Non pasarán da Cía. Ártika de Vigo, con dramaturxia de Vanesa Sotelo e Tito Asorey, baseada en Biedermann e os incendiarios de Max Frisch, con dirección de Tito Asorey, é como unha ficción parabólica. Un pesadelo no que a candidez de Cándido, o cidadán de clase media traballadora, fai as concesións necesarias para que se active nel mesmo o espírito incendiario de Gómez e Pérez (alegoría dos calquera, dos rebotados que, en nome da anti-ideoloxía, da seguridade, do medo, votan os que van acabar coa democracia) e acabe por queimar a propia casa. Cándido, dedicado ao negocio inmobiliario das ventas e alugueres, e a súa filla, son un retrato sociolóxico da poboación de clase media traballadora, con dobre moral, que vai interiorizando as políticas do medo e acaba adoptando as posicións da ultra-dereita que ameazan con rematar co estado democrático e social.
Non pasarán concilia humor e terror, desde esa candidez de sorrir ou mirar para outro lado cando a barbarie de ideoloxías neofascistas xa están queimando outras casas (países).
O espectáculo comeza como se estivésemos ante un drama realista, pero pouco a pouco o estilo vaise estrañando e tornándose case absurdo. O clímax nese xiro estilístico acádase co número musical, que fai de bisagra e acentúa esa distorsión de pesadelo. Non é drama realista, pero é unha boa metáfora da realidade monstruosa e grotesca á que estamos asistindo, por exemplo co éxito electoral de Donald Trump e as súas políticas, xunto ao multimillonario Elon Musk, en contra de dereitos humanos básicos.
Os dous dúos desta peza teatral: pai e filla (Marcos Alonso e Rocío Salgado) e os supostos empregados de seguridade, os incendiarios (Martín Maez e Fernanda Barrio), fan un contraste fantástico, literalmente. Sobriedade e dilixencia interpretativa, sen permitirse ningunha licencia á edición chistosa dos personaxes, apostando pola verosimilitude dramática. Isto xera unha moi rendible oposición entre os personaxes e as situacións, nas que os temores lles acaban por facer tomar decisións e actuar de xeito contrario a si mesmos.
De resultas, a peza consegue xerar esa expectación tensa e risoña. Saímos escarmentados, logo de presenciar até onde a mansedume do acatamento e dos medos nos poden levar. Vímoslle as orella ao lobo.
Non pasarán
Compañía Ártika
Dramaturxia: Vanesa Sotelo e Tito Asorey
Dirección: Tito Asorey.
Intérpretes: Marcos Alonso, Rocío Salgado, Fernanda Barrio e Martín Maez
Deseño escenográfico e vestiario: Carlos Alonso; Deseño de iluminación: Laura Iturralde; Deseño de espazo sonoro: Xavi Bértolo.
Produción e Asistencia de dirección: Anxo Fernández; Voz en off: Melania Cruz
Estrea: Sala Ártika de Vigo.