Luns 2, Outubro 2023
HomeCulturaUN LIBRO VELLO E NOVO

UN LIBRO VELLO E NOVO

POESÍA
María do Cebreiro, A herba de namorar. Galaxia, 2019. 142 páxs.

 

por María Xesús Nogueira

Dúas décadas van desde a publicación daquel sorprendente O estadio do espello (2018), escrito por María do Cebreiro cun corazón novo do trinque, como deixara dito Cunqueiro, até o seu polo de agora último libro, Soños. Arquivos. Cartas (2018). Ao longo de todos estes anos a súa poética foi medrando a ritmo intenso e constante, nun tránsito que fixo parada en rexistros diversos que en todos os casos comparten a rotundidade do verso e unha suxestiva precisión verbal.

Tal disparidade na modulación do discurso non oculta no entanto algúns trazos comúns doadamente recoñecíbeis, como o culturalismo, as máis das veces lúdico, que aflora a miúdo no verso, unha distancia que escora cara ao humor (cando non cara ao escepticismo), unha práctica da escritura como reflexión, tamén literaria, e a infiltración do pensamento político no texto. Poemario a poemario ―quince― a autora foi construíndo unha voz que flúe, como a vida que tantas veces invoca en paralelo á escritura: “―A vida é un instinto? / ―A vida é o que temos”.

A herba de namorar recolle unha mostra da creación poética de todos estes anos pero tamén moito do pensamento desenvolvido pola autora na súa faceta profesional, a investigación e a docencia en teoría da literatura. A voz da crítica faise visíbel nas consideracións expostas no limiar “Os anos perigosos”, onde fala da súa propia evolución no marco da poesía galega das últimas décadas, das que non esquece algúns nomes significativos. Un proceso de reflexión percíbese tamén na factura da auto-escolma, concibida dun xeito semellante “ao que na feliz tradición da poesía anglófila se denomina selected poems”. Así, quen fixo da antoloxía obxecto de estudo e escolmou os seus propios textos en Objetos perdidos (2007), opta nesta ocasión por prescindir “de calquera criterio de contextualización e ordenación históricas para ofrecer un libro vello e novo, como o é sempre a poesía”, de xeito que o resultado sexa “un libro que pide ser lido nos termos da nova serie recomposta a partir de materiais rescatados da rúa e dos caixóns, como se fose un ready-made poético, ou un documental de metraxe atopada”. O feito de barallar ―con man non inocente― os poemas, co ludismo que tal decisión comporta, supón un exercicio de exploración que convida a unha nova lectura das composicións no novo contexto. Quen “queira pescudar nas súas primeiras vidas” ten ao seu dispor un “mapa”, elaborado por Ismael Ramos en calidade de editor, que permite identificar a procedencia dos poemas. Grazas a este paratexto sabemos tamén da condición inédita de sete deles, entre os que figura o que dá título á antoloxía e que “en palabras de María do Cebreiro, o mudou todo”.

Máis alá do exercicio de exploración que supón a descontextualización e reordenación dos poemas, que seducirá de seguro a quen siga de preto a poesía de María do Cebreiro, A herba de namorar pode ser lido como un libro novo (e vello) que permite apreciar con nitidez a variedade de rexistros dos que a autora botou man ao longo de vinte anos para expresar as súas inquedanzas poéticas.