Unha escola para tempos críticos

Pode parecer paradoxal que un modelo de escola inspirado na concepción humanista dun escuro filósofo anarquista do século XIX, Elisée Reclus, sexa proposta como ideal transformador para a escola do século XXI. Mais, logo de ler o libro que aquí se comenta, máis ben as preguntas que se impoñen son algunhas coma estas: como é posible que as poderosas inercias da vella escola, a “escola sentada” como denunciaban os líderes pedagóxicos da Escola Nova de comezos do século XX, manteñan case inalterables as estruturas físicas, temporais, espaciais e curriculares duns recintos e unhas prácticas escolares, non só manifestamente contrarios a estimular o desexo de aprender por parte do alumnado, senón a garantir as máis elementais condicións do seu benestar físico? Como é posible que sigamos obrigando a nenos e nenas, mozos e mozas, a permaneceren pechados oito horas diarias en recintos reducidos, non poucas veces con escasa luz, nunha inmobilidade forzada a todas luces contraria ás súas inclinacións espontáneas e ás necesidades biolóxicas que o seu san desenvolvemento físico require? As informacións que a doutora  en Ecoloxía e inspectora en educación primaria Corine Martel e o profesor en Ciencias da Educación e historiador da educación Sylvai Wagnon nos proporcionan descúbrenos que as cousas poderían (e deberían, apunto eu) ter acontecido dun xeito moi diferente. Así, para alén de iniciativas máis ou menos marxinais de figuras pioneiras como os pedagogos anarquistas Paul Robin, teórico da “educación integral”, ou o catalán Francesc Ferrer, fundador da Escola Moderna de Barcelona, constatan que nos plans de estudo oficiais de 1882 do Ministerio de Instrución Público francés xa se establecía un “regulamento da clase paseo” que determinaba a obrigatoriedade de preservar uns días da semana para saídas organizadas fóra da aula con “finalidade pedagóxica”, regulamento ratificado polos novos plans de estudo de 1923. Boto en falta no libro unha análise sobre cales foron os factores que influíron en que a dirección que a marcaban estas medidas institucionais non acabaran consolidándose. A cambio, os autores céntranse en describirnos a riqueza plural dos movementos de escolas na natureza impulsados por pedagogos coma os franceses Élise e Celestin Freinet, co seu “método natural”; o belga Decroly, coa potenciación da observación directa da natureza e a aprendizaxe a partir dos “centros de interese”; o movemento internacional das Forest Schools e a Outdoor Education (educación ao aire libre) nadas nos Estados Unidos; as Waldkindergärten alemás e as Skogsmulle escandinavas ou a expansión do scoutismo, ata chegar a iniciativas máis recentes (e, ai!, máis modestas, ao meu parecer) de renovación dos patios escolares pasando “dun patio de cemento a outro naturalizado”. Xa que non parece posible (por que?) seguir aspirando ao principio decroliano de considerar a aula pechada en catro paredes coma o “último recurso” para cando non é posible levar as actividades de ensino e aprendizaxe directamente á natureza (días de chuvia e frío), levemos algo da natureza ao interior das escolas, semella a implícita resignada reflexión. Mais, en páxinas anteriores se nos dixera que “pescudas en psicoloxía ambiental xa demostraron na década de 1970 que os contornos naturais próximos, o exercicio ao aire libre e as actividades baseadas na natureza teñen un impacto positivo sobre a saúde e o benestar das persoas”, documentándose que, xa antes da “crise sanitaria”, se estaba detectando un aumento da “solastalxia” ou “ecoansiedade” a causa da “urbanización excesiva”, a “proliferación do formigón” e a “alta concentración urbana” (páxs. 85 e 86). Os datos dramáticos e inapelables sobre a crise ecolóxica e os efectos do quecemento global deberían convencernos de que a transición a estoutra escola, que vincula directamente ao alumnado coa natureza mediante unha “educación sen paredes”, non só é posible senón estritamente indispensable. Unhas escolas na e coa natureza acordes cos principios da ecopedagoxía que propuxo Paulo Freire a finais do pasado século e que foron acordados en 1999 nun encontro internacional. Principios que, coma nos din Martel e Wagnon, “definen

… unha nova forma de pensar a cidadanía a través dunha comunidade de seres vivos, humanos e non humanos, e da unicidade do noso ecosistema”. 

 

Corine Martel, Silvain Wagnon Escolas na e coa natureza. A revolución Pedagóxica do século XXI.
Epílogo de Eugenio Otero Urtaza.
Tradución de Isabel Soto.
Kalandraka, 2026. Colección Biblioteca de Pedagoxía.