Ó saír de exercer o meu voto nas últimas eleccións autonómicas, escoitei a unha muller de avanzada idade dicirlle a outra con sorpresa: “no era a vacunar, era a votar!”. Días máis tarde, de paseo por Pontevedra, cachei sen querer outra conversa entre rapaces que xa mercaran os abonos para tres macrofestivais, sen saber quen ía actuar, porque lles daba igual, que o importante era estar alí. Entre non enteirarse de a quen votamos e non saber quen canta tampouco atopamos tanta diferenza, se somos un pouquiño esixentes coa política ou coa música. O que acontece con esta última é que aínda existe unha nobre á par que minoritaria resistencia a caer no de sempre, cousa que é de agradecer e que é o caso dos grovenses The Limboos.
Capitaneado polos seus fundadores Daniela Kennedy, Roi Fontoira e Sergio Alarcón, e tras patear con indiscutible éxito os circuitos estatal e europeo na última década, o grupo afronta agora unha viraxe estilística, evolucionando a súa mestura de rhythm and blues e exótica lounge cara sons máis complexos e suxerentes. O seu último disco longo foi producido por Martín García Duque e chámase Off The Loop.
Where The Wild Things Come True proporciona unha elegantísima introdución ó elepé, con sintetizadores sinuosos, acordes de sétima maior e Roi na voz principal, que dá paso ó poderoso e persoal fraseo de Daniela na sincopada The Guest. Todos os trucos que poidas imaxinar están neste disco: ecos, reverbs, vibratos, seccións de cordas, osciladores, distorsións… e todos eles parecen confluir nesa especie de sintonía de película de James Bond que é Dark Is The Night.
Crédeme se vos digo que estou escribindo isto co cabelo de punta mentres a escoito. O groove da batería de Daniela en In The Loop propón un retorno ó trip hop dos 90, actualizado con etéreos coros vogais que alcanzan a éxtase sonora en conxugación coa intencionada suciedade das guitarras. Un orxiiástico frenesí invade o comezo de Stranded, tema no que aínda se aprezan vestixios da banda de r’n’b que eran até hai nada. Momento para a soñadora Hangin’ Up, que combina o britpop máis sesudo e o góspel moderno antes que a misteriosa X empregue todo un arsenal percutivo (que ben soa esa batería!) baixo unha ladaíña de Fontoira. Os espectrais teclados de Sergio debuxan liñas vermellas en Red Line, sen deixar de engadir atmósfera ó asunto. Rematan o disco a ritmo de vals con Unfinished Ending, onde a gloriosa voz de Daniela volve dominar unha canción que case reúne todos os estilos referenciais dos Limboos nun só tema, deixándonos salivando con ganas de máis.
Pregúntome canta xente sentará a escoitar este disco enteiro e con atención. Porque está claro que a unha maioría absoluta de consumidores mainstream seguro que lles dá igual o moito choio que lles deu ós autores, e o marabilloso resultado conseguido.
Off The Loop
The Limboos
Penniman Records, 2024