Xoves 30, Novembro 2023
HomeCulturaUN TESOURO ESQUECIDO

UN TESOURO ESQUECIDO

MÚSICA

Ella Fitzgerald – The Lost Berlin Tapes (Verve. Outubro, 2020)

 

por Carlos Rego

Houbo un tempo en que un andaba preocupado porque non era quen de manter o pulso desa feroz carreira que hoxe en día libran os lanzamentos musicais. Como sobran as preocupacións polas cousas realmente importantes, un día chegas á conclusión de que é imposible ter orellas para todo o que satura as redes de música e, sen gardar as antenas, agardas a que a música que de verdade importa chegue a ti. Sempre chega. E moitas veces a ignorancia fai de mellor amiga e descóbreche algo que pasaras por alto por quen sabe que razóns, e gozas do vello como se acabaras de abrir un agasallo inesperado.

Como no que toca o jazz un non é máis ca un degustador ocasional, non lle fixo moito caso ao anuncio da edición dun concerto inédito de Ella Fitzgerald. Co tempo apréndese a desconfiar das obras mestras agochadas que continuamente redescobren os buscadores de tesouros musicais inéditos, tesouros que poucas veces están a altura do mellor do artista. Porén, unha providencial e casual escoita radiofónica case me fai deter o coche e pararme a escoitar. Que maneira de cantar!

En 1960 Ella gravou en Berlín un disco en directo que entrou directamente no canon da súa discografía e da do jazz vocal en xeral. Dous anos despois volveu á cidade alemá e de novo Norman Granz, o capo de Verve, rexistrou os concertos. Granz deixou o selo pouco despois e as cintas quedaron esquecidas no seu arquivo persoal até agora. Quizais así fose mellor. No seu momento tal vez pasarían desapercibidas. Hoxe abraian dende esa apertura cun «Cheek to Cheek» escoitado miles de veces e do que Ella se apropia dende a primeira nota como se tal cousa, transmitindo unha sensación de gozo que non decae no que queda de concerto. O dominio técnico sáese do común, o fraseo é perfecto e aínda así, todo semella doado, como se iso fora o máis natural do mundo. Os tempos son maiormente vivos, pero por suposto hai espazo para as baladas, interpretadas coa mesma mestría, nunca esaxerando o lado melodramático. Un dos momentos máis espectaculares e a transición dunha sentida «Angel Eyes» ao tempo endiañado de «Clap Hands». Semella inverosímil como é quen de manter afinación e dicción a tal velocidade. O repertorio combina clásicos e sorpresas, unha curiosa visita ao repertorio de Ray Charles nunha feliz «Hallelujah, I Love Him So», por exemplo, ou o blues co que pecha o recital por todo o alto.

Tal vez para a cantante fose unha noite máis das ducias de noites que actuaría ese ano, pero esta gravación recolle un deses momentos máxicos en que todo encaixa, en que cantante e grupo, un fantástico trío que desborda swing, a voz un instrumento máis, comparten unha conexión telepática que os leva máis alá do habitual sen perder unha ditosa lixeireza. Os expertos dirán da importancia deste The Lost Berlin Tapes na obra de Ella Fitzgerald. Mentres tanto a un non lle queda máis que volver colocalo no reprodutor e sentir unha hora longa de felicidade plena.