Xoves 28, Outubro 2021
HomeCulturaUNHA QUIXOTESCA AVENTURA DO HOME EN PIXAMA

UNHA QUIXOTESCA AVENTURA DO HOME EN PIXAMA

NARRATIVA
O peso do cerebro. Xesús Constela. Xerais. Vigo, 2021. 216 páxinas

 

por Antía Monteagudo Alonso

Cal é o poder creador do cerebro e como pode ser que un órgano de apenas quilo e medio determine a nosa vida dunha forma tan radical? Esas parecen ser as preguntas que Xesús Constela nos coloca no seu último libro, O peso do cerebro, unha orixinal obra a medio camiño entre a novela e o xénero dramático.

A trama céntrase nas quixotescas aventuras dun ancián que escapa en pixama da casa mentres estaba baixo a vixilancia da súa neta Paula. Na súa aventura por unha cidade-barco tan vella e decaída coma el (quizais un trasunto literario de Ferrol, lugar de orixe do autor), Don Honorio é acompañado por dispares personaxes que o axudarán a cumprir a empresa coa que abandonou o seu fogar, e que terminarán por formar unha esperpéntica procesión que mestura a Semana Santa cunha humorística comparsa de Entroido. Os distintos escenarios nos que transcorren os feitos axudan, tamén, a recuperar a memoria histórica da cidade, ao incluír pequenas historias persoais que se rescatan do esquecemento.

A acción pasa ao longo dun día e cóntase desde a perspectiva de cada unha dos personaxes que participan, como se se tratase dun guión teatral que marca tanto as reflexións como os momentos de entrada e de saída de cada figurante. Isto permite tamén ao autor xogar coa incógnita de saber ata que punto os feitos son reais ou meras transfiguracións na cabeza de Don Honorio, un Quixote que en vez de muíños atopa estatuas falangueiras e que, en lugar de rexerse polo deber de rescatar a Dulcinea, precisa ir á verbena do outro lado da ría. É nesta confusión que intencionalmente crea o texto onde máis empatizamos cun Don Honorio que mestura pasado e presente, que consegue alterar a falsa orde do cuarto no que sobrevivía ata entón e a quen os pensamentos lle quedan pegados no abrigo de pelo co que se pasea pola cidade. Unha atmosfera que, por certo, consegue trasladar á perfección Fran Herbello Hermelo na imaxe que aparece na capa do libro.

Mais, sen dúbida, se hai un elemento idiosincrásico nesta novela son as notas a pé de páxina onde dúas voces femininas comentan e critican o desenvolvemento da acción, cuns diálogos rexidos polo sentido común e que, ao meu ver, se converten no punto máis feble á vez que no máis relevante da historia. Retómase aquí a idea do teatral, das espectadoras que colocan a súa visión e que interpretan e relativizan todo o que vai sucedendo no desenvolvemento da historia. O diálogo entre elas corrobora a intencionada sensación de caos que sente quen le a obra e achega certas pincelazas de humor que distensionan o texto. Non obstante, as conversas caen a miúdo en lugares comúns e resultan excesivamente caricaturescas da muller galega tipo, o que tamén fai a lectura máis lenta.

Trátase, en definitiva, dunha proposta innovadora no plano da narración, que parte dun personaxe real para crear unha especie de O vello que saltou pola ventá e se largou máis introspectiva e á galega, e que ofrece un transfigurado paseo polas rúas da cidade-barco en compaña do home en pixama, á vez que nos recordan a importancia do cerebro e a necesidade de prestar atención ás enfermidades ligadas a el.


 

Novidades