Terbutalina: retorno á orixe

A banda de Esteiro regresa ós básicos neste seu cuarto álbum de estudio, un longo de oito cancións que leva por curioso título Era Cabra. Tras revisar “os seus principios máis esenciais”, Terbutalina pasan por un proceso de autoevaluación e revitalización dende o seo do grupo, que conduce a unha inevitable renovación. Como ten sucedido en tantas ocasións ó longo da historia da música popular, despois de periodos evolutivos de duración variable nas traxectorias artísticas, faise necesario un ‘back to basics’ que volva poñelos en perspectiva creativa.

O grupo declara dende a súa web que o novo disco vén sendo a proxección dun lapso de tempo “cargado de concentración, creación e regresión”, prometendo “sorpresas, reencontros e regalos da vida”, aparte da música, claro está, “con sabor a Terbutalina”. Non haberá, empero, sorpresas estilísticas ou estruturais, manténdose a seguro a personalidade do cuarteto nas súas premisas identitarias. É dicir: a irreverencia, o minimalismo punk, a actitude e a diversión continúan formando parte da festa.

Era Cabra consta de oito pezas de puro “sonido Esteiro” nas que predominan os ritmos lixeiros e as melodías directas. Rexistrado ó vivo, ofrece coma resultado un son compacto e sen regañas que non impiden a infiltración de momentos de eléctrica tensión contida, froito da autoconfianza, as noites de trouleo, as horas de estrada e as gañas de recuperar o tempo que todos perdemos nos últimos anos.

As letras das cancións de Era Cabra evitan calquera tipo de arrodeo, nunha sorte de poesía urbana reducida á mínima expresión. Sempre fresco abre o disco deixando manifesto quen vén “vender o peixe”, exhibindo tanto unha posición animosa coma unha lograda intro de guitarras. Preghiseiro honra ó seu título camanduleando sobre un riff que lembra a uns Damned da ría de Muros, mentres que Romerías e Que retemble o chan invocan ese espírito terbutalínico que non ten máis pretensión ca de… andar de esmorga. E é nese ambiente onde se esconde a Xente da noite, posiblemente o tema máis obsesivo deste breve LP. Case podemos intuir unha liña narrativa entre pezas, xa que a continuación, en Arder todo, imaxinamos unha secuencia de acontecementos que non terán remedio cando cheguemos á escoita de Xa foi. Con todo, pecha este álbum (de transición?) Todo o demais, que bascula entre críptica mensaxe de amor ó público e unha subliminal declaración de hedonismo individualista.

Era Cabra foi gravado e producido por Tomás Axeitos nos estudios A Ponte, e masterizouno Robin Schmidt nos estudios 24-96 en Karlsruhe (Alemaña). O deseño de portada correu a cargo de Guillotina Estudio.


Era Cabra
Terbutalina
2023, Folc Records