Ás veces dáche por ir ó cinema, pero non porque che atraia particularmente determinado filme, senón simplemente porque tes tempo libre, non tes nada que facer. En ocasións, mesmo es consciente de que a película que, por non sei que antollo, vas ver non che vai gustar nada. E, nefeuto, con esa sensación de considerable desagrado saín da sala na que se está a proxecta-lo filme Politicamente incorrectos. Aínda que formule algunhas cuestións que poderiamos estimar interesantes, e malia algúns aspectos positivos, como o ritmo da película, o problema deste filme radica nas formas. Fáltalle elegancia e utiliza un “humor fácil” que a achega á frivolidade. A verdade é que este filme cheira a nocións vulgares e mesmo rancias: populismo no peor dos sentidos, leccións baratas de democracia, utilización gratuíta de aspectos escatolóxicos, sentimentalismo chocalleiro, “España cañí” (non sei se seguindo os sendeiros de Berlanga).
As dúas personaxes máis salientables, Laura e Pablo, coinciden casualmente nunha especie de mitin-apertura de campaña enfocado como unha confrontación entre dereita e esquerda. Laura é militante do partido de esquerda e Pablo do partido de dereita. Entre chistes barateiros e situacións equívocas, ámbolos dous van vivir xuntos unha aventura no bosque por mor dunha común caída a un encoro dende un helicóptero. Deste xeito comezará entrámbolos dous un achegamento que acabará por se converter en relación amorosa e interferirá en cadansúa participación nas campañas de senllos partidos.
Como xa denantes apuntei, cómpre admitir que a película contén ideas interesantes. Poñendo por caso, no que atinxe ás diversas formas de facer política contrapóñense: por unha banda, a eficacia e mailo pragmatismo (aínda que isto chegue a supor mentir e manipular); doutra banda, a sinceridade e a honestidade dos que fan política obviando esa preocupación pola eficacia que tan característica é dos partidos do Sistema. Esta oposición ou conflito vaise reflectir nas actuacións de senllos aparatos de partido (lamentablemente afanados e atafegados na eficacia e no pragmatismo); sen embargo, reflectirase tamén na súa personificación nas actuacións de ámbolos dous protagonistas.
O filme fai crítica de xeito barateiramente satírico, en varios niveis. En primeiro lugar, critícase a linguaxe “técnico-política” de cada un deles: deste xeito, a utilización por Alberto de palabras como “liberdade”, “España”, “democracia”; Laura, pola súa banda, emprega, na linguaxe coloquial, termos militantes referidos á loita de clases ou ó feminismo.
Subxace tamén unha crítica verbo do poder exercido polos aparatos dos partidos políticos sobre os seus militantes (o cal alude implicitamente á estrutura e funcionamento elitista e verticalizado dos partidos do Sistema). O/a responsable do guión desta película fai, nesta cuestión concreta, un maior fincapé no suposto do control exercido polo partido de esquerda, que está a escorregar nunha espiral de “social-democratización”, e censúralle a Laura, como militante, o uso de palabras do estilo de “clase traballadora” ou mesmo “traballadores”.
Entre Laura e Pablo vai xurdir un amor que inicialmente podería semellar imposible: ámbolos dous parecen vivir unha “síndrome de Romeu e Xulieta”, xa que as circunstancias que os rodean parecen as máis indicadas para afastalos (encomezando polas súas militancias “opostas”). A plasmación máis plástica de tódolos problemas que os dous amantes han superar radica na escena de separación “cáseque forzada” no contexto do rescate no bosque.
En Laura, que é a verdadeira protagonista, concorre unha faciana política, pero tamén unha faciana persoal, que se aborda con excesivo sentimentalismo e cáseque infantilismo. Xa que logo, observemos a relación mitificadora cara á súa nai e á memoria militante do seu finado pai. Laura non é só un personaxe mal construído sobre sentimentos esaxerados e multidimensionados, senón que formula tamén problemas por mor de que a actriz que a encarna sobreactúa, e non é un portento dramático (tampouco está ben o actor que personifica a Pedro). Doutra banda, alén destas dúas personaxes principais, cómpre dicir que as semellanzas dalgún outro personaxe con determinada figura política, realmente senlleira hai anos na comunidade de Madrid, acentúan o carácter vulgar e charramangueiro, nunha chiscadela de ollo “facilona” ó espectador, máxime considerando a deficiente imitación que de tal personaxe público se realiza. Pola contra, alén da manifestamente mellorable caracterización e actuación das personaxes principais, existen no filme trazos salientables e positivos, como a ambientación, ben resolta, da escena da noite na fraga, na que… ¡o ruído máis tranquilizador era o ouveo dos lobos!
A película está ateigada de episodios que pretenden ser humorísticos. Poñendo por caso, os que supostamente perseguen revela-la desconfianza popular cara á “montaxe da política convencional”, e chegarán mesmo a cuestiona-lo sistema de sufraxio existente (véxase cando un paisano lles promete sucesivamente o voto a dous candidatos).
No tramo final do filme atopámonos cunha escena na que conversan os líderes de ámbolos dous partidos, despois dun encontro casual, e a líder da dereita ofrécelle políticas de consenso ó líder da esquerda. A propia óptica desta escena é xa típica do Sistema, no sentido de que induce a pensa-la noxenta frase de “tódolos políticos son iguais”. Isto non é o único: tal escena pode ser interpretada como unha gabanza da “política de consenso”, o cal supón unha apoloxía da Reforma política e do Réxime do 78. Xa que logo, esta película é morna na súa ideoloxía: socialdemócrata (e non revolucionaria), reformista (e non rupturista)… En definitiva, é un filme incorrecto, tamén politicamente.
Politicamente incorrectos
Dirección: Arantxa Echevarría
Guión: Olatz Arroyo
Reparto: Adriana Torrebejano, Juanlu González, Gonzalo de Castro. María Hervás, Elena Irureta, Raúl Cimas.
España, 2024