O centenario do pasamento de Xohán (ou Xoán, como tamén el mesmo chegou a asinar algún dos seus textos en galego) Vicente Viqueira conmemorouse en agosto de 2024, mais non acadou o eco que a relevancia da súa figura seguramente merece. Nado en 1886, desde neno con problemas de saúde que a medicina da súa época non saberá solucionar, aínda non cumprira os corenta anos cando falece. Hai práctica unanimidade, que o texto do profesor e historiador da educación Antón Costa Rico non desmente, en considerar que o que converte a Viqueira nunha personalidade senlleira dentro da xeración Nós é a súa condición de pensador, filósofo, investigador no campo da psicoloxía e pedagogo. É un ámbito no que os grandes froitos adoitan chegar nunha idade madura que a el lle foi negada. Por iso, de Viqueira adóitase falar máis como a promesa dun futuro interrompido ca como o logro dunha obra consolidada. Así, nas palabras que García-Sabell lle dedica e que Costa Rico cita: “Un mosaico de posibilidades que a morte a destempo tornóu irrealizabels. […] Viqueira foi o futuro non alcanzado.” Se, para García-Sabell, ese futuro tronzado apuntaba á creación dunha “filosofía de cerne galego”, “unha psicoloxía teórico-experimental” e “unha educación con pegada moral” destinada a deixar a súa marca nas novas xeracións galegas, para o historiador Porto Ucha, tamén citado, cortou “a principal vía de conexión de Galicia coas ideas institucionistas”. Porque, como se detalla na obra de Costa Rico, Viqueira foi un produto desa “fábrica” de intelectuais, por unha parte elitista (o acceso restrinxido aos fillos e fillas da clase burguesa ilustrada), mais por outra radicalmente republicana e laica, que impulsou a Institución Libre de Enseñanza (ILE).
A obra de Costa Rico ábrese cun breve mais preciso relato biográfico que percorre a infancia galega, os estudos secundarios na escola madrileña do ILE (será nesa etapa, con 15 anos, cando lle descobren a poliomelite que o acompañará ata a súa morte), os universitarios, tamén en Madrid, que se prolongarán cos internacionais, grazas as bolsas do ILE, en Inglaterra, Francia e sobre todo Alemaña. Logo virá o seu primeiro desempeño profesional no Museo Pedagóxico de Madrid e o acceso á cátedra de Filosofía, que impartirá brevemente en Santiago e xa finalmente no instituto de bacharelato da Coruña. Mais a pretensión desta obra non é, como se advirte desde a introdución, a propia do relato biográfico, senón máis ben a dunha investigación sobre as contribucións do intelectual Viqueira a eses campos que xa máis arriba sinalamos coma os definitorios da súa singularidade. Aínda que tamén haberá un lugar para amosarnos os traballos de Viqueira como ensaísta político, teórico do nacionalismo, e mesmo poeta, non vai ser ese o eixe da pescuda desta obra, desvío xustificado porque fora o máis atendido ao ser homenaxeado no Día das Letras Galegas de 1974. Estoutro Viqueira menos frecuentado, que se trae agora á luz, é o pensador que asiste ás clases que en Alemaña imparte Cassirer, pero que finalmente opta por seguir os cursos do fundador da psicoloxía experimental Wilhelm Wundt; quen, seguindo o modelo das investigacións pioneiras de Arno Stern sobre o estudo do debuxo infantil, desenvolverá os seus propios traballos (probablemente os primeiros en España) sobre o mesmo tema, cuxos resultados publica nunha revista; quen, en fin, publicará unha Introducción a la psicología pedagógica (1919) e un manual sobre La psicología contemporánea (1930), que Costa Rico analiza, sen deixar de sinalar certas limitacións (“presenta unha ordenación non adecuadamente clara e precisa”, concede preeminencia ás referencias alemás e non atende a outras orientacións, como a de Binet ou Dewey, que xa eran coñecidas nese intre). Non cae, logo, Costa Rico na tentación da haxiografía acrítica, senón que o seu Viqueira é situado con todo rigor no contexto das liñas de pensamento que na súa época se estaban trazando.
Si sorprende algo a moi limitada atención que se concede aos vínculos que Viqueira mantivo coa cultura portuguesa, notorios na súa adopción dunha ortografía do galego próxima á que logo será cualificada de “lusista” ou “reintegracionista”. Esa é a perspectiva coa que se abre Xoán Vicente Viqueira. Filósofo e poeta (Xunta de Galicia, 2024), Xoán Vicente Viqueira. Filósofo e poeta (Xunta de Galicia 2024), obra de Ramón López Vázquez que xustamente pon o acento no lugar que cabe atribuír a Viqueira no achegamento da Xeración Nós ao grupo Renascença portugués, o que leva ao autor a alcumalo o “Coimbra galego, que Galicia nunca tivo”, especulando con que a dupla lusa dos teóricos da saudade, o poeta Teixeira de Pascoâes e o filósofo Leonardo Coimbra, atoparían do lado galego os seus equivalentes na “divina Rosalía” e no home de pensamento Viqueira. Unha lectura que podería facer, logo, de oportuno complemento da obra de Costa Rico. Esta fica, en todo caso, como afinado estudo das ideas filosóficas e psicopedagóxicas, ademais (e non é cousa menor senón importantísima) de ordenado compendio de todo canto deixou escrito e canto foi dito polo malogrado pero sempre admirable Xohán Vicente Viqueira. E aínda se podería engadir: de canto ata aquí se ten dito sobre el, como se fai constar na abondosa bibliografía.
Xohán Vicente Viqueira. Un esclarecido e singular humanista galego.
Antón Costa Rico
Xunta de Galicia, 2025.





