Unha testemuña vital

Cando un vello amigo e camarada, moi polifacético, presenta un libro de memorias, sempre un sente curiosidade por ver que é o que nos conta. Moito máis se aquel é alguén que protagonizou momentos relevantes do devir da cultura galega, tales como a dirección da Gran Enciclopedia Gallega, a colaboración tanto con relevantes medios de información e comunicación como a Radio Galega como con entidades tipo o Consello da Cultura Galega e/ou con intelectuais ilustres da talla de Isaac Díaz Pardo do que foi colaborador no Instituto Galego de Información e tamén autor da biografía Isaac Diaz Pardo. Memoria do compromiso.

Xosé Ramón Fandiño, o amigo do que vos falo, vén de publicar co apoio loxístico da Editorial Alvarellos unha serie de artigos, recollidos baixo o título global de “Memoria de vivido”, nos que nos conta, cunha pluma áxil pero moi ben estruturada, a xeito de Evocacións (9), Biografías (4) e Entrevistas (4), o “murmurio das voces e dos legados” que foi recibindo e asimilando ao longo da súa vida.

Voces e legados dun número relevante e significativo de persoeiros -homes e mulleres-, uns mais coñecidos que outros, pero que o autor significa deixaron un indiscutible poso no seu patrimonio cultural e humano. Nada estraño se tomamos nota de quen foron estes persoeiros “evocados” -Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Isaac Díaz Pardo, Antonio Fraguas, Carlos Maside, Aurichu Pereira entre outros-, “biografados”, na miña opinión o apartado máis conseguido -Florentino López Cuevillas, Fermín Bouza-Brey, Ramiro Fonte, a quen coñecín e de cuxo amizade desfrutei, Carlos García Martínez e Antonio Raimundo Ibáñez-, e “entrevistados” -listado que encabeza, non podía ser doutro xeito, Isaac Díaz Pardo, Luz Pozo Garza, Xosé Ramón Barreiro e Andrés Fernández-Albalat.

O listado anterior sería suficiente para xustificar o interese deste traballo pero se a isto lle engadimos tanto a brillantez da escritura como o valor dos relatos que nalgúns casos nos permiten coñecelos mellor, entón un podo aconsellar con tranquilidade a súa lectura.

Para que non todo sexan loanzas ben se pode “criticar” unha certa desorde -ou mala orde- nos artigos, pero isto non deixaría de ser un opinión subxectiva que como tal non ten moito valor. A realidade é que o conxunto está moi logrado e ten, como valor engadido, o poñer en evidencia, cando menos para quen isto escribe, a existencia dun certo baleiro no xusto recoñecemento a un número relevante de cidadáns e cidadás galegos/as que achegaron moito a este país, que axudaron a darlle unha personalidade, sen que lles fora recoñecido como se merecían e sen que teñamos coñecido suficientemente as dificultades que atravesaron simplemente por ser persoas moi dignas. Esperamos que este traballo de Xosé Ramón Fandiño sexa só o primeiro doutros que nos axuden a coñecer mellor o noso país, a súa xente e a súa historia que contribuíron a forxar moitos homes e mulleres moi valiosos/as, moitos/as pouco coñecidos e recoñecidos como se merecerían.

Memoria do vivido
Xosé Ramón Fandiño
Alvarellos Editora, 2026.
Número de páxinas: 268.