Martes 22, Setembro 2020
Home Cultura UN RESUMO DO MUNDO, UN NOVO LUGAR

UN RESUMO DO MUNDO, UN NOVO LUGAR

POESÍA

Alba Cid, Atlas. Galaxia, 2019. 80 páxinas

 

por Ismael Ramos

Estes días, o CGAC acolle no corazón da súa sede unha instalación de Francesc Torres —A campá hermética. Espazo para unha antropoloxía intransferible (2018)— onde o catalán exhibe recordos coleccionados ao longo de toda unha vida, facendo especial fincapé na infancia. Danse cita no ventre escuro e transparente das vitrinas: vehículos de lata, cómics e revistas, xogos de indios e vaqueiros… En definitiva, un resumo persoal e minucioso do cosmos, da súa multiplicidade histórica e diaria, da súa contundencia enumerada. Dísenos: podemos ollar e catalogar as partes, pero nunca compoñer o todo. Dun xeito similar procede Alba Cid no seu primeiro poemario. Atlas é tamén un exercicio de coleccionismo e cartografía. Dende a torrencial dedicatoria, a autora pon en pé de igualdade a fascinación por Brueghel e o amor polas bonecas Polly Pocket dos 90, evidenciando a súa vontade de xogo e contraposición. Non importan os elementos e a súa procedencia, senón o xeito en que se combinan para facernos ver alén de si mesmos.

Se na campá de cristal de Torres atopamos un tarro de vidro repleto de cascas de cantariña recollidas en Nova Jersey trala gran eclosión de 1993, Cid compara no poema a caída deses mesmos insectos co suicidio de Safo, tantas veces representado nas pinturas do XIX. Trátase non tanto de expoñer os achados, como de superpoñer datos, movementos, bosquexos. Os mapas que nos ofrece este Atlas veñen ordenados en cinco ciclos continentais, un epígrafe para o “Ártico” e un “Ensaio” final, pero o fío condutor dos materias é o soporte sobre o que se trazan os planos: ese papel de cebola imaxinario que permite a máxica transparencia, o diálogo e a suspensión do tempo no poema. E digo materias, non textos, porque este é tamén un libro de fotografías —propias e alleas, atopadas— que lle outorgan ao conxunto un aire documental e enciclopédico á maneira de W. G. Sebald.

O poemario declárase besta medieval dende o seu inicio: “Oh to be a dragon!”, en palabras de Marianne Moore, pero domestica a súa grandeza á hora de atopar unha voz e unha sintaxe propias e próximas ao lector, sempre lúdicas e nada condescendentes, véxase o antolóxico “Instruccións para arrolar o canón do Sil”. Cid dialoga explicitamente con autoras que van dende Dickens e Pound ata John Ashbery ou Jorie Graham e faino en pé de igualdade. No reconto de citas e nomes o peso da escola americana é evidente, sobre todo se pensamos nas reverenciadas Anne Carson e Marianne Moore, pero tamén están Chus Pato, na dicción, ou Cunqueiro, no xogo erudito. Brilla especialmente a homenaxe a Francisco Cortegoso.

A poesía de Alba Cid non se parece a nada e conteno case todo. Está feita de pezas únicas e delicadas que medran no traxecto da lectura, parellas ao asombro da “pequena occidental” que conta e nos canta. Atlas irrompe na poesía galega co balbordo, a liberdade, a elegancia e o exotismo do voo das cegoñas. Imposible apartar a vista.

Novidades