Teño a Xosé Monteagudo (Moraña, 1965) como un dos nosos narradores vivos máis orixinais e capacitados, dono dunha autoridade enunciativa que o fai salientar dentro das voces da súa xeración, que é en si mesma unha benzón dos tempos para a nosa lingua e cultura, chea de prumas inexcusables: Antonio Riveiro Coello, Inma López Silva, Rexina R. Vega…
Sei que as paixóns literarias moitas veces obedecen a motivos de azar e que pode resultar difícil encontrarlles razóns obxectivables, máis o certo é que desde que caíu nas miñas mans Un tipo listo (2009) percibín que estabamos perante un autor de notoria disciplina, capaz por si só de iluminar unha época, como xa demostrara con anterioridade en As voces da noticia (2002) e Esta historia (2006) e seguiu demostrando co paso dos anos, O curioso mundo das persoas normais (2012), Todo canto fomos (2016), Eternity (2021).
A cousa é que caiu nas miñas mans recentemente, por diversos motivos de índole profesional, Vémonos mañá (2023), e que desde a primeira páxina fiquei prendado da historia que se nos conta e da maneira en que se nos conta. O mesmo que me acontecera quince anos atrás con Un tipo listo.
Porque estamos perante un romance, unha novela longa, perto das trescentas páxinas, que reúne todas as condicións para deixarnos coa mirada prendida na sucesión das súas páxinas, sendo a un mesmo tempo unha novela histórica, unha novela de amor, unha biografía, un alarde de dominio sentimental e intelectual perante as flutuacións da Historia. E, asemade, unha lección de narrativa e de traslación do Real, sempre inefable, a un discurso simbólico que se vai enchendo de matices e de lazos, de ecos e de polifonías, nunha historia xa escoitada, mais nunca asimilada, comprendida.
Prendémonos, pois, a un relato que forma parte da Historia, resolvendo dese xeito un dos principais problemas da fantasía literaria. Un personaxe central, que existiu realmente, e que seguimos ao longo de todos os avatares da súa vida, que son os de Galicia, do Estado Español, de Europa, do mundo, ao longo do século XX. Mais un personaxe que, sendo Historia, vén carregado de historias que atinxen a súa personalidade, a súa actividade política e diplomática, o seu entorno sentimental e familiar. Bibiano F. Osorio-Tafall, (Salcedo, Pontevedra, 1902; México, 1990), científico e político galego, funcionario da Organización das Nacións Unidas, escindido entre unha Galicia que ama e na que non pode permanecer, ameazado de morte polo franquismo, e un mundo ao que se entrega como diplomático en conflitos de intensidade.
O relato avanza en capítulos alternos que nos sitúan por unha banda nos sucesivos escenarios da biografía de Bibiano e, por outra, na Pontevedra franquista que exerce a súa represión sobre a esposa Josefina Arruti e os tres fillos, froito da relación sentimental. A condena é a separación e as vidas escindidas, que conducen por si mesmas a un distanciamento real, exercido como castigo, como penalidade, como escarmento.
Vémonos mañá
Xosé Monteagudo
Edicións Xerais
Vigo, 2023
Número de páxinas: 296