A historia do cine adoitamos entendela coma o proceso seguido desde que irrompe a finais do século XIX ata a actualidade, no que vai mudando o seu xeito de emprego: do cine primitivo ao cine clásico, e deste ao cine moderno; do cine mudo ao cine sonoro, a cor, o dixital… Unha continua evolución na que observamos certo sentido, coma o curso dun río. Con todo, a historia do cine é unha acumulación de sucesos que tendemos a ignorar se non contribúen ao relato xeral: accidentes, bifurcacións, propostas excéntricas e desatendidas. A historia do cine está feita de infinidade de historias, do ruído e da furia propias dun medio que adoita esixir paixón e sacrificio aos que queren cultivalo. Unha desas historias está magnificamente narrada no libro O benshi de Galicia. O arrebato cinematográfico de Rey Soto (ed. Alvarellos, 2024), de Manolo González.
O protagonista é Antonio Rey Soto, poeta, dramaturgo, sacerdote e dandi que moito deu que falar cen anos atrás. Na inquieta vida de quen foi o protexido da marquesa de Atalaya Bermeja figura, entre tantos outros, un dato pintoresco: Rey Soto mantivo unha breve relación co cine redactando os intertítulos da primeira longametraxe galega de ficción, Maruxa (1923), e dirixindo pola mesma época a longa documental Un viaje a través de Galicia e Asturias, que el mesmo acompañaba glosando en vivo as imaxes, coma os benshis facían no cine xaponés. Ambas películas están desaparecidas. Rey Soto é un personaxe periférico na periférica historia do cine galego, unha nota a pé de páxina, unha curiosidade… á que Manolo González lle seguiu a pista.
Manolo González é sobradamente coñecido coma un destacado animador do audiovisual galego moderno (véxase o Arquivo da Imaxe, a Escola de Imaxe e Son, a Axencia Audiovisual Galega…). Con este libro que agora publica e co que publicou apenas hai un ano dedicado ao pioneiro José Gil, o autor estase convertendo tamén no gran animador do noso pasado audiovisual. Tanto aquel libro coma este son o resultado de anos de investigación, cheos de rigor e de información nova pero, sobre todo, cheos da emoción propia dunha aventura. O autor sabe de primeira man que quen cultiva o cine, e nun lugar como Galicia aínda máis, afronta unha empresa particularmente incerta, que require de paixón, risco, afouteza… ou arrebato.
A partir da localización do diario no que Rey Soto foi anotando a súa insólita peripecia coma cineasta, Manolo González esculcou canta documentación podía haber para completar un relato con feituras de novela, de película. Unha película que empeza coa epifanía de Rey Soto nunha monumental sala de cine en Manhattan e conclúe co incipiente cineasta perdido nun recuncho do Caribe. É un libro brillante, pero aínda máis nun contexto no que tan desatendida está a memoria e protección do noso patrimonio audiovisual.
O benshi de Galicia.
O arrebato cinematográfico de Rey Soto
Manolo González
Editorial Alvarellos
Santiago, 2024