Domingo 1, Outubro 2023
HomeCulturaUN MAPA CLARIFICADOR

UN MAPA CLARIFICADOR

ENSAIO

Mapa ecosocial de Galicia, de Rebeca Fernández Hermo e Xosé Manuel Veiras García. Catro ventos Editora, 2019. 96 páxs.

 

por David Rodríguez

Sabemos que os mapas son obxectos moi útiles. Pero tamén sabemos que non son algo neutro: a representación do mundo non é igual coa proxección de Mercator que coa de Peters, por exemplo. Os grandes medios de comunicación debuxan cada día o seu propio mapa ideolóxico sobre o estado do mundo e un espectador atento debería facer con eses mapas un san exercicio de distanciamento: que proxección inconfesada están a usar?

Coma pinga de auga no océano, a editora Catro ventos tira do prelo este Mapa ecosocial de Galicia (2019) asinado pola xornalista e activista Rebeca Fernández Hermo e mais polo biólogo e activista Xosé Veiras García. Un plano que emprega unha proxección diferente á que habitualmente vemos nos medios de comunicación.

Trátase dun libro breve (apenas 100 páxinas), con gran vontade divulgativa, o que se traduce nunha aposta pola amenidade á hora de ofrecer a información, con profusión de recursos gráficos e no que se foxe do texto corrido. Estamos, por tanto, ante un libro moi visual e que aspira a ser unha aproximación ao tema; característica que non menoscaba a rigorosidade e crueza á hora de pintar o gran fresco do país no que respecta a un cúmulo de temas cardinais. Para a exposición deses temas, os autores dividen o traballo en 10 bloques nos que se vai debullando o estado da cuestión —desde un punto de vista da política estrutural ou de longo prazo e non da política como regate curto— en aspectos como poidan ser a enerxía, o cambio climático, a crise da biodiversidade, o mundo agrario, os incendios forestais, o mar, o consumo, a calidade de vida, os coidados e o territorio e a poboación.

Como calquera pode supoñer, o panorama xeral nestes bloques temáticos non dá para moitas alegrías, porén, ademais de os autores transmitir a idea de que hai alternativas globais ao existente, de que cómpre non tirar a toalla, cada bloque temático remata coa referencia a algún caso concreto, propio do país, no que xa se estea a traballar nesas alternativas, algo que se agradece polo que ten de vacina contra certo cosmopolitismo abstracto habitual nalgúns xeitos de entender o ecoloxismo e porque dá a coñecer exemplos próximos e o traballo de persoas que, sen dúbida, agradecerán calquera tipo de colaboración.

Estamos ante un libro que pon en práctica o axioma xurdido nos anos 90 do século XX segundo o cal o urxente é pensar globalmente e actuar localmente, que conxuga ben o rigor coa eficacia comunicativa e que serve como radiografía de aspectos relacionados coa política en maiúsculas: a que se ocupa da viabilidade das sociedades humanas no planeta Terra —e nese recanto do planeta chamado Galicia— en condicións dignas, solidarias e sustentables.