Vidas e historias LGBT da Idade Media

A principal tese que presenta o autor desta obra, a estas alturas non debería precisar sequera ser enunciada: que só os prexuízos da dogmática heteronormativa poden explicar que durante moitos anos prevalecera a idea dunha Idade Media na que as vivencias homoeróticas non tiñan presenza documentada. A pescuda do autor está orientada a desmontar eses prexuízos mergullándose nos textos, e un dos seus descubrimentos é que ese extraordinario tesouro que é coñecido baixo o nome de lírica galego-portuguesa proporciona algúns dos exemplos máis notorios e numerosos. Así, afirma que a metade dos textos medievais coñecidos sobre lesbianismo escribíronse na tradición trobadoresca galega e sinala, analiza e comenta os máis relevantes. Poderíase cuestionar o uso das etiquetas contemporáneas tomadas do movemento LGBTI para orientar a súa pescuda, cousa que o propio autor problematiza, mais o que está fóra de toda dúbida é que o fai cun impecable rigor, que comeza pola análise dos documentos primarios, a consideración de todas as hipóteses interpretativas e o manexo dunha amplísima e actualizada bibliografía. Explica o autor, no inicio, que evitará o recurso ás notas a pé de páxina na procura dunha forma ensaística que, axilizando a lectura, favoreza a ampliación do lectorado. Era difícil o reto mais coido que en xeral está logrado. Sen abandonar o rigor, hai momentos nos que a análise dos textos reviste case a tensión dos relatos detectivescos, outras nas que o lectorado é mergullado nos conflitos das intrigas palaciais ou nas rivalidades entre trobeiros e xograres que se resolvían en versos satíricos. Isto último é o que foi interpretado no pasado como proba de que, dado que a homosexualidade é usada como  acusación (aparentemente) inxuriosa, existiría no medievo unha condena moral e social das relacións afectivas entre persoas do mesmo sexo. Fronte a esta visión, produto da “falacia dun monolitismo heterosexual” proxectado sobre o pasado, Callón fai confluír varias liñas de análise: a reconstrución detallada do xurdimento do pecado de sodomía e as leis que o castigaban, que se xera entre os séculos XI e XIII, non antes; a distinción entre “homofobia” (ausente na Alta Idade Media) e “pasivofobia” (adoptar o papel pasivo no trato sexual), que si era algo desvalorizante aplicado a un home; a concepción medieval da amizade, a ”amicitia”, un “ideal de relación entre homes, do que fican explicitamente excluídas as mulleres”, que só coa Contrarreforma será abandonado ao cuestionarse a súa confusión coa sodomía; e naturalmente a análise literal dos textos, indispensable para entrar nas sutilezas dos xogos verbais e a complexidade semántica que amosan. Salienta, cando menos, dous casos de notorios e singulares poemas homoeróticos, un homosexual, do que a dimensión satírica está ausente (e que foi manipulado en edicións modernas, trocando un “o” final en “a”!), outro lésbico. Este último, remite a un conxunto de poemas que cantan (estes si con intención satírica), as relacións de dúas mulleres, Maria Leve e Sancha Pérez, probables soldadeiras, como se defende cunha ben argumentada hipótese. Fican inevitablemente fóra deste apertado comentario outras dimensións que deixo ao gozoso achado do lector ou lectora. 

Carlos Callón
Vidas e historias LGBT da Idade Media.
Xerais, 2025.