Venres 22, Setembro 2023
HomeCulturaUN DOCUMENTO HISTÓRICO SOBRE O `DIA DAS LETRAS GALEGAS´ E A REAL...

UN DOCUMENTO HISTÓRICO SOBRE O `DIA DAS LETRAS GALEGAS´ E A REAL ACADEMIA GALEGA

por Luís Álvarez Pousa

A iniciativa de Paco del Riego ten agora un consenso pleno. O `Día das letras galegas´ acabou institucionalizado. O propio Fraga Iribarne, zorro vello, aproveitouno para poñerse a medalla galeguista proclamándoo día non laborable no DOGA (na liña da estratexia que se marcara cando, ao entrar en Raxoi arroupado por unha gaiteirada, se percatou da necesidade de conciliarse cos vellos galeguistas, aos que perseguira desde o ministerio de Información e Turismo franquista).

Porén, por vir da Real Academia Galega (que ata o daquela, e agás contadas excepcións individuais como a do propio Paco del Riego, sesteaba como institución, cando non participaba abertamente nas liturxias do réxime), esa mesma iniciativa entraba no argumentario de cantos/as esixían que a RAG se posicionase a prol das liberdades e dos dereitos de Galicia como pobo.

No documento que aporto (datado no mes de Xullo de 1975), centos de persoas (conservo unha vintena de folios ateigados de sinaturas cos seus correspondentes DNI) bótanlle en cara a contradición de por unha banda non terse significado precisamente na defensa pública da lingua, e pola outra poñer en circulación a iniciativa anual dun `Día das letras galegas´. As preguntas que lle fan ao respecto dan a entender que non lle outorgan á institución a autoridade necesaria -a que lle viría dada pola propia cidadanía galega- como para decidir e publicitar tal celebración.

Velaí o documento en pdf. CARTA AO EXMO. SR. PRESIDENTE DA RAG