Luns 4, Decembro 2023
HomeCulturaUN INTENTO DE RENOVAR O XÉNERO QUE NON O CONSEGUE DE TODO

UN INTENTO DE RENOVAR O XÉNERO QUE NON O CONSEGUE DE TODO

NARRATIVA
Costas, Ledicia. Infamia. Edicións Xerais, 2019

 

por Eva Moreda

Infamia (Xerais, 2019), última novela de Ledicia Costas, presentouse ao público como “unha novela de ritmo vibrante que agarra ao lector e que o conduce aos sumidoiros da condición humana” (contraportada do libro), “a novela que estábamos agardando” (cita dunha dinamizadora cultural reproducida na banda promocional da segunda edición), “un cóctel narrativo de alta tensión” (coñecido crítico na banda da terceira), etc. Porén, se atendemos ao resultado, non coido que esteamos aquí ante unha novela “literaria” en que a intriga é unha escusa para o psicoloxismo (non hai personaxes dos que tirar, como explicarei no sucesivo). Estamos máis ben ante un intento de dar outra volta a un xénero xa lido e xa visto mil veces, na literatura, no cine, na televisión de sobremesa sobre todo. E é este un intento que, aínda tendo certa vontade de innovar, non o dá, ao meu ver, conseguido de todo. Non sei se resulta convincente que a estas alturas se nos pinte un personaxe de profesora universitaria pouco convencional resaltando, repetidamente ademais, que viste con vaqueiros e leva o pelo curto (outra lectora, tamén na banda promocional, fala de “perfís psicolóxicos descritos con tal precisión que sobordan a rixidez de calquera manual ao uso”). Non é Emma Cruz, protagonista da novela, a única vítima deste esquematismo na caracterización. Todos os demais personaxes xa serán de sobra familiares para calquera lector de novela do xénero ou espectador de cine ou televisión: o criminal empuxado a tal pola vida e que precisa un catalizador para arrepentirse de todo; o homosexual que segue no armario e que garda un terrible secreto (que logo tamén xa vimos en mil ocasións), etc. Ben é certo que no xénero policíaco non é un demérito tirar de clixés, pero é mágoa que non se atope sequera unha faísca distintiva na caracterización, como si se adoita dar noutras obras do xénero que, xusto por distinguirse aínda que sexa minimamente do montón, teñen éxito. Na ambientación, Costas tira por unha solución en certo modo oposta á elixida por algúns dos autores de máis éxito do xénero en Galicia: en troques de cor local, un non-lugar que si está no país pero presenta poucos trazos distintivos. Como solución é interesante, e deixa algúns momentos que poderiamos cualificar de desacougo (porque se vén a dicir que o que se conta podería pasar en calquera lugar, preto de nós); outras veces, porén, a sensación pode ser máis ben a de decorado xenérico.

Si que adoita ser un puntal deste xénero o dominio do ritmo. As estratexias son tamén aquí as clásicas: capítulos máis ben curtos, co narrador sucesivamente focalizado en diferentes personaxes, conseguido sobre todo desde a metade da obra en adiante. Resulta interesante a decisión de encarrilar o final da novela pasando de narrador focalizado a omnisciente: non sei se deixa intuír unha certa vontade por subverter ou transcender as convencións de xénero, igual que pode indicalo o intercalar poemas e letras de temas musicais (non sei, digo, porque ao cabo paréceme que pesa máis o clixé). Tampouco é este o tipo de novela ao que lle pedimos grandes innovacións no estilo. Hai que agradecer a contención no adxectivar, ás veces, tamén, o adoptar un estilo con pouco floreo que sostén o ritmo. Noutras partes, porén, a cousa cambia, xa sexa por querer dicir moito e acabar escribindo algo que non se entende de todo ben (na páxina 89, “Branca retrocede uns pasos e failles unha radiografía que xamais poderá borrar do seu recordo”), xa sexa por simplemente querer encher liñas (na 266, “Suíza, ese país cunha bandeira vermella coroada por unha enorme cruz branca”).

____________