A poeta e animadora cultural Ana Romaní e a profesora e crítica literaria María Xesús Nogueira, amigas persoais da protagonista das Letras Galegas 2026, afrontaron un exhaustivo estudo de fontes tanto documentais como orais de amigas de Begoña Caamaño, nunha longa invernía e cun tempo limitado, elaboran o material desta biografía, ao xeito de correos cruzados, como Penélope e Circe, as heroínas da novela de Begoña Caamaño Circe ou o pracer do azul,.
En emotivos, precisos e rigorosos correos cruzados, as autoras van configurando os diferentes momentos da vida da nena do Calvario, a moza de Coia, o nacemento da xornalista que quere achegar á información contrastada de Vigo; da activista feminista, sindical e cultural en Santiago. E van afondar no proceso de elaboración das dúas magníficas novelas nas que recrea os mitos clásicos desde unha perspectiva feminina.
Para maior claridade, configuran o libro en cinco apartados: I. Por que escribo? A lectura e a maxia da infancia. II. Son xornalista. III. Somos feministas. IV. Cambio de xogo. V. Escritura.
A experiencia no traballo cultural radiofónico de Ana, e a análise rigorosa de Chus, lévannos ao barrio do Calvario de Vigo, antigo concello de Lavadores, famoso polas mobilizacións obreiras e a defensa da República, onde viviu nunha casa familiar ao abeiro da bisavoa Emérita, afouta muller que sacou adiante a familia desde os dez anos; a avoa Carmiña, solidaria e disposta coa xente da barriada, cos pais e os outros tres irmáns. A nai será a responsable de que Begoña sexa unha lectora entusiasta de por vida, a semente da escritora futura.
Cando Begoña contaba con once anos téñense que mudar de casa. A expansión do Vigo dos 70 vai levar por diante a casa familiar e pasan a vivir nun barrio de nova construción, Coia. Da dinamización veciñal, cultural e social, liderada polos monxes dominicos, activistas da teoloxía da liberación, sairá unha moza activista e reivindicativa. No Instituto Coia II (hoxe Alexandre Bóveda) chamará a atención de compañeiros e profesores pola súa agudeza intelectual, independencia e madurez persoal.
Despois de estudar maxisterio, preséntase ás probas de Radio Noroeste. Comeza a traballar no xornalismo radiofónico, verdadeira vocación de por vida.
A toma de contacto coa noticia ao pé da rúa no Vigo dos 80 fai que viva e conte para a radio e medios impresos a reconversión naval, as mobilizacións obreiras e a Movida musical e cultural viguesa.
En Radio Popular coñecerá, entre outros xornalistas, a María Xosé Porteiro e a Víctor F. Freixanes. Entra en contacto con toda a redacción do xornal A Nosa Terra, onde colaborará con artigos de opinión. Como moitas xornalistas, vive o machismo dos medios informativos, ao que combaterá no activismo feminista, do que será unha figura destacada e aglutinadora.
No ano 88 entra na redacción dos informativos da Radio Galega, primeiro en Vigo e logo, aprobadas as oposicións no ano 92, en Santiago, a onde se trasladará e acabará sendo a súa residencia máis estable.
Nesta cidade fraguará unha camaradería de intensos lazos de amizade e afectos. Participará entusiastamente, e coa alegría e enerxía que a caracterizaba, en múltiples mobilizacións feministas, contraculturais, sindicais e sociais.
As mobilizacións de Nunca Máis e o Non á Guerra, nas que a información dos medios públicos, moi manipulados desde o poder político, fixeron que se implicase a fondo nas loitas sindicais dos dereitos dos traballadores e traballadoras da Radio Galega na loita por unha información non manipulada:
“Eran tempos en que criamos que estabamos a construír unha radio para un país” (páx. 165)
Será unha colaboradora activa dos programas culturais da Radio Galega, como o Diario Cultural de Ana Romaní. Tamén dirixirá varios programas culturais propios, entre eles, Andando a Terra, produto este da súa condición de viaxeira impenitente, no que recoñecía unha forma de ler o mundo e de coñecemento persoal.
No 2002 coñece un peregrino vasco, Joxe Mari Etxaniz, co que compartirá vida, primeiro en Euskadi, e a partir do 2006 en Santiago, a onde volverán a consecuencia dunha depresión ocasionada por varios abortos. A literatura será o seu antídoto: nace a escritora.
Despois de investigar na cultura clásica e na mitoloxía do entorno da Odisea, nacerá a novela Circe ou o pracer do azul, editada no 2009, que sorprende ás súas amigas e ao mesmo Víctor F. Freixanes, director daquela da editorial Galaxia. A súa aparición no panorama galega é ben recibida pola crítica literaria e as lectoras e lectores. A obra ofrece unha visión do mundo homérico desde unha perspectiva feminina e feminista, a través de cartas cruzadas entre Penélope e Circe. A elaboración dun estilo lingüístico con sabor antigo é un dos grandes logros, así como a profundización nas relacións humanas, sobre todo das mulleres: “A sororidade é unha arma de defensa e de apoderamento que só pode facernos máis fortes e máis libres” (páx. 192)
No 2012 publica unha nova novela, Morgana en Esmelle, moi aclamada de novo polas lectoras e lectores, a crítica literaria e que lle vale tamén múltiples premios. Volve aos mitos que configuran a cultura europea, agora os da Materia de Bretaña, da man do señor don Álvaro Cunqueiro, a quen homenaxea a través de Felipe de Amancia, personaxe de Merlín e familia.
“Unha novela sobre os procesos de transformación social, as responsabilidades individuais, as accións e as consecuencias” (páx. 199)
As autoras fan un percorrido polo que ten de significativo para a vida e obra de Begoña Caamaño, dunha maneira amena, complementaria, feita con rigor, calor, cariño e non exento da dor da perda pola amiga que se ía, pero que segue viva nas amigas, na súa vehemente e apaixonada obra xornalística e a extraordinaria obra literaria.
Pasou o Día das Letras Galegas, pero, entre outros traballos sobre a autora, podemos gozar dun magnífico estudo que quedará para a historia e, se queremos poñerlle música, escoitar as cancións que para ela fixo a súa amiga Uxía, co disco-libro Indómitas (nove ondas para Begoña Caamaño).

Ana Romaní, María Xesús Nogueira
Volveredes brindar por min (Unha biografía de Begoña Caamaño).
Editorial Galaxia, 2026.
246 páxinas





