Domingo 28, Maio 2023
HomeCulturaUN VIGO SUBTERRÁNEO E CORRUPTO

UN VIGO SUBTERRÁNEO E CORRUPTO

NARRATIVA

A vinganza dos homes bos, de Manuel Esteban. Xerais, Vigo, 2020. 260 páxs.

 

por Francisco Martínez Bouzas

Manuel Esteban entrou de cheo na narrativa galega cando no ano 2016 lle foi outorgado o Premio Xerais por A ira dos mansos, ficción coa que o autor comezou a darlle vida ao inspector de policía Carlos Manso. Dous anos máis tarde volveu presentarnos as pescudas do personaxe en O meu nome é Ninguén (Xerais, 2018), novela na que, tras vinte anos polas beirarrúas da sociedade, o antiheroe fai do fracaso o seu sinal de identidade mentres investiga unha rede de pederastia.

Xerais publica agora A vinganza dos homes bos. Nesta terceira entrega, Esteban non se afasta do subxénero policial e o seu heroe/antiheroe volve ser o inspector Manso, primeiro como policía e, logo da súa forzosa xubilación, como detective.

A novela xoga cunha estrutura dupla e con dous tempos e escenarios: ano 1998 na illa de Fuerteventura e no Sáhara Occidental, e o Vigo de 2018. O lector, xa que logo, atopará dous saltos no tempo de máis de vinte anos, mais esa arquitectura diferenciada non impedirá que no desenlace todo converxa. Carlos Manso, se nun principio tería de se configurar como un personaxe arisco, finalmente volve ser, como no primeiro libro da saga, un protagonista con moitas caras, e o relato aproveita esta circunstancia para nos mergullar con profundidade na súa orixe, comportamento e motivacións.

Esa arquitectura dupla ten a súa orixe en Fuerteventura e no Sáhara Occidental descoidado polos españois e abandonado en mans marroquís nunha espantada criticada na novela. Na illa e no continente africano atopamos ao inspector Manso pescudando certos acontecementos relacionados co narcotráfico, coa corrupción policial, co enigmático barco American Star, con certas mortes matadas e coa forma pouco apropiada de tratar os nativos. Nesta primeira parte, que leva por título “León e o volcán”, a novela axústase enteiramente ao esquema policial. Pero Manso é un cu de mal asento e o seu labor non se detén. Exercerá en Vigo como detective privado, e esta experiencia nárrase nunha serie de secuencias que levan por título “O kraken e o mar” e que corresponden á época actual. Nesta parte, a máis interesante na miña estima, o lector vaise atopar cun verdadeiro inframundo no que non só agroman a maldade e a corrupción, senón tamén a descuberta de varias galerías e túneles soterrados e abandonados na cidade olívica que serven de agocho para seres corruptos. O relato deriva claramente cara ao detectivesco, con asasinatos e con corrupción nas altas esferas da policía e do clero luxurioso e proxeneta.

A vinganza dos homes bos é un texto fragmentario se temos en conta as súas partes que se entrecruzan, o que pode dificultar a lectura dos seareiros da novela lineal. Por outro lado, se ben no desenlace Manso e convidado a esconxurar as súas pantasmas, a novela permite recoñecer o protagonista principal na súa verdadeira condición de antiheroe. O relato móvese entre a novela detectivesca e a novela negra, e aínda que, para quen isto escribe, predominan as secuencias detectivescas, por veces cobra importancia o retrato crítico da sociedade -marxinal neste caso- e a introspección psicolóxica dos personaxes, ambos os dous trazos definitorios da novela negra.