As Xeórxicas, escritas por Virxilio entre os anos 37 e 29 a.C., son consideradas unha das obras máis importantes e perfectas do gran poeta latino. Por iso non deixa de ser unha novidade que un poeta de semellante altura, arroupado pola historia, sexa traducido á nosa lingua, nestas Xeórxicas, da man de Lucía Gómez Fariña e publicadas pola Ed. Rinoceronte.
Trátase dun enorme poema didáctico, composto por 2.188 hexámetros e dividido en catro libros, que ten como obxectivo principal instruír, mais tamén deleitar, sobre os labores agrícolas e, ao tempo, exaltar a vida rural, mesmo como recurso ideolóxico encomendado polo propio emperador como alternativa para acoller a multitude de soldados regresados da guerra, alternativa simbólica ás Guerras Púnicas, especialmente no contexto da transición política e social da República Romana cara ao Imperio.
Non é a primeira vez que tal emprendemento ten lugar na nosa lingua e cabe lembrar, por exemplo, a versión que fixera A. Gómez Ledo para a Editorial Galaxia, ou as propias Xeórxicas do Pan, acometidas por Ramón Otero Pedrayo, e publicadas por Silvia Penas e un servidor na Editorial Galaxia hai xa doce anos.
Organizadas en catro libros, cada un centrado nun aspecto específico da vida no campo (agricultura, arboricultura, gandería e apicultura), e escritas por encargo de Mecenas, con fins políticos e sociais específicos como eran promover o retorno dos romanos ao amor pola terra e a agricultura; apoiar o programa político de Octavio Augusto, exaltando o traballo e a paz; servir como manual de agricultura en verso, combinando instrución técnica con beleza poética.
O poema destaca pola súa perfección formal e a súa capacidade para combinar información técnica con elementos poéticos e mitolóxicos. Virxilio intercala invocacións aos deuses, referencias a mitos antigos e versos de gran beleza ao longo da obra.
As Xeórxicas están escritas en hexámetros dactílicos, mais na tradución que comentamos optouse pola prosa ante a enorme dificultade de verter en galego a métrica orixinal, permitindo unha lectura fluída. É este un aspecto que habería que reconsiderar, mesmo optanto polo alexandrino como un verso apropiado para dar conta no noso idioma do hexámetro latino, á súa vez adaptado do grego por Ênio no século III-II a.C.
As Xeórxicas tiveron unha influencia significativa na literatura posterior, especialmente durante o Renacemento, cando se converteron nunha referencia habitual para o tema do “Beatus Ille” (feliz quen considera vivir nalgunha aldea).
En resumo, as Xeórxicas de Virxilio son unha obra mestra que combina instrución agrícola, beleza poética e propósito político, consolidándose como unha das creacións máis admiradas e influentes da literatura latina.
Os nosos parabéns, con todo, para a editorial e a tradutora por tan feliz emprendemento.

Xeórxicas
Virxilio
Traducido por Lucía Gómez Fariña
Editorial Rinoceronte
Cangas, 2024
Número de páxinas 138




