Unha nova fase autoritaria

Borxa Colmenero, que xa nos deixara un texto onde asumía a herdanza de Foucault (Vidas culpáveis. O controlo neoliberal do crime, Laiovento 2017), asume nesta nova obra o seguimento desa mesma herdanza na análise do neoliberalismo ou, o que o mesmo, na análise da realidade histórica que nos toca vivir. E faino, segundo nos advirte desde os inicios, non como un traballo “sobre Foucault”, senón como unha investigación aberta que adopta o paradigma foucaultiano como punto de partida.   

A obra organízase en 3 partes: Do poder, Do suxeito, Do Estado. Na primeira sitúanos na crise dos anos setenta, inicio da ofensiva neoliberal contra o Estado de Benestar. Fronte á concepción, vendida polos ideólogos do thatcherismo / reaganismo , segundo o cal a política neoliberal sería o triunfo do “liberalismo puro” teorizado pola Escola de Chicago, a tese de Foucault salienta que, contra as aparencias, o neoliberalismo é fortemente interventor, impulsando unha racionalidade específica conforme aos criterios do mercado e a unha recodificación dos suxeitos. Na razón neoliberal, a consideración integral do suxeito permite que a lóxica do control pase da imposición obxectiva á mobilización subxectiva.  

O que nos sitúa xa na II Parte, onde asistimos á pasaxe do suxeito pasivo do vello poder político a un suxeito activo e reflexivo, propio da modernidade, que na etapa neoliberal desembocan na privatización do goberno da vida, facendo ao propio individuo responsable do seu autogoberno. Deste xeito, a precarización, que caracteriza a condición da maioría dos cidadáns no contexto neoliberal, adquire unha paradoxal dimensión positiva: non é contemplada como vida miserable senón como un reto a superar polo propio individuo. Esta parte conclúe lembrándonos que a inversión do principio soberano na gobernamentalidade neoliberal non apaga o seu poder mortífero porque o elemento definidor do biopoder, baixo a lóxica do capital, é a desapropiación da condición humana da vida.  

E así entramos na terceira e última parte, onde se analiza o xerencialismo, proceso de empresarialización do Estado que transfigura o espazo político nun espazo ontoloxicamente mercantil. Mais, salienta Colmenero, o neoliberalismo nin avanzou contra o Estado, nin procurou a súa destrución, senón que o recodificou nunha aparencia de despolitización que, ben ao contrario, é unha opción política a favor de converter a resolución mercantil dos conflitos na fin última do facer político, de xeito que a política deixa de ser o espazo de lexitimación que se lle atribúe no Estado democrático liberal, desprovendo aos cidadáns da súa condición de suxeitos de dereitos para reducilos a unha dobre faciana de consumidores e empresarios de si. 

Ao longo de todo este percorrido, o autor convoca as voces de moitos autores, e así o lector terá a oportunidade, por exemplo, de revisar as teses sobre o precariado de Judith Butler ou a concepción de “vida núa” de Agamben, o paradigma inmunitario de Esposito, o concepto de “pospolítica” de Zizek, a hipótese do “goberno imperial” de Negri e Hardt, as críticas da burocracia de Osborne e Gaebler, ou as diversas hipóteses sobre o poscapitalismo. Un percorrido que é pouco menos que exhaustivo e no que o autor consegue guiarnos con rigor e coherencia. Ao que sen dúbida contribúe a breve, mais sumamente clarificadora, síntese que Jorge Álvarez Yágüez ofrece no seu excelente prólogo. 

Péchase o libro  sinalando como as políticas coercitivas aplicadas despois da crise de 2008 abriron unha nova fase do neoliberalismo, que o autor cualifica de “autoritaria”, e que parece anunciar un “neoliberalismo postmorten”. Toda unha profecía que se pode conectar coas hipótese sobre o poscapitalismo, se non a queremos interpretar na clave máis dramática da emerxencia dun novo momento hobbesiano proclive ás tentacións autoritarias (neofascistas?) que, ai!, por tantos lados axexan. 

O governo neoliberal da vida. Uma leitura (pós)foucaultiana. 
Borxa Colmenero
Prólogo de Jorge Álvarez Yágüez 
Axóuxere 
Rianxo, 2023