A cuestión da verdade

De feito, o libro ábrese coa afirmación de que o pragmatismo “está hoxe no centro da discusión de multitude de problemas filosóficos” e que a súa influencia, especialmente na variante jamesiana, é visible nas correntes analíticas, posmodernistas e naquelas que “tenden a darlle un papel protagonista á ontoloxía na determinación do coñecemento”; e péchase asegurando que a vindicación da acción humana como “parte inherente do proceso cognitivo” é “un dos principais motivos polo que está a rexurdir o interese polo pensamento de William James”.  

Entre medias, o lector asistirá á xestación da teoría pragmatista no Clube Metafísico de Cambridge, Massachusetts, como unha proposta de superación tanto da teoría da correspondencia clásica como da variante moderna do idealismo racionalista; proposta que se entronca na tradición do empirismo británico mais reivindicando un novo realismo que permita deixar atrás o seu escepticismo. Coñeceremos así as discusións entre as dúas principais figuras do Clube, Peirce e James, rivais que con todo nunca deixaron de ser amigos. González Gándara decántase, naturalmente, segundo se adiantou, polo segundo, argumentando que o transcendentalismo obxectivista de Peirce, substituíndo a referencia cartesiana a divindade pola teoría do “consenso final da comunidade de expertos”, finalmente continúa atado aos presupostos correspondentistas do dualismo suxeito – obxecto clásico. 

Pola contra, aínda recoñecendo “certa aparencia de subxectivismo”, deféndese a James das acusacións de relativismo e nominalismo das que o fixo obxecto tanto Pierce como Bertrand Russell. E se os argumentos de Russell aparecen como unha defensa das posicións de Pierce fronte a James, Dewey, Putnam, Rorty e Kuhn serían algúns dos autores que reforzarían, aínda dentro das súas notorias diferencias (o explícito relativismo de Rorty é o que se distancia máis), a opción de James.  

A describila, baixo os epígrafes “A verdade construída”, “O empirismo radical” e “A cuestión do relativismo”, dedícanse os tres capítulos finais desta breve mais enxundiosa obra. Falar de “verdade construída” implica por parte de James o recoñecemento de que non cabe postular a existencia dunha “realidade absoluta”, dado que o proceso de verificación das crenzas humanas permanece sempre vinculado, e xaora limitado, á obtención duns resultados satisfactorios nun momento dado. Co “empirismo radical” (único punto no que Russell dicía coincidir con James) postúlase unha “experiencia pura” da cal “obxecto e conciencia son funcións”, o que vai permitir a James compatibilizar un “monismo epistemolóxico” cunha “ontoloxía pluralista”.  

En canto ao debate sobre o relativismo, permite ao autor introducir a noción dun humanismo instrumental que emparenta a James con Dewey e libérao da crítica de relativismo de Russell, de novo apoiándose en Putnam. Na conclusión final, González Gándara salienta que a epistemoloxía jamesiana permite escapar do falso dilema de ter que elixir entre unha “Verdade” con maiúsculas e un relativismo do “Todo vale”. 

Verdade e acción. A certeza pragmática
Fernando González Gándara
Euseino? Editores 
Vigo, 2024