MÚSICA
Víctor Coyote. Las Comarcales. El Volcán. Febreiro, 2020.
por Carlos Rego
Se hai alguén capaz de tecer un fío imaxinario que una a Eça de Queiroz, Raymond Carver e Boris Izaguirre, ou a Atahualpa Yupanqui, Buddy Holly e Rubén Blades, ás dúas Rosalías, a de agora e a De Castro, ou alguén que sexa quen de saltar das estradas de Terra de Montes a Cabo Verde pasando polo barrio de La Elipa, ese é Víctor Aparicio Abundancia, un tudense que leva máis de media vida vivindo fisicamente en Madrid e viaxando musical e mentalmente por medio mundo.
Canto máis cosmopolita se estaba a poñer a escena movidesca a mediados dos oitenta, Víctor reconverteu radicalmente ao seu grupo Los Coyotes: dende o rockabilly post punk chegaron a converterse nun comando de vindicación de músicas desprezadas por horteras polo gusto anglosaxón dominante. Daquela, escoitalo falar de Héctor Lavoe, Vicente Fernández, o lenga lenga, Portugal ou María Lionza era case revolucionario, pero esa abraiante retórica traduciuse nada menos que en Mujer y sentimiento, un dos mellores discos da década e pioneiro dun camiño, o chamado rock latino, que outros percorrerían con máis éxito.
“Vivo recorriendo rutas que frecuenta nadie, las comarcales”, canta neste seu novo disco, a volta á composición tras a persoalísima colección de versións de De pueblo y de río, e é ben certo que esas estradas (tamén laborais: deseñador, escritor, documentalista…), téñeno apartado das autoestradas máis exitosas. Tamén o é que sempre mantivo o prestixio do outsider, aínda que polo que canta en «Soy un trabajador, soy un autónomo, un artista» non lle saíu moi a conta: “Tengo un voto puro como un ángel, nadie promete derechos laborales a un autónomo, falso o no. Conducir, cargar, show y gasolina. Dueño de mis deudas, subo a la tarima, tan artista yo”.
Como o ritmo non está rifado co intelecto, versos coma estes, observacións agudas, de humor costumista e retranqueiro que radiografan tanto a estupidez do mundo contemporáneo (“llenaron de estufas las terracitas, y gastaron tres millones en lucecitas de Navidad”), como as moi persoais preocupacións que trae a idade, abondan nun disco moi vizoso musicalmente. Os diferentes ritmos (no estupendo mapa de influencias que acompaña o CD aparecen a bachata, o calypso, a morna), melodías e estilos fúndense con naturalidade, sen turisteo de postais. Ademais, segue a cantar con esa inconfundible voz de crooner de pueblo, tamén en galego e portugués, estupendamente arroupada por un grupo que se move como peixe na auga entre a concreción do rock and roll clásico e esoutros estilos tan aparentemente afastados. A produción de Pablo Novoa ponlle o lazo ao conxunto ao tirar o máximo partido dos mínimos elementos con exquisita austeridade, engadindo cores sen afogar a esencia popular dun repertorio único e intransferible.