A UNESCO dictaminou un Referral (unha devolución ao Estado para facer modificacións concretas sen empezar ao proceso de cero) para a Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial. Faino tras un duro informe de ICOMOS (International Council on Monuments and Sites), que é unha organización internacional non gobernamental creada en 1965, un ano despois da aprobación da Carta de Venecia (1964), un documento internacional que establece os principios fundamentais para a conservación e restauración dos monumentos e sitios históricos. Está asociada á UNESCO e é o seu principal organismo asesor para o patrimonio cultural. As súas funcións principais son as de avaliar as candidaturas de bens culturais á Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO; asesorar o Comité do Patrimonio Mundial sobre o estado de conservación dos bens xa inscritos e elaborar principios, cartas e recomendacións internacionais para a conservación e restauración do patrimonio. Reúne unha rede internacional de especialistas (arquitectos, arqueólogos, historiadores, xeógrafos, enxeñeiros, restauradores, paisaxistas, etc.) que realizan avaliacións técnicas independentes.
A avaliación de ICOMOS sobre a candidatura da Ribeira Sacra
A avaliación realizada por ICOMOS sobre a candidatura da Ribeira Sacra á Lista do Patrimonio Mundial recentemente avaliada, non cuestiona a relevancia histórica, cultural e paisaxística deste territorio, senón fundamentalmente a capacidade do expediente presentado para amosar de maneira suficientemente sólida a existencia dun Valor Universal Excepcional (VUE), condición indispensable para a inscrición dun ben na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.
Neste contexto, unha cuestión especialmente relevante é o papel atribuído á auga como elemento articulador da candidatura.
Unha das principais dificultades identificadas reside na articulación conceptual dos diferentes atributos incorporados á candidatura. O territorio reúne un patrimonio complexo, no que converxen os mosteiros e outros establecementos relixiosos, a organización histórica do territorio, os socalcos e a viticultura, diversos sistemas tradicionais relacionados coa auga, os vales encaixados do Miño e do Sil e, nunha etapa máis recente, as grandes infraestruturas hidroeléctricas. Porén, a existencia destes elementos, considerados individualmente, non resulta suficiente para amosar un Valor Universal Excepcional. Por iso será necesario establecer de xeito documentado as relacións históricas, funcionais e territoriais existentes entre eles e demostrar que constitúen unha paisaxe cultural cun significado excepcional a escala internacional.

Vista desde o Miradoiro dos Chelos
Neste contexto, unha cuestión especialmente relevante é o papel atribuído á auga como elemento articulador da candidatura. Para sustentar esta interpretación non abonda con constatar a presenza dos ríos Miño e Sil nin a existencia de diferentes formas históricas de utilización dos recursos hídricos. Resulta necesario demostrar a continuidade, a intensidade e o significado territorial destas relacións ao longo do tempo, así como a súa capacidade para explicar a configuración da paisaxe cultural actual. Esta cuestión adquire particular importancia cando se pretende integrar nunha mesma interpretación os aproveitamentos tradicionais da auga e as profundas transformacións introducidas durante o século XX pola construción dos grandes encoros hidroeléctricos.
A singularidade da Ribeira Sacra non pode establecerse unicamente a partir da importancia que posúe no contexto galego ou peninsular. Unha candidatura á Lista do Patrimonio Mundial debe amosar por que o territorio presenta características excepcionais cando se compara con outros bens de natureza semellante.
A avaliación tamén pon de manifesto a necesidade de reforzar a demostración da autenticidade e da integridade do ben. Estes conceptos son fundamentais no sistema de Patrimonio Mundial. A autenticidade require determinar en que medida os atributos materiais e culturais conservados transmiten de maneira fiable os valores históricos que se lles atribúen, mentres que a integridade obriga a comprobar se o territorio delimitado contén os elementos necesarios para expresar adecuadamente o seu Valor Universal Excepcional e se estes conservan suficientemente as relacións que caracterizan o conxunto.
Outro aspecto fundamental é a análise comparativa internacional. A singularidade da Ribeira Sacra non pode establecerse unicamente a partir da importancia que posúe no contexto galego ou peninsular. Unha candidatura á Lista do Patrimonio Mundial debe amosar por que o territorio presenta características excepcionais cando se compara con outros bens de natureza semellante. Neste caso, esa comparación debe considerar, entre outros, paisaxes culturais relacionadas coa viticultura, os sistemas de terrazas, os vales fluviais e o patrimonio monástico.
En consecuencia, o problema fundamental sinalado pola avaliación na necesidade de construír unha argumentación máis precisa sobre a súa excepcionalidade universal. Desde esta perspectiva, unha reformulación da candidatura, sinala ICOMOS; debería partir dunha definición máis precisa do seu argumento central e dos atributos que o sustentan. A explicación da evolución histórica da paisaxe, a relación entre os asentamentos monásticos e a organización territorial, o significado dos socalcos e da viticultura, o papel real desempeñado pola auga e o impacto das transformacións hidroeléctricas deberían ser analizados de maneira integrada e apoiados en evidencias históricas, territoriais e paisaxísticas suficientemente contrastadas.
A avaliación de ICOMOS debe entenderse, polo tanto, como un cuestionamento da demostración do seu Valor Universal Excepcional nos termos esixidos pola Convención do Patrimonio Mundial. O feito esencial non é demostrar que a Ribeira Sacra constitúe unha paisaxe de extraordinario interese, algo recoñecido, senón establecer con rigor científico e mediante unha comparación internacional suficientemente sólida por que os seus valores e atributos poden considerarse excepcionais a escala mundial.
A primeira candidatura da Ribeira Sacra á Lista do Patrimonio Mundial foi preparada para a súa avaliación polo Comité do Patrimonio Mundial en 2021 pola Xunta de Galicia.
Os inicios da candidatura e a primeira proposta e avaliación de ICOMOS
No ano 2013 o entón Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez impulsou a creación dun equipo de investigadores de diferentes campos de coñecemento, entre os que me atopaba, encargado de redactar un amplo inventario de recursos e valores da Ribeira Sacra co gallo de poder elaborar unha candidatura para solicitar que a Ribeira Sacra fose declarada Patrimonio da Humanidade. O traballo foi financiado polas deputacións de Lugo e Ourense.

Portabrosmos
A primeira candidatura da Ribeira Sacra á Lista do Patrimonio Mundial foi preparada para a súa avaliación polo Comité do Patrimonio Mundial en 2021 pola Xunta de Galicia. A proposta presentaba a Ribeira Sacra como unha paisaxe cultural de carácter serial, é dicir, unha candidatura que non defendía a Ribeira Sacra como un único espazo continuo e indivisible, senón como un ben formado por varias partes ou compoñentes separados fisicamente, pero unidos por unha mesma historia, función e significado patrimonial, e pretendía demostrar a existencia dun Valor Universal Excepcional (VUE) a partir da relación histórica entre o monacato, a sacralización do territorio, a organización social e agraria e a transformación das fortes pendentes dos vales do Miño e do Sil. España retirou finalmente a candidatura antes de que o Comité adoptase unha decisión sobre a súa inscrición, despois de que a avaliación de ICOMOS formulase obxeccións substanciais e recomendase a non inscrición.
A proposta de 2021 denominábase simplemente “Ribeira Sacra” e configurábase como unha paisaxe cultural. Estaba formada por catro compoñentes: Ribeiras, Herdade de San Pedro de Rochas, Herdade de Montederramo e Herdade de Ferreira de Pantón. A estrutura da candidatura concedía unha importancia central á pegada histórica do monacato e á súa relación coa organización e transformación do territorio. A tese fundamental consistía en interpretar a Ribeira Sacra como unha paisaxe cultural sacralizada, resultado dunha longa interacción entre as comunidades monásticas, as poboacións locais e un medio físico caracterizado por vales profundamente encaixados e ladeiras de forte pendente. Os mosteiros non eran considerados simplemente monumentos illados, senón elementos estruturantes dunha determinada organización territorial, económica, social e cultural. O Estado propuxo a inscrición da Ribeira Sacra segundo os criterios (iii), (iv) e (v) das Directrices Prácticas para a aplicación da Convención do Patrimonio Mundial.
O criterio (iii) estaba relacionado co monacato occidental. A candidatura pretendía presentar a Ribeira Sacra como un testemuño excepcional do desenvolvemento das primeiras formas de vida eremítica e monástica no occidente europeo. San Pedro de Rochas, coa súa coñecida inscrición do ano 573, ocupaba unha posición destacada na argumentación. O criterio (iv) fundamentábase na sacralización da paisaxe. A concentración de mosteiros, igrexas e outros elementos relixiosos nos vales do Miño e do Sil era interpretada como expresión dunha organización histórica do territorio na que a dimensión relixiosa desempeñara un papel esencial. O criterio (v) referíase á ocupación e organización tradicional do territorio.

San Fiz
A candidatura relacionaba a estrutura parroquial, as explotacións agrícolas, o policultivo e a transformación das ladeiras mediante socalcos cunha longa evolución histórica na que os dominios monásticos tiveran unha influencia significativa. Na candidatura de 2021, os socalcos formaban parte da argumentación sobre a transformación histórica das abas e a adaptación das comunidades humanas ás condicións topográficas. A súa importancia derivaba da creación de superficies cultivables nun territorio de fortes pendentes e da súa integración nun sistema agrario histórico. Esta precisión resulta importante: o argumento principal da primeira candidatura non estaba construído arredor da auga. A interpretación dominante relacionaba os socalcos coa ocupación e explotación agrícola das ladeiras, dentro dunha paisaxe cultural marcada pola influencia monástica e pola organización tradicional do territorio.
ICOMOS recoñeceu a riqueza cultural e paisaxística da Ribeira Sacra, pero considerou que a documentación presentada non amosaba suficientemente o Valor Universal Excepcional nos termos requiridos pola Convención. A avaliación concluíu que os criterios (iii), (iv) e (v) propostos non quedaban xustificados de xeito convincente. A cuestión central non era, polo tanto, a existencia de patrimonio relevante, senón a demostración da súa excepcionalidade a escala mundial. Algo semellante ao que agora comenta na proposta actual.
As grandes infraestruturas hidroeléctricas construídas durante o século XX constituíron un dos problemas máis relevantes para a interpretación da paisaxe proposta en 2021.
Respecto do criterio (iii), ICOMOS considerou insuficientemente demostrada a excepcionalidade da Ribeira Sacra dentro da historia do monacato occidental. A existencia de tradicións eremíticas e monásticas antigas, así como os posibles contactos entre tradicións cristiás orientais e occidentais, non permitían por si sos situar a Ribeira Sacra nunha posición excepcional fronte a outros territorios europeos con historias monásticas comparables. Recoñeceu o interese histórico e arquitectónico dos mosteiros, pero sinalou a existencia doutros conxuntos monásticos europeos de gran relevancia, nalgúns casos cunha maior continuidade funcional ou cunha conservación máis completa dos seus contextos históricos. Non se debe de esquecer que a maioría dos mosteiros están abandonados cando non ruinosos.

Mosteiro de Santo Estebo
Outro problema importante foi a demostración da continuidade histórica. A candidatura presentaba unha paisaxe construída ao longo de séculos mediante a interacción entre comunidades monásticas, poboación local e explotación agraria. Porén, ICOMOS sinalou transformacións históricas que dificultaban interpretar esa relación como unha continuidade plenamente conservada. A desamortización do século XIX modificou profundamente a relación entre os mosteiros, a propiedade e explotación da terra e as comunidades locais. A desaparición da maior parte das comunidades monásticas debilitou igualmente a continuidade funcional do sistema que se pretendía presentar. A estes procesos engadíronse o abandono de determinadas áreas agrícolas, a expansión da vexetación forestal e outros cambios contemporáneos que modificaron as relacións visuais e territoriais entre os mosteiros, as ladeiras cultivadas e os cursos fluviais.
As grandes infraestruturas hidroeléctricas construídas durante o século XX constituíron un dos problemas máis relevantes para a interpretación da paisaxe proposta en 2021. A creación dos encoros transformou profundamente os vales fluviais, modificou a relación histórica entre os asentamentos e os ríos e provocou a inundación de terras agrícolas, socalcos, vías de comunicación e outros elementos da paisaxe preexistente polo que era cuestionable que estas transformacións puidesen interpretarse como unha evolución lóxica ou complementaria da paisaxe tradicional vinculada ao monacato e aos usos históricos do solo. En consecuencia, os encoros aparecían na primeira candidatura fundamentalmente como unha transformación contemporánea que dificultaba a demostración da autenticidade e da continuidade da paisaxe cultural, e non como un atributo central do seu Valor Universal Excepcional.
É importante sinalar explicitamente que na Lista do Patrimonio Mundial hai numerosos bens nos que o mosteiro, o conxunto monástico ou a organización territorial creada por unha comunidade relixiosa constitúen o centro do Valor Universal Excepcional. Non todos foron recoñecidos polas mesmas razóns.
A análise comparativa internacional foi outra das debilidades sinaladas por ICOMOS. A candidatura comparara a Ribeira Sacra con numerosos lugares caracterizados pola presenza de mosteiros, paisaxes sacras, sistemas agrícolas en terrazas e procesos históricos de evanxelización. Segundo a avaliación, esta comparación non demostraba suficientemente a singularidade mundial da Ribeira Sacra. Pola contra, poñía de manifesto que varios dos elementos utilizados para fundamentar a candidatura (monacato, arquitectura relixiosa, agricultura en pendente, socalcos e paisaxes sacralizadas) estaban presentes noutros territorios de Europa e do mundo. O reto consistía, por tanto, en demostrar que a combinación e as relacións entre eses elementos producían na Ribeira Sacra un resultado excepcional, algo que ICOMOS considerou insuficientemente acreditado.

Escadas
É importante sinalar explicitamente que na Lista do Patrimonio Mundial hai numerosos bens nos que o mosteiro, o conxunto monástico ou a organización territorial creada por unha comunidade relixiosa constitúen o centro do Valor Universal Excepcional. Non todos foron recoñecidos polas mesmas razóns. Nalgúns casos destaca a arquitectura; noutros, a pintura, a continuidade da vida relixiosa, a influencia cultural ou a transformación completa dunha paisaxe. Esta distinción é esencial. Un territorio non se converte en Patrimonio Mundial simplemente por reunir moitas igrexas ou mosteiros. Debe demostrar que ese patrimonio representa unha achega excepcional á historia humana e que conserva os atributos materiais e funcionais que permiten comprendela.
Un primeiro grupo está formado polos bens nos que o núcleo da inscrición é un edificio ou conxunto arquitectónico de extraordinaria relevancia. O Mosteiro de Rila, en Bulgaria, foi recoñecido como un centro espiritual, cultural e literario fundamental, ligado tanto á Bulgaria medieval como ao renacemento nacional. Studenica, en Serbia, combina a importancia histórica na formación do Estado medieval serbio cunha arquitectura e uns ciclos de pintura mural de primeira orde. Os mosteiros gregos de Dafni, Hosios Loukas e Nea Moni de Quíos constitúen unha inscrición seriada fundamentada na arquitectura monástica bizantina media e, sobre todo, nos seus mosaicos. O conxunto de Ferapontov, en Rusia, sobresae pola unidade entre arquitectura e pintura mural, especialmente polos frescos de Dionisio. Nestes casos o valor non depende da cantidade de mosteiros dun territorio, senón da calidade excepcional, influencia e conservación das obras.
En España, Poblet representa unha das abadías cistercienses máis grandes e completas, ademais de residencia fortificada e panteón da Coroa de Aragón. San Millán de Suso e Yuso foi inscrito polo testemuño da continuidade do monacato desde a Alta Idade Media, pola superposición arquitectónica e pola súa significación cultural e lingüística. O Escorial reúne nunha mesma creación mosteiro, palacio, panteón, biblioteca e expresión política da monarquía hispánica.
Outros bens van moito máis alá do edificio. Monte Athos en Grecia ocupa unha península completa de máis de 33.000 hectáreas. A UNESCO non recoñece só os seus vinte mosteiros habitados, senón un territorio espiritual vivo no que se integran dependencias menores, terras de cultivo, bosques, camiños, talleres e coleccións artísticas. A continuidade da comunidade monástica, a influencia do modelo arquitectónico e pictórico e a conservación de prácticas agrícolas tradicionais forman parte do seu valor. Meteora ofrece outro modelo. Os mosteiros erguéronse sobre columnas de arenito case inaccesibles. A singularidade xorde da unión entre o relevo, a procura ascética do illamento, a extraordinaria dificultade construtiva e a importancia dos frescos post-bizantinos. Non é simplemente unha paisaxe espectacular con mosteiros: é unha relación histórica excepcional entre natureza, arquitectura e ideal eremítico.
Nas illas Solovetsky, no mar Branco, ao norte de Rusia, a comunidade ortodoxa organizou un arquipélago enteiro. O ben inclúe o mosteiro-fortaleza, a antiga aldea monástica, eremitorios, camiños, construcións domésticas e defensivas, e sistemas hidráulicos e de rega. A UNESCO salienta precisamente a integración de todas estas pezas nunha paisaxe cultural adaptada a un medio setentrional moi esixente. Maulbronn, en Alemaña, é considerado o conxunto monástico medieval máis completo e mellor conservado ao norte dos Alpes. A súa relevancia abrangue a arquitectura cisterciense, a difusión do gótico e unha complexa rede de drenaxes, canles de rega e encoros ligada á economía da abadía. Aquí pode demostrarse materialmente como a comunidade monástica administrou os recursos e estruturou o espazo produtivo. Os primeiros mosteiros do século XVI nas ladeiras do Popocatépetl, en México, exemplifican unha terceira dimensión: os conventos funcionaron como centros da evanxelización e da reorganización territorial da Nova España. O seu valor reside tamén na difusión dun modelo arquitectónico e urbano que influíu noutras misións americanas.
É evidente que na primeira ocasión o equipo redactor non se parou a matinar se o monacato non activo presente na Ribeira Sacra, á parte do seu valor monumental, era quen de enfrontarse ao que fora incluído anteriormente na Lista Mundial da Unesco e, por outra parte, posiblemente influído polas tradicionais posturas da administración galega de pretender meter todo nun mesmo saco (desde paisaxe protexida, a muíños de vento ou mini centrais) introduciu na Ribeira Sacra lugares alleos a ela, caso de San Pedro de Rochas e Montederramo, e nin considerou que as transformacións acumuladas durante os séculos XIX e XX tiveron graves consecuencias para a avaliación da autenticidade e da integridade. A ruptura da organización monástica tradicional, os cambios nos usos agrarios, o abandono, a forestación e, especialmente, as grandes obras hidroeléctricas modificaran partes significativas da paisaxe histórica. ICOMOS considerou que estas modificacións dificultaban a posibilidade de que o conxunto conservase de maneira suficientemente completa e lexible os atributos necesarios para expresar o Valor Universal Excepcional proposto e, como resultado da avaliación, recomendou que a Ribeira Sacra non fose inscrita na Lista do Patrimonio Mundial. O proxecto de decisión preparado para o Comité recollía a fórmula de non inscrición. Non obstante, esa decisión non chegou a ser adoptada polo Comité do Patrimonio Mundial porque España retirou a candidatura antes da súa consideración definitiva, polo que formalmente a Ribeira Sacra non foi rexeitada polo Comité en 2021: a candidatura foi retirada a petición do Estado Parte.





