Unha ruada especial

Ruar do Colectivo VACAburra estreouse en coprodución coa 41ª MITCF de Cangas. Foi, como di o título, unha ruada e, por tanto, unha peza para exteriores. Non obstante, para ser unha ruada xogaba con moitos elementos que, aparentemente, lle poderían ir na contra ou, como mínimo resultar paradoxais, feito que redunda aínda nun maior magnetismo. Un deles, o acento na expresión e no latexo interior, ou dito con outras palabras, o coidado en que ese ruar non ficase na simple exterioridade, en botar por fóra ou en desatada tolemia. Non. Antes que actriz e actor ou que danzantes, estaban moi presentes as calidades propias do ser e o estar das persoas, Andrea Quintana e Davide González. O seu xeito de mirarse e de mirar para nós establecía unha comunicación non verbal de proximidade, case de intimidade, malia estarmos nun espazo exterior, aberto, no medio do rebulir cotián.  

O outro aparente paradoxo para unha ruada é que se trate só de dúas persoas e non dunha comparsa de esmorgantes. Aínda que no teatro e na literatura temos unha rica tradición de parellas que fan da ruada unha aventura fascinante -penso, por exemplo, en Max Estrella e don Latino, de Luces de bohemia de Valle Inclán, en Valeriano e Cañete, de Doentes de Roberto Vidal Bolaño, ou nas irmás Maruxa e Coralia Fandiño, de Voaxa e carmín de Esther F. Carrodeguas-. E, alén de Don Quixote e Sancho Panza, tamén temos o mítico dúo de pallasos: o Augusto e o Cara Branca.  

De todo isto, Andrea e David tráennos se cadra a extravagancia e a chiscadela na acción de empregar pinta labios para colorear, unha ao outro e viceversa, as orellas, ela de azul, el de fucsia. Aí xérase un foco lúdico na importancia de poñer a orella e, en consecuencia, da escoita. Pintar as orellas é como re-significalas, facer delas un lugar especial, máxico, ritual, relacionado tamén coa sensibilidade. Esa ferramenta que as artes escénicas aguzan e que resulta fundamental para a convivencia humana. 

Así pois, ao final dous poden ser multitude, sobre todo coa sutileza coa que nos fan partícipes, primeiro coa mirada e despois coa transformación da Praza da Constitución de Cangas nun lugar de festa e marabilla. O fantástico xorde coa sorpresa da percusión, sacando ritmos e sonoridades extraordinarias de paredes, tubaxes, chan e mobiliario urbano. Sen máis “atrezo” que un par de baquetas, que fan do espazo un instrumento de percusión ilimitado e que até acaban por transformarse en prolongacións do corpo. Xorde tamén do baile, en composicións fantasiosas e moi creativas. Pero, sobre todo, a graza, que aquí, como nos rituais máxicos, é divina. 

Gustei inmenso do contraste entre a primeira parte, de máis feira, e a segunda, a das orellas pintadas, coa espreita e a atención traducidas ao corpo en posicións a dúo incribles. E ese final “cantabile” e de retorno á ruada. Un gozo! 

Ruar  
Creación do Colectivo VACAburra
Interpretación: Andrea Quintana e Davide González 
Coreografía: Andrea Quintana 
Dirección e dramaturxia: Gena Baamonde e Andrea Quintana 
Espazo sonoro: Davide González 
Vestiario: Gena Baamonde 
Coprodución: 41ª MITCF de Cangas do Morrazo