Luns 2, Outubro 2023
HomeCulturaUNHA LECTURA CEIBA PARA UNHA PERSISTENCIA APAIXONADA

UNHA LECTURA CEIBA PARA UNHA PERSISTENCIA APAIXONADA

POESÍA
González Fernández, Helena (Ed.). Rosalía feminista. Xerais, 2019

 

 

por Ana Romaní

A contundencia do título anuncia un libro que non se conforma. O limiar avisa: é unha posición de lectura ceiba. Desde aí esta escolma descóbrese como artefacto que pode xerar unha certa incomodidade. E está ben que así sexa. É a súa vocación. Rosalía feminista non é un sofá mol no que deitarse e abandonarse a ler senón o encontro cunha voz que nas múltiples figuras e figuracións que perfila está decote sacándonos de sitio.

Helena González reúne nesta obra os poemas de Rosalía de Castro á luz dos instrumentos que achegan pensadoras contemporáneas; por aquí andan as vidas precarias de Judith Buttler, o desexo de escrita de Helene Cixous, o feminismo celebrativo de Enma Goldman, a praxe feminista de Fina Birulés, xunto ás referencias a María Xosé Agra e María Xosé Queizán ou as evocacións de Emily Dickinson e María Mercé Marçal. O propósito: lermos con instrumentos de hoxe unha poética de sempre. E a obra da poeta non só resiste sólida á luz desas lecturas senón que emerxe máis audaz aínda, de ser iso posíbel.

A cartografía da escolma foxe do mapa máis previsíbel. Erra quen se dispoña a ler unha e outra vez nestas páxinas “A Xustiza pola man”, “As literatas” ou Lieders. Este é tal vez un dos acertos que máis desconcertan da obra, porque fóra desas evidencias o que Rosalía feminista presenta é un itinerario que obriga a unha descolocación: non so é feminista aquilo que fala da inxustiza que viven as mulleres ou aquilo que demanda unha reparación da desigualdade, feminista é tamén a posición que desvela o urdido da trama, esa na que os corpos son sometidos, aplícanse normas coma tenaces, as arestas cotiás laminan as vidas, traba a carne unha inxusta distribución de recursos e roles… e moitas outras cordas que tensan a voz dalgún dos poemas aquí recollidos. Lemos unha Rosalía que desvela eses cruzamentos e faino non só desde a denuncia, tamén desde o acollemento desas vidas e desde a furia e a ironía.

O reto anúnciase desde o limiar como unha das liñas de forza da edición, tanto na lectura (“Isto non é outra escolma. É un reto”) como na arquitectura da antoloxía. Evita por exemplo, compracerse na evidencia e ficar só en poemas como “A Xustiza pola man”. Decídese unicamente polo rexistro poético (agás Lieders a xeito de manifesto) e non apela aos textos en prosa máis explícitos nos trazos feministas. Lonxe do suxeito lírico e confesional susténtase no poético dramático e narrativo e estamos diante dun gran teatro de personaxes. É así que a obra non reforza á Rosalía do íntimo senón á escritora que ficcionaliza. Reto da obra é tamén non ficar no slogan, no mostrar a evidencia, no deixarse ir na inercia, non obrigarse a responder con exemplos á pregunta “que fai de Rosalía unha feminista?” No seu lugar enmarca a lectura con temas do pensamento contemporáneo e explora como emerxe o poema nesas compañías.

Iso si, saiban que ao pecharmos o libro non teremos acougo, ese sosego anestésico que produce a resolución dun enigma, senón unha urxencia, a de volver ler a obra de Rosalía de Castro. Iso que, por outra banda, un proxecto así procura: mostrar un horizonte para unha persistencia apaixonada.

______

Texto lido na presentación de Rosalía feminista de Helena González na Feira do Libro da Coruña, agosto 2019.