Un xigante entre pigmeos

A importancia histórica de Karl Marx como pensador e teórico é, hoxe por hoxe, indiscutible. Como proba está que seguramente sexan moi poucos aqueles que recibiron e seguen recibindo tan gran número de citas, comentarios, críticas e apoloxías, porque de todo hai como corresponde a un pensador tan xigantesco. Algo debe ter o pensamento do “mouro” (así lle chamaban as súas fillas) para merecer tanta atención e durante tanto tempo. 

Unha atención que non impide que, persoalmente, botemos en falla máis estudos e análises do auténtico pensamento de Karl Marx, moi especialmente das que foron as súas principais achegas como, por caso, a compresión da lóxica do capital, das leis que rexen o sistema capitalista e que tanto explican a súa enorme fortaleza e capacidade de supervivencia como mostran as súas debilidades e contradicións. Porque, como declararía o seu socio e amigo, Frederic Engels, diante da súa tumba -cito de memoria-”se Charles Darwin nos descubriu as leis que rexen a natureza, Karl Marx, fixo o mesmo coas do capitalismo”. Nada máis e tampouco nada menos, pero suficiente como para aceptar e considerar a ámbolos dous como pensadores xigantescos e a Karl Marx coma un xigante que en non poucos casos se viu rodeado de pigmeos (“Un gigante entre pigmeos. Rescatar a Marx de los marxistas”. Xoán Hermida, Editorial Miscelanea) 

Porque seguramente Karl Marx non se esperaba, horrorizaríalle, que o seu pensamento e as súas ideas puideran chegar a adquirir ao longo do tempo a forma dunha doutrina, dun pensamento dogmático. “O carácter de doutrina militante para un cambio global que de forma moi temperá adquiriu o pensamento de Marx -coa axuda de Engels- favoreceu que, a diferenza doutros pensadores, o seu pensamento adquirira un corpo totalizante en todalas súas dimensións, no máis parecido a unha relixión, aínda que neste caso non teísta. A pronta dogmatización do pensamento de Marx, trala súa morte, ou, non menos pronta, doctrinarización foi central para que o debate posterior, ata hoxe, do seu pensamento adquirira un formato escolástico, enmarcado arredor duns principios non custionables en calquera debate posible”. Non o esperaría porque Karl Marx era todo o contrario, era un “prolífero creador, pero en constante revisión dos seus escritos. Moitos deles non pasaron de borradores, múltiples veces corrixidos, e que nalgúns casos non chegaron a ve-la luz ou fixérono de forma póstuma”. 

Non se pode negar que neste doutrinarismo do pensamento e os escritos de Karl Marx tiveron moito que ver dous líderes revolucionarios como Vladimir. I. Lenin e Mao Zedong triunfadores os dous das respectivas revolucións rusa e china que certamente cambiaron a historia mundial. Sen negar a súa xenialidade como dirixentes políticos tamén resulta indiscutible que sen querelo (no caso de Mao teño dúbidas) colaboraron a dogmatizar o auténtico pensamento de Karl Marx quen de ningures tería cualificado as revolucións bolxevique e chinesa como revolucións socialistas, pois é ben sabido que afirmaba que aquela só sería posible cando o capitalismo tivera adquirido un nivel de desenvolvemento e maduración que de ningures tiñan nin Rusia no 1917 nin China no 1949. Estas dogmatizacións do pensamento de Karl Marx estaban, e seguen estando, “todas moi afastadas por igual do carácter creativo e dialéctico, empírico e ilustrado, enmancador e humanista do pensamento de Marx”. Un dogmatismo, ou se se quere unha utilización oportunista do pensamento de Karl Marx, que produciu pesadelos que están na mente de todos. 

Comparto co autor e idea, que seguramente deu orixe a este novo traballo de Xoan Hermida, de que o pensamento de Karl Marx segue tendo actualidade e interese pero sempre que se rescate “para o lugar de privilexio que lle corresponde no pensamento universal, reivindicando a atemporalidade do pensamento de Marx e máis aló da vixencia, o acerto ou non, dalgunhas das súas propostas” porque “a súa traxectoria intelectual cando se centra na investigación social revélanos unha gran capacidade para describir o seu tempo, anticipar desenvolvementos posteriores e fixar métodos de análises moi potentes”. 

Probas dese potencial temos moitas, pero por escoller algunhas sinalar que a súa sombra, aínda que logo adquiriran luz propia e algunha moi potente, emerxeron infinidade de teóricos/as e pensadores/as, algúns tamén activistas da talla de Rosa Luxemburg, Jean Jaures, Antoni Gramsci, Maurice Dobb, Paul Sweezy, Charles Bettelheim, Samir Amin, Eric Hobsbwan, Ernest Mandel, George Luckas, Theodor Adorno, Herbert Marcuse, Immanuel Wallerstein, Amartya Sen……(imposible citalos a todos/as) que cos seus acertos e tamén cos seus erros axudaron a enriquecer o pensamento orixinal, así como a entender mellor a historia da humanidade e as súas contradicións. 

Neste marco só cabe darlle a benvida a traballos como este de Xoán Hermida por que nos axudan a situar a Karl Marx no lugar que na historia lle corresponde, a dun pensador de enorme talento, un xigante que sin querelo nin programalo viuse, en non pouco casos, rodeado de pigmeos o que non impide afirmar con rotundidade que a súa lectura segue sendo necesario si se quere entender mellor o mundo e o sistema no que vivimos: o capitalismo. Moito mais necesario si se quere cambialo. 

  

Un xigante entre pigmeos

Xoán Hermida
Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo
Vigo, 2024 
Número de páxinas: 120