Carlos Meixide
Edicións Xerais
Vigo, 2023
Número de páxinas: 600