Luns 4, Decembro 2023
HomeCulturaGalicia como tarefa

Galicia como tarefa

Valentín Paz-Andrade era un home con moitos oficios, avogado, escritor, político, xornalista, economista, pero cunha soa tarefa: Galicia. A súa ferramenta de traballo foi a palabra, que dominou con mestría tanto no eido xornalístico como no literario e da que se serviu para deixar impreso o seu desexo de progreso para Galicia.

Un progreso que foi quen de proporcionar a súa terra a través da industria pesqueira, tanto como impulsor de Pescanova como no seu traballo de técnico da FAO. No Día das Letras Galegas recórdase a súa fecunda obra como articulistas en xornais galegos e de todo o mundo e a súa etapa como director do xornal Galicia. Pero, sen dúbida, un dos seus grandes éxitos como xornalista foi a fundación da revista Industrias Pesqueras, na que combinou os seus coñecementos tanto do sector pesqueiro como da producción de información e que segue funcionando 85 anos despois.

Os seus ensaios poden dividirse nos que se centra na súa terra coma “Galiza lavra a súa imaxe” (1985), “A Galecidade na obra de Guimaraes Rosa” (1983) ou “Castelao na luz e na sombra” (1982) e nos que trata sobre a industria pesqueira. Mentres que na súa poesía o amor por Galicia e as súas xentes son centrais, aínda que co mar como fondo en moitos poemas. O seu primeiro libro “Pranto matricial”(1955) está dedicado ao seu amigo e inspirador, Castelao. Logo virían “Sementeira do vento”(1968) e “Cen chaves de sombra”(1979).

E que Galicia é Paz-Andrade e Paz-Andrade é Galicia. Como dixo o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndes Ferrín, “Alí onde se busque Galicia no século XX alí aparece, tarde ou cedo” Valentín Paz Andrade.