Domingo 28, Maio 2023
HomeCulturaVIDAS CRUZADAS

VIDAS CRUZADAS

NARRATIVA
Manuel Portas. Por puntos. Galaxia, 2019

 

por Francisco Martínez Bouzas

Foi no ano 2010 cando Manuel Portas debutou na narrativa galega cunha novela de amplo percorrido, Denso recendo a salgado. Seguiron outros cinco títulos e  algúns dos premios máis importantes do sistema literario galego, recoñecementos a unha calidade, que medra, porén, en cada nova peza, como podemos observar en Por puntos, Premio Blanco Amor 2018.

Por puntos é unha novela coral, un retrato de tipos humanos esnaquizados polas circunstancias da vida que se reúnen nun cursiño as fins de semana para recuperaren os puntos do permiso de conducir. E no pecado vailles a penitencia, como lle di a autoridade que, ao comezo, impón a súa fachenda no curso. Personaxes entrañables como Adela, que non gusta de si e agocha as súas incertezas nun desacougo constante. Ou Montse, que malia cumprir cincuenta anos non recibe felicitación; ou o substituto, un profesor interino que vai ao curso para recuperar os puntos que vendeu. Persoas cheas de vida. Segundo eu estimo, trátase dun retrato do mundo condensado nun mangado de mulleres e homes: a perfecta ama de casa que acepta o papel de ser “muller de” ata que pilla ao home séndolle infiel; o mozo ao que lle perde a velocidade; a muller de cincuenta anos, trinta e cinco deles viúva, co alcohol como única válvula de escape; o substituto que tamén exerce de arrebatado poeta; o home que, aos corenta e cinco anos, asume a súa homosexualidade; ou Tupé, con fama de matón. Tamén Rosa, a encargada do café.

Estes son algúns dos integrantes dese protagonismo coral. Manuel Portas fainos saber das súas vidas, angueiras, traballos e problemas. Mais eles, entre si, case sen se decatar, van tecendo unha malla de complicidades para fuxiren da soidade na que se atopan ensumidos, ata chegar ás desavinzas ou desilusións amorosas. Namoramentos case de adolescentes, aloulados e pegañentos, mais, polo xeral, enganosamente fanados.

Tales son os actantes da novela; seres ateigados de humanismo, da intimidade que vai nacendo entre eles. Manuel Portas o único que fai é contarnos a vida, descartando -tanto nesta novela como noutras achegas- o relato de grandes feitos, de grandes persoeiros. E como pano de fondo, un percorrido pola soidade dos protagonistas. O que o autor relata nesta novela é a vida cotiá de persoas alienadas na incerteza dunha existencia solitaria.

Emporiso, a trama avanza a bo ritmo e cunha estratexia narrativa sinalada polo mesmo autor: a teoría do iceberg, omisións, un certo minimalismo, fixándose o escritor nos elementos da superficie. Mais, ao meu ver, debaixo desa oitava parte que aparece encol da auga, déixase sentir, sen ningunha dúbida, unha posición subxectiva e crítica.

Por puntos é, ademais, unha novela cun plus de aventura, e de estratexias para ligar, que avanza con sutís doses de humor e nunha linguaxe na que, mais unha vez, domina a frescura, a espontaneidade e o sabido dominio do galego. Eis, pois, o retallo dun libro de xente que está farta de non ser querida.