Mércores 28, Setembro 2022
HomeCulturaUN PERFIL EMIGRANTE AFASTADO DO CLIXÉ

UN PERFIL EMIGRANTE AFASTADO DO CLIXÉ

ENSAIO
Migrantas
María Alonso
Editorial Galaxia
Vigo, 2021
196 páxinas

 

por Gabriel Gómez

Emigración e Galiza é un binomio inseparábel desde o século XVIII, cando os primeiros galegos marchaban a Castela ou Andalucía para traballaren como xornaleiros. Os últimos douscentos anos levaron a máis dun millón e medio de galegos e galegas a espallarse polo mundo. Lonxe de que a sangría que supón a emigración cesara, esta tense mantido máis ou menos activa ao longo dos últimos corenta anos, tanto é así que na última década Galiza xa perdeu case douscentos mil habitantes.

A emigración ten sido obxecto de estudo e leitmotiv literario desde sempre. É un tema que, de tan trillado xa se converteu en clixé, e como clixé non se toma o suficientemente en serio. Cando falamos de emigración, inevitabelmente vén á nosa mente a fotografía en branco e negro de Manuel Ferrol. Porén, a emigración é unha realidade multicolor.

Por iso, que apareza un ensaio como o de Migrantas, de María Alonso, é tan gratificante, porque axuda a debuxar un perfil de emigrante afastado do clixé: muller, altamente formada, que emigra porque en Galiza non se lle dá a oportunidade de desenvolverse profesionalmente. Unha muller cansa de traballar en postos de traballo de baixa cualificación. E a autora non o fai cun ensaio ao uso, senón a través de entrevistas a mulleres que tiveron que emigrar. Migrantas.

A pesar de seren entrevistas que se poden ler de forma illada, de seren lidas de forma conxunta, debúxannos un retrato actual da emigración que nos axuda a percibir, como xa mencionei, que non é un fénomeno que pertence ao pasado: interiorizamos tanto o feito de marchar fóra como algo natural que non comprendemos que, máis de douscentos anos despois, as galegas e os galegos seguimos a emigrar. E estas entrevistas tecen un fío que une a estas mulleres e ás súas historias, unhas historias de realización mais tamén de fracaso, ese fracaso que hoxe en día está estigmatizado por mor da cultura do esforzo e da ditadura de Mr. Wonderful, cando o fracaso é parte consubstancial da vida e que apareza reflexado nas páxinas de Migrantas é moi acertado.

As preguntas que vai debullando María Alonso fan que a entrevistada se abra e nos conte a súa vida, o seu percorrido vital até chegar a vivir lonxe do seu lugar de orixe, e provocan que reflexione tamén sobre a súa condición de “migranta”, sobre a relación que mantén coa súa presente vida no seu país de traballo e con aqueloutra que deixou en suspenso na Terra.

Este ensaio é apenas unha porta que se abre. É un grande acerto que María Alonso o enfocara desde unha perspectiva feminista, xa que esta visión amplía e enriquece o foco, e sempre deberiamos camiñar cara a iso: cara a ampliar e enriquecer o foco.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]