Venres 22, Setembro 2023
HomeCulturaVIR A MENOS: O PARADIGMA POR VIR

VIR A MENOS: O PARADIGMA POR VIR

ENSAIO
Brais Arribas. Vir a menos. Crítica da razón nihilista. Axóuxere Editora, 2019. 198 páxs.

 

por Rebeca Baceiredo

Vir a menos combina dúas normas do galego, a oficial e a internacional, no literario prólogo de Teresa Moure que abre o libro, e dá gusto como ás veces podemos ir para adiante, en lugar de seguir camiñando cara atrás. O que se desenvolve no texto é unha crítica á tradición de pensamento occidental seguindo a proposta conceptual de Vattimo, que valora a flexibilidade ontolóxica e epistemolóxica, a maleabilidade nos seres e no coñecer. Deixar de pretender explicar o mundo cunha posición dominante pode axudar a mudar o paradigma, o marco no que non só entendemos o mundo, senón no que actuamos. Teoría e práctica relaciónanse. De feito, a comprensión, chave na hermenéutica, implicaría unha zona híbrida entre os dous ámbitos que poría o foco na apertura do suxeito a outras posturas diverxentes: a aposta polo nihilismo hermenéutico que segue Brais, didacticamente, achégase así a un pensamento plural.

A crítica á metafísica da permanencia presenta un ser progresivamente esquecido, fosilizado nos entes, como denunciou Heidegger. Mais ese ser que se dá, pero nunca de todo é un magma a partir do que aparecen, no tempo, os fenómenos. Na Grecia arcaica existir é aparecerse, e aínda non hai ríxidas esencias de fondo, universais dos que se deriva unha verdade (por adecuación) que delimita o erro: unha maneira correcta de ser e outras erróneas… Esa forza que vai sendo é tamén “o non-sido que aínda pode acontecer”. Nesta formulación o pasado é unha potencia de futuro. Non ser e ser, coinciden, como indicaba aínda gnosticamente Parménides no seu Poema: o ser non é o arquetipo e o non ser, o paria.

 Iso si, depende do ser humano arrincar novas formas ao ser, por exemplo, a través das conversas. O disenso pode funcionar coma un xeito de “vacinarnos contra a apatía e a inacción que imperan na nosa cultura”, así como asegura que as voces d@s silenciadas non se integren caritativamente na política, na distribución do sensible. Para iso, o suxeito autónomo, que segue a funcionar como base democrática, tamén ten que devir voz -como metáfora da molaridade desfeita- entre outras voces, porque, sabemos, o ser dise de moitas maneiras.

Desta ultrametafísica, que non pretende superar a metafísica, porque tal verbo xa implica un patrón, un arkhé¸ outra metafísica, derívanse implicacións políticas e tamén ecolóxicas: se un suxeito hexemónico se desestabiliza deixa de relacionarse instrumentalmente coas demais formas do ser, de ser, supéranse as relacións de explotación a respecto doutros humanos, das outras especies e da propia natureza como estrutura. Esta base filosófica permítelle a Arribas a crítica ás formas económicas sustentadas na competitividade e na rendibilidade.

Houbo un tempo no que esquecemos o ser, a potencia vital, mecanizámolo, impedimos o seu devir creativo, e agora estamos a piques de, literalmente, colapsalo. O ser non morreu, matámolo, mais este proceso é reversible se abandonamos os esquemas da dominación e abrazamos os do coidado.